A esquerda galega e o relato: unha relación inexistente

A décima lexislatura en Galicia comezou hai, como quen di, uns intres, mais asisto asombrado ao que xa parece ser tradición na nosa terra: as loitas cainitas na esquerda galega. Neste caso, os titulares foron caer no estéril debate sobre os soldos dos deputados, o reparto das oficinas parlamentarias entre os diferentes grupos da oposición ou os líos de xestoras. Podían ter sido outras minucias calquera, pero desta vez tocaron estas.

A esquerda galega perdeu hai dous meses unha oportunidade de ouro para desbancar a Alberto Núñez Feijóo e ao Partido Popular da Xunta de Galicia. Unha victoria que hai ano e pico, tras as eleccións municipais, albiscábase casi feita transformouse nunha nova victoria por maioría absoluta do PP, a terceira consecutiva.

Entre outros erros, En Marea, PSdeG e BNG perderon ditas eleccións polos seus líos internos, que menoscabaron a súa capacidade de presentarse ante a maioría da sociedade galega como unha alternativa real ao PP e ás súas políticas. A esquerda galega non foi quen de construír un relato político que trasladase á sociedade dúas mensaxes clave: que o proxecto do PP estaba esgotado e que ao outro lado había unha alternativa capaz de construír un modelo de país diferente.

Neste caso, os titulares foron caer no estéril debate sobre os soldos dos deputados, o reparto das oficinas parlamentarias entre os diferentes grupos da oposición ou os líos de xestoras

O relato político non é un tema baladí: nel débese apoiar todo o labor comunicativo dun partido político. Ten que reflectir as prioridades e as claves sobre as que se vai sustentar o seu traballo, tanto no Parlamento como fóra del. Serve para transmitir valores, obxectivos e construír identidades; para “reencadrar”, é dicir, alterar o significado atribuido á unha situación cambiando o marco sobre o que se presenta; e para construír unha visión do pasado, do presente e do futuro.

Hai quen di que Feijóo é un mal xestor; pode ser. Non é a intención deste artigo entrar a valorar iso. Mais o que Feijóo si é téñoo seguro: un bo comunicador e un bo candidato, apoiado por unha maquinaria electoral engraxada á perfección. O Partido Popular e Feijóo foron quen de construir un relato apoiándose en tres trabes: a súa acción de goberno, a división xeralizada do resto de partidos da esquerda e a premisa de que eles poñían Galicia por diante de calquera cousa. Con este relato percorreu Galicia e conseguiu convencer a case 680.000 galegos para que o levasen, de novo, á Presidencia da Xunta. Pouca broma.

Se a esquerda galega quere ser alternativa dentro de catro anos ten que empezar a preocuparse agora por empezar a construír un proxecto político acompañado dun relato que a cidadanía poida entender, e afondar en canles de comunicación que favorezan que dita mensaxe chegue coa menor distorsión posible aos cidadáns

Feijóo e o PP non construíron dito relato en catro meses de precampaña e campaña, senón ao longo dos case oito anos que levan gobernando o noso país desde San Caetano. Porque só así pode ser efectivo. Ben é certo que contan cun entramado mediático que xoga ao seu favor, pero á hora de afrontar o labor político as formacións teñen que ter en conta todos os factores, e non laiarse porque estes sexan adversos.

Tanto PSdeG, BNG como AGE e despois En Marea deberían tomar nota disto. As eleccións non se gañan nunha campaña electoral (salvo honrosas excepcións), senón a partir do día seguinte de telas perdido. Se a esquerda galega quere ser alternativa dentro de catro anos ten que empezar a preocuparse agora por empezar a construír un proxecto político acompañado dun relato que a cidadanía poida entender, e afondar en canles de comunicación que favorezan que dita mensaxe chegue coa menor distorsión posible aos cidadáns.

Non é unha tarea fácil, ben é certo. Require traballo e chegar a acordos entre diferentes sensibilidades. Tamén require pensar a longo prazo e deixar de lado esas loitas cainitas que, no maior dos casos, non preocupan á cidadanía. Mais só así poderán ser alternativa a un PP que xa está, de novo, traballando nisto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.