A exclusión sanitaria

En abril de 2012, aos tres meses de ocupar o poder, o PP publicou no BOE un Real Decreto Lei (RDL 16/2012), teoricamente orientado a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario público, aínda que, en realidade, tratábase dun atentado frontal contra o mesmo. Esta celeridade do Ministerio, dirixido por Ana Mato, só se pode explicar dun xeito: ese texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, pregoaban que nunca tocarían a sanidade, a educación e os servizos sociais. Estaba na súa “axenda oculta” e recolle as medidas que querían impoñer en sanidade (recortes e privatizacións) calquera que fose a situación herdada.

Este RDL suprime o dereito universal da cidadanía á sanidade e recupera as casposa figura do “asegurado” dos anos setenta

Este RDL suprime o dereito universal da cidadanía á sanidade e recupera as casposa figura do “asegurado” dos anos setenta. Xa que logo, as persoas serán atendidas en canto coticen para conseguilo: a saúde deixa de ser un dereito e convértese nunha mercadoría que hai que pagar. Este RDL provocou a exclusión de preto dun millón de persoas da cobertura sanitaria (inmigrantes), pero hai outros colectivos que se poderán ver afectados no futuro.

Alfonso Alonso, entón portavoz do PP, intentou xustificar esta exclusión dicindo que era necesaria para evitar o colapso das urxencias. Agora, como ministro de Sanidade, utiliza o mesmo argumento para todo o contrario, xa que anunciou que os inmigrantes excluídos poderán ser atendidos en Atención Primaria, aínda que non recuperan o dereito á tarxeta sanitaria. Esta tarxeta, co seu Código de Identificación Persoal (CIP) é imprescindible para poder “circular” polo sistema sanitario nos seus distintos niveis, sen discriminacións. É como o DNI na vida ordinaria: imprescindible para realizar calquera trámite civil, administrativo ou xurídico. O contrario é ofrecer unha asistencia de segunda división, unha atención de beneficencia, unha prestación caritativa. Trátase, de novo, dunha gran mentira, preocupados como están polas malas perspectivas electorais.

Para rectificar de verdade só hai un camiño: derrogar o RDL 16/2012, que provoca a exclusión e carrexa outros danos e prexuízos a todos os cidadáns (copagos, retirada de fármacos ou prestacións, fragmentación da carteira de servizos). Pero non o van facer -como reclamaron recentemente todos os partidos agás o PP e Cidadáns-, porque esa lei é a pedra angular que utilizan para desmantelar o sistema sanitario público e xerar espazos de negocio para as aseguradoras e empresas afíns. Só lles interesa xerar beneficios privados a costa do orzamento sanitario.

Nun debate televisado sobre o tema escoitei ao representante do PP afirmar que non se podía devolver a tarxeta sanitaria aos excluídos porque “provocan moito gasto sanitario no exterior” que despois hai que reembolsar. Tamén afirmou que a medida fora aprobada no Consello Interterritorial do SNS (CISNS), onde están representadas todas as Comunidades Autónomas. Nada disto é verdade. Os inmigrantes non provocan maior gasto sanitario (nin aquí nin no exterior) xa que son, na súa maioría, persoas novas e sas que veñen traballar e a gañar a vida (e se os ilegais non teñen contrato non é pola súa decisión: é o contratador quen incumpre a norma). Ademais este RDL nunca foi aprobado no CISNS; nin sequera foi discutido no Parlamento. Ao tratarse dun “Real Decreto” foi remitido directamente ao BOE polo goberno do PP, tras ser asinado polo Rei cazador de elefantes.

Os inmigrantes non provocan maior gasto sanitario (nin aquí nin no exterior) xa que son, na súa maioría, persoas novas e sas que veñen traballar e a gañar a vida

Menten. Menten sen reparos e sen remordemento. Porque, aínda que tamén o neguen, esta lei provocou e provoca moito sufrimento a miles de cidadáns coa saúde precaria e coa angustia de carecer de medios para facerlle fronte á doenza. Non lles importa. Só lles interesa o negocio e cumprir as instrucións do lobby empresarial. Cando pase o tempo electoral volverán, si non son desaloxados do poder, coas súas políticas de desmantelamento do Estado de benestar, co saqueo das arcas públicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.