Chegadas a este punto da nosa serie, pódese dicir que conte a nación catalá con aliado algún na Galiza na súa loita soberana pola independencia? Para atopar unha resposta, debéramos ollar primeiro aquí cara o espectro político nacionalista galego por razóns evidentes: non soamente é a principal corrente militante da chamada “esquerda” galega dende os anos 60 do pasado século (algo que admite pouca discusión), senón que ven ademáis históricamente vencellado ao marxismo, punta de lanza histórica na loita pola liberación nacional das nacións oprimidas do mundo, en practicamente a totalidade das súas expresións organizativas (un punto diverxente cos nacionalismos vasco ou catalán).
Alén de oír un case inmediato “Si, dende logo!” dende as filas de calqueira organización galega que se defina nacionalista, soberanista ou independentista, non é tan sinxelo argumentar que podamos falar de verdadeiros aliados efectivos ou tan sequera sinceiros. Abonde retomarmos o caso de Anova, que levando o apelido de “Irmandade Nacionalista”, lidia co paradoxo dunha parte considerable da súa militancia, a histórica FPG de Ferrín e a organización xuvenil Xeira, que repudia hoxe xa abertamente o adxetivo de “nacionalistas” polo de “independentistas” ou simplemente “republicanas”.
Obviamente, non quita isto de compartir proxecto político e análise da realidade galega con nacionalistas confesos coma Beiras, e que polo tanto, alguén alleo ás súas siglas non se vexa na obriga de ter que renunciar a categorizar á FPG como parte do nacionalismo galego. O que é un absurdo só entendible nunha disputa “polo relato” entre rivais dunha mesma corrente política (e que fai que, polo tanto, teña pouco sentido considerar seriamente as declaracións dunha ou outra parte interesada), cobra interese maior en tanto que foi precisamente a política de “Unidade Popular” coa esquerda unionista (tan criticada dende o comezo polo resto do movemento nacionalista galego) a que levou a Anova, como suposto partido independentista, a someterse a unha liña e axenda marcadas dende e para Madrid, nunha cada vez menos xustificable comunión coa opresión nacional española.
Seguido na lista de importancia, cómpre xa que logo dirixir a nosa atención cara o BNG, que tralo trauma da escisión de Anova e consecuente perda de cadeiras nas institucións (ben por transfuguismo, ben por trasvase de votos cara a nova forza) mantivo as apariencias tras case dárselle por morto. Asistir atónito a como ocupaban o seu espazo electoral forzas políticas que ate hai 5 anos non tiveran nunca representación no parlamento galego, deu en retomar no Bloque o vello recurso socialdemócrata da “refundación” (onde nada cambia máis que a cara da candidata) da que sairía a dirección actual de Pontón.
Contar cunha considerable rede militante a nivel comarcal e cunha presencia ainda importante no movemento sindical ou feminista do país, “salvou os pratos” nas últimas citas electorais galegas e propiciou certo lavado de cara interno cun renovado discurso orientado á “mobilización” (Pazo de Meirás, AP-9, Sanidade...) deixado de lado polos seus rivais inmediatos. Un discurso que mesmo recuperaba a reivindicación identataria “soberanista” aparcada dende antes da época do bipartito na Xunta.
Lamentablemente para o pobo catalán, daquela promesa de Pedro Sánchez ás portas do 1-O, sobre unha reforma pactada da constitución para “recoñecer o carácter plurinacional e federal do Estado”, só pareceu dar creto na Galiza precisamente o BNG, que inmediatamente pronunciouse a favor de “aproveitar a oportunidade para Galiza” dispóndose para o debate cun partido asinante do 155 (e que xunto ao PP e C's, suma de lonxe os 2/3 dun Congreso no que nin sequera conta xa con representación).
Tal tomadura de pelo, habida conta das circunstancias nas que se producía, tornaba surrealista ao podermos oír das voceiras oficiais deste partido declaracións públicas sobre a incredulidade que lle suscitaba ao Bloque que “a petición de diálogo e mediación internacional de Puigdemont” tivera como resposta dende Moncloa “a ameaza”. Chamados ridículos á “necesidade de buscar solucións democráticas”, ao “diálogo, mediación interna” (citamos literalmente) con quen puxo freo á DUI, encarcerou ou forzou ao exilio a medio goberno catalán, e fala mesmo de recentralizar no goberno do Estado competencias como a Educación.
