A extracción silenciosa da renda da clase traballadora a través do sistema financeiro

Tras dez anos dunha das máis fondas crises estruturais e sistémicas que evidenciou a falta de sustentabilidade do modelo de acumulación financiarizado, as economías mundiais continúan sen atopar a dirección norte que marque o compás do capital cara un novo modelo de acumulación.

Durante os últimos corenta anos, as finanzas –un instrumento de gran utilidade na economía, sempre que se empregue circunscrito ao seu propio ámbito e sen invadir outras áreas sociais- foron quen de relegar a un segundo lugar á economía real. Tanto foi así que os grandes capitais fuxiron con celeridade cara uns mercados financeiros que ofrecían taxas de lucros moi superiores aos que se producían nas economías produtivas. Este fenómeno especulativo foi  un elemento clave na deslocalización de empresas, no crecemento do dumping salarial, da consecuente necesidade da mobilidade dos traballadores e un longo etcétera de factores que fixeron incrementar a presión fundamentