A esquerda viguesa e o emperador

Nestes últimos días, aquí e alá, fun escoitando algunha xente que expresa as súas intencións ou preferencias respecto ás proximas eleccións municipais. Que son en maio, pero como dixo metendo ben a zoca un comentarista da dereita (F. Marhuenda), estamos xa en período preelectoral. Meteuna porque ao tempo defendía a reforma da Lei (pra que goberne a lista máis votada) que hai unhas semanas semellaba estar decidida en firme e agora parés que baila un chisco na cabeza de Rajoy. Sendo iso certo, o do período preelectoral, a reforma resultaría contraproducente prá imaxe do goberno de Madrid, e de paso estimularía aínda máis as tendencias da esquerda a confluír en candidaturas de forza maior contra os partidos do réxime.

Moitos datos deben estar manexando, os dirixentes do PP, pra que en tan pouco tempo estean mandando estes sinais de tenteo e rectificacións: agora resulta que a reforma da Lei do Aborto non lles parece conveniente nesta altura. Moi malos datos nas enquisas de uso interno (as publicadas non son fiables), moitas dúbidas sobre como encarar o 2015 debe estar tendo Pedro Arriola (asesor principal do PP).

En canto ás opinións e intencións de voto pola esquerda en Galicia, e concretamente en Vigo, a cousa podería resumirse así:
–Hai quen pensa que o mellor é votar Podemos.
–Hai quen pensa que o mellor é reeditar AGE.
–Hai quen pensa que o mellor é votar BNG.

A primeira opción (Podemos) baséase na súa presenza crecente, tanto mediática como organizativa, e no seu discurso novidoso nalgúns aspectos. A segunda (AGE), no feito de que esta coalición xa deu bos resultados no pasado recente, e representa unha sólida posición confluente entre sectores da esquerda independentista e federal. A terceira (BNG), na tradición do nacionalismo entendido case como unha ideoloxía e sobre todo no rechazo a confluír con forzas de ámbito estatal.

Mais cómpre deixar de momento a un lado as preferencias de siareiro incondicional e tentar facer as contas pra lograr anticiparse, o máis posible, ao que pode dar de si a terque realidade (sempre tan dura). Nas eleccións europeas, que non son semellantes nin extrapolables ás municipais, pero si o referente máis próximo, e con todos os actores políticos presentes (aparición de Podemos), en Vigo déronse estes resultados:

PP 27.883 25,47%
PSOE 24.533 22,41%
AGE 14.711 13,44%
Podemos 13.593 12,42%
BNG 7.340  6,7%

 

Falemos claro e ateñámonos ao que semella ser máis probable: Se o BNG se presenta pola súa conta, sen alianzas con ningún outro partido, cabe supoñer (así opinan algúns militantes do BNG) que quizais tivese dificultades pra manter esa porcentaxe ou mesmo pra superar nas municipais en Vigo o 5% dos votos. Se AGE se reedita en Vigo, coa configuración das autonómicas de 2012, seguramente vería mermados os seus apoios (daquela nun 19,48%), que poderían asentarse arredor do 14%. Se Podemos se presenta pola súa conta, directamente como partido, beneficiaríase da presenza mediática, aínda que carecese de persoas coñecidas e con experiencia no campo do municipalismo. Supoñamos que acadase unha porcentase entre o 15 e o 20%.

Botemos entón as contas. Se prescindimos dun 12% dos votos que se reparten entre diversas opcións por debaixo do 5%, a composición do panorama sería máis ou menos esta:

PSOE 27%
PP 22%
Podemos 18%
AGE 14%
BNG 7%

 

Estamos facendo só unha hipótese, pero por moito que baixemos ao límite os votos do PP (casos de corrupción xeralizada en Galicia, efecto negativo da política do goberno central) e por moito que subamos os de Podemos, o resultado sería con toda probabilidade que a lista do PSOE, con Abel Caballero apostando descaradamente polo centro dereita, sería a lista máis votada (a pesar da corrupción no Concello).

Coa reforma da lei electoral, ao non acadar ningún partido o 40% tería que producirse unha segunda volta entre PSOE e PP. Veriamos entón que ían votar os que prefiren listas separadas de AGE, de Podemos ou do BNG. Votarían a Abel Caballero? Non creo. Entón terían que absterse, pra ser consecuentes. E o goberno do Concello de Vigo quedaría exactamente nas mans de quen está agora. Co PSOE apoiado nos orzamentos polo PP. Sen a reforma da lei electoral, o PSOE veríase beneficiado pola lei D'Hont vixente, e o resultado sería o mesmo.

Pero existe outra opción, que me parece a máis razoabe e a máis comprometida na defensa da maioría agredida polos bancos e os partidos do réxime: concentrar todas as forzas da esquerda rupturista nunha única candidatura municipal. Non se trata de sumar siglas por arriba, senón de facer viable que a enorme indignación do pobo de Vigo se exprese directamente en forma de plataforma cidadá, como son as chamadas Mareas.

A confluencia da esquerda rupturista, por exemplo, en forma de Marea de Vigo, tanto se o BNG decide sumarse como se non, daría como resultado un efecto multiplicador e o panorama podería ser máis ou menos este:

Marea de Vigo 38%
PSOE 23%
PP 22%
BNG 5%

 

Neste caso, se houbese reforma electoral, a segunda volta serían entre a Marea de Vigo e o PSOE, e polo tanto calquera persoa de esquerdas (cun Abel Caballero defensor da Cruz do Castro falanxista) non tería dúbidas respecto a quen votar. E se a Lei electoral se mantén como está, a Marea de Vigo estaría en condicións de gobernar con ou sen apoios adicionais.

Por outra parte, a confluencia pola base nunha Marea non presenta os perigos dunha coalición postelectoral. Os gobernos de coalición a posteriori sempre supoñen tensións de intereses partidarios. O que entrou co 15% aspira a lograr nas seguintes eleccións o 17%. Pero sen siglas, e participando a título individual, o único que existe é un resultado global debido á confluencia e sen distincións de partes.

A política de esquerdas non ten por finalidade satisfacer a proxección individual nunha marca sólida ou exitosa. A política de esquerdas non se esgota nas expectativas dun grupo, especialmente nestes tempos de brutal guerra de clases. A acción política da esquerda só debe responder aos intereses da maioría agredida.

Por certo: supoño que non é necesario aclarar a quen lle chaman en Vigo o Emperador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.