A experiencia das primarias

Nos últimos meses, asistimos a unha consolidación das chamadas primarias como fórmula utilizada para elixir dirixentes das formacións políticas e integrantes de candidaturas aos distintos procesos electorais previstos no calendario político. O PP foi o último grupo en oficializar este procedemento na designación do substituto de Rajoy por mais que o método concreto combinou a elección directa e indirecta para o Congreso estatal do pasado mes de Xullo.

As experiencias vividas durante estes anos permiten establecer algunhas conclusións a respecto da aplicación das primarias. Hai unha que resulta pouco discutíbel: este mecanismo de elección ofrece unha eficacia contrastada -mais alá dos matices diferenciadores que podan existir por mor das variantes utilizadas- para seleccionar ás persoas representativas do colectivo afiliado ou inscrito en cada unha das organizacións políticas. É mellor, sen dúbida, escoller a dirixentes e cargos públicos mediante unha votación directa que facelo a través das fórmulas indirectas -por delegación nun Congreso ou polos organismos reitores dos partidos- practicadas tradicionalmente.

Se xulgamos a capacidade das primarias para resolver outros problemas que aparecen, habitualmente, na vida interna das formacións políticas, non atopamos as mesmas virtualidades. Tense comprobado, por exemplo, que a calidade do debate entre as candidaturas concorrentes non garda relación con ese sistema de elección. En moitas ocasións, a disputa fuxiu do contraste entre diagnósticos e propostas sobre os problemas fulcrais do corpo social para ficar ubicada nos cálculos para achegar os apoios que permitan acadar o maior poder interno.

Por outra banda, a inevitábel dinámica de confrontación asociada ás primarias pode orixinar unhas feridas interiores de complicada reparación se non se arbitran mecanismos que compensen ou minimicen semellantes rupturas. A existencia dun volume de consensos relevante no seo da organización -mesmo de carácter fundacional- podería propiciar puntos de equilibrio que evitasen os abandonos que se veñen rexistrando despois da celebración dalgúns deses procesos electivos.

En moitas ocasións, no imaxinario colectivo, as primarias aparecen vinculadas a esa categoría autodenominada “nova política”. Estariamos, supostamente, ante un factor distintivo que cuestionaría as vellas prácticas vixentes nos partidos. Por varias razóns teóricas: porque faría mais porosa a relación entre a organización e os seus votantes e porque reduciría a distancia xerárquica existente entre as equipas dirixentes e as persoas afiliadas.

Cal é o balance da aplicación desta nova ferramenta na vida interior dos partidos? Cantas herdanzas da “vella política” subsisten na “nova”? Pódese falar de creatividade suficiente na utilización de recuros procedimentais que fagan compatíbeis a necesaria fondura no debate das ideas, o respecto da vontade das persoas que conforman un grupo organizado e o mantemento de certos consensos básicos? Quen desexen rexenerar as ferramentas presentes no universo da política deberán acometer, polo menos, a resposta a estas preguntas.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.