Lemos por aí que Enrique López Veiga, exconselleiro da Xunta durante moitos anos e actual senador do PP cobra, entre o seu salario (que se gaña duramente deixándose a pel a diario no Senado, ese lugar estresante; todos sabemos o dificilísma e durísima que é a vida dun Senador) e algunha pensión, 132.000 euros. Cando se coñeceu o dato produciuse un certo escándalo. Mais o grave, ao meu entender, non é que gane iso. Non teño dúbidas de que eses cartos son seus e que lle corresponden. O que me parece mal é a explicación que deu cando lle preguntaron polo esaxerado da súa oronda nómina: "se é legal, é ético".
Foi moito esforzo explicando o significado das palabras "ética" e "moral" aos adolescentes como para que agora veña un político de falar lixeiro a estragarme tantas clases maxistrais tan ben preparadas
A ver: botei case que vinte anos da miña vida dando clase de Filosofía e tamén de Ética. E foi moito esforzo explicando o significado das palabras "ética" e "moral" aos adolescentes como para que agora veña un político de falar lixeiro a estragarme tantas clases maxistrais tan ben preparadas. A ver: el di que se algo é legal, tamén é ético. E como todo na vida son palabras e como estamos feitos de palabras, comecemos por analizar as que el usa tan festivamente.
O "legal" é todo aquilo que está amparado pola lei, escrito nalgunha clase de código de obrigado cumprimento baixo pena de sanción. Por exemplo, pasar os límites de velocidade é ilegal ou dar as clases en castelán se a lei di que en galego, tamén. Ou que o alcalde de A Coruña diga La Coruña.
Diga o que diga o señor Enrique López Veiga, non todo o legal é ético
O "ético", de primeiras, é o avalado pola moral e, nun senso máis profundo, o que é consorte aos dereitos humanos. Así, por exemplo, arroutar sonoramente en público, na nosa cultura, é unha falta ética; noutros lugares, despois de comer, vese con elegancia e agradecemento.
E diga o que diga o señor Enrique López Veiga, non todo o legal é ético. E o contrario, xa que estamos profesorais, tampouco.
Por exemplo nalgúns países a mutilación xenital feminina é legal, pero seguro que incluso López Veiga é quen de decatarse que aínda que a práctica cumpra a lei non pode considerarse unha norma ética. E coma ese exemplo, centos deles. Hai moitas cousas que as normativas aproban, é dicir, que son legais. Pero que non aturan un mínimo de análise racional. E cando tal se lles fai, rebenta a legalidade, precisamente, polo lado da ética.
Por seguir exemplificando: o estado Vaticano é o único estado europeo (ata onde eu sei, están en Europa, non no ceo) onde é legal discriminar á muller (non poden acceder a postos de responsabilidade, só os que teñan pene). Os líderes políticos dese estado alucinante e diminuto que temos en Europa, están amparados pola lei (incluso pola que eles consideran "divina" e que adoitan chamar "natural") para realizar unha serie de cousas que non soportan a ética, como despedir a aqueles das súas congregacións que, por exemplo, defendan a necesidade de promover o uso do preservativo como medida de protección fronte da SIDA ou que, polo que sexa, disintan das teses oficialistas. Eles, de feito, promoven e apoian iniciativas políticas (están amparados pola Lei e a Liberdade de Expresión para dicir o que lles pete) que discriminan ás persoas por cuestións sexuais ou de pensamento. Pero iso, que se lle aplicamos a ética, o pensamento filosófico moral, non se sostén.
Como non se sosteñen outras legalidades que polo mundo adiante hai. Non se sosteñen eticamente, quero dicir. No Exipto afórcase ás persoas homosexuais. É legal aforcalas. Non é ético. En Marrocos calquera home pode violar á muller que queira se logo casa con ela. É legal, pero non é ético. Nos Estados Unidos é legal a pena de morte. E se poñan como se poñan os seus partidarios, non é ético en ningún caso. Os cachorros de Nuevas Generaciones do PP de Valencia (que cruz teñen os que viven por alí, todo o malo pásalles a eles, como aos Alcántara de "Cuéntame") lanzaron unha campaña para animar aos alumnos e alumnas de secundaria a denunciar (como na época nazi, talmente) aos profesores e profesoras que, segundo eles, "adoutrinen". Os de NNGG están amparados pola lei a lanzar esa campaña contra a Liberdade de Cátedra. Agora ben, é profundamente inmoral, ou sexa, contraria á ética porque promove, entre outras cousas, a violencia. A non ser, claro, que vaian correndo a denunciar polas súas descaradas e fundacionais actitudes adoutrinadoras, aos colexios de curas e monxas, nomeadamente, os do Opus Dei.
Daquela, imos quedar con que os ingresos de Enrique López Veiga son legais. Eu non teño por que dubidar diso. Mais o que non teño tan claro é se é ético
E así con todo.
Daquela, imos quedar con que os ingresos de Enrique López Veiga son legais. Eu non teño por que dubidar diso. Mais o que non teño tan claro é se é ético cobrar semellante barbaridade mentres a xente as pasa como as pasa. Por moito que se mate a traballar (ha ha ha ha ha) no Senado.