Que só saltaran aquí escandalizados algúns sectores menos “pragmáticos” das bases militantes do MGS-Isca (menos acostumadas á xestión institucional), Galiza Nova ou a propia UPG, responde a ter sabido combinar esta política de sumisión e obediencia ao marco constitucional, cunha aparente solidariedade de resolucións simbólicas no Parlamento recoñecendo os resultados do referendo, manifestos varios, e o soporte loxístico das mobilizacións populares de apoio dende Galiza.
Cómpre con todo salientar e valorar positivamente, mesmo cos seus autoimpostos límites do “políticamente correcto”, etc., estas e outras accións de militantes nacionalistas galegas con carné do Bloque que, con plena sinceridade e convicción internacionalista, quixeron dar resposta ante a acometida do chovinismo español hexemónico onde outros nada tentaron por facer. Nestas mesmas tarefas, contaron coas mans doutras organizacións nacionalistas á marxe do institucional e demáis militancias defensoras do lexítimo dereito dos pobos a decidir o seu destino (comunistas, sindicalistas, anarquistas, feministas...), que quixeron tamén estaren á altura da situación. En non poucos casos, mesmo en contra da resolución oficial do grupo/partido do que forman parte.
Nunha posición ben diferente atópase quen, ao cabo dunhas semanas, desfixo a escenografía do seu teatro solidario para retomar a “política real” da man que lle da de comer. A vía realista para un partido como o BNG é a de agardar un cambio voluntario nun réxime que leva xestionando educadamente dende os 80 onde lle tocou, e que sen chegar a repetir o discurso da esquerda “equidistante” española (que pretendendo non se mollar nunca, rematou equiparando aos das “porras e a bandeira franquista” cos das “urnas e a Estelada”), súmase discretamente ao quintacolumnismo dunha “comunidade internacional” que coma en tempos da ditadura de Franco, déixalle facer en última instancia á represión española contra a disidencia catalá. A cota de solidariedade, entenden, cumprírona “de lonxe” cun par de declaracións á prensa e a oportuna foto dos seus rostros públicos tras unha faixa para a ocasión.
Mala dixestión ten dende logo, acomodarse ao ditado unionista-constitucionalista á vez que se mantén un enfrontamento electoral coa esquerda deste (En Marea, Anova, Podemos-EU). A experiencia do pobo vasco primeiro, e do catalán no presente, demostra que a “vía autonomista” da reforma, do diálogo asimétrico co Estado, foi sempre unha vía a ningures. Quen defenda esta, debera explicar antes por que o resultado en Cataluña, cunhas condicións de maioría social, electoral e política independentista, foi o de sufrir a aplicación do 155 sen alternativa dende os líderes do procés; e sobretodo, como pretende evitar isto mesmo no caso propio.
Unha precisión importante, é que é o Estado español (e non simplemente o PP) quen dirixe este ataque contra o pobo catalán: velaí que mesmo nun escenario de reforma constitucional española no que algúns poñen as esperanzas, resulte estéril formular propostas que pasen o filtro reaccionario dunha sólida maioría social e institucional unionista a nivel do Estado. Esquecen, quizáis, que existen poderosas razóns estruturais económicas para que o Estado nin poda permitirse nin quera asumir “recoñecementos” como o do “dereito a decidir” á falta de contraporlle unhas condicións que materialicen estes.
Contra os das medias tintas, “Solidariedade” non significa só adherirse simbólicamente a unha causa, senón participar activamente nela. Solidarizarse hoxe con Cataluña é inalienable dun apoio explícito e público á causa independentista catalá, e dun consecuente enfrontamento aberto co seu inimigo, que non é outro que o Estado español. Tentar diluír a causa da independencia, defendida afoutamente polo pobo catalán ante os continuados envites da maquinaria españolista, en lamentos xerais sobre a falta de democracia e liberdades en todo o Estado (como fixo algún manifesto “solidario” da nosa escea política nacional) non é mellor que o criticado silencio dos Comuns e resto da izquierda tricornio ante os encarceramentos, exilios e agresións policiais a independentistas catalás.
Resulta inevitable aquí o símil coa imaxe do afiliado do PSOE que acode convencido a cada concentración na súa cidade en solidariedade co pobo saharauí ou palestino, e non atopa contradición algunha con que o seu candidato chegado a Presidente do Goberno estreite vigorosamente a man do seu homólogo de Marrocos ou Israel. A solidariedade cas oprimidas, como vemos, non era algo tan evidente como semellaba de entrada.