Dende o 11-S o debate entre seguridade e liberdade estivo enriba da mesa, algo que cos últimos atentados de París e Bruxelas volveu a estar na palestra. Son moitas as voces que falan da xestión do medo que permite aos estados limitar as liberdades e dereitos, en virtude da seguridade. Un debate xa presente nos anos 50 cando o sociólogo Isaiah Berlín entendía que para evitar a caída en totalitarismos, a liberdade non podería subordinarse a ningún outro principio, entre eles a seguridade. Nos últimos anos en nome da defensa da liberdade e dos imperativos da seguridade nacional, os estados constrúen a definición dun inimigo cada vez máis difuso e que está na base de permitir todos eses abusos.
Na actualidade vivimos nunha situación permanente de preguerra, pero neste caso contra ese inimigo difuso do que falabamos. Unha situación de guerra total, que Armand Mattelart denomina como a situación de “excepción permanente”, que xera unha “democracia restrinxida”. Nesta democracia restrinxida se inclúen métodos de espionaxe masiva da sociedade civil, na que os réximenes democráticos multiplican as máis diversas técnicas de intrusión na vida cotiá dos individuos, no nome da loita contra as novas ameazas, convertendo a nosa sociedade nunha metáfora do Panóptico, ideado por Jeremy Bentham.
Non é a primeira vez que ao longo da historia os poderes “empregan” o período de “guerra” para a limitación das liberdades e dereitos. Neste sentido o filósofo británico Bertrand Russel entendeu que a I Guerra Mundial en 1914, permitiu o que el chamou “a gran viraxe” nas que as democracias liberais comezaron a falar da necesidade de implantar medidas de seguridade perdendo gran parte dos logros acadados ata aquel momento. É por tanto, nas situacións de “guerra” ou de “incerteza” cando as liberdades e os dereitos son asoballados ou reducidos e contan coa aceptación da opinión pública. Como en toda guerra é precisa a “mobilización da opinión” tal e como xa sinalou Harold D. Lasswell aló polo 1927. Non é posible unha guerra global, previa e preventiva, ilimitada no tempo e no espazo contra un inimigo sen a mobilización “tecnoinformacional” que diría D. Hughes.
Ese estado de excepción permanente e de intervencionismo estatal na vida das persoas resulta aceptado por gran parte de intelectuais e políticos neoliberais ou neoconservadores. Hai uns días o mesmo Fernando Savater falaba no xornal El País no seu artigo “As torres xemelgas” reflexionando sobre a xestión do medo e do terrorismo, facendo primar a seguridade sobre a liberdade, para defender os nosos valores que se relacionan co noso estilo e vida, chegando a xustificar a “militarización” da sociedade, e a espionaxe xeneralizada en Internet, banalizando a importancia de que os Estados e as axencias gubernamentais apliquen este tipo de inspeccións globais.
Pero eses mesmos neoliberais ou neoconservadores que tanto solicitan o papel dun estado forte que limite a nosa liberdade individual, e que comprometa a nosa intimidade en pos da seguridade, son contrarios a intervención ou a tutela do Estado, para limitar ou suavizar os efectos nefastos da crise, para a xestión pública de bens ou recursos básicos ou mesmo a intervención estatal para limitar os abusos do mercado.
O paternalismo está ben para protexernos dun terrorismo que limita ou ataca o noso estilo de vida “de consumir”, “de viaxar nun avión”, de asistir ao teatro, porque todos (e eles mesmos) poden ser vítimas dese terrorismo. Pero da crueza do capitalismo salvaxe, o intervencionsimo do Estado considérase inadmisible, e un agravio para a nosa liberdade individual, non así a declaración dos estados de excepción, a limitación dos principios constitucionais, ou a suspensión de liberdades e dereitos básicos recoñecidos nas sacro- santas constitucións.
“ Os gobernos pasan, as sociedades morren, a policía é eterna” (Honoré de Balzac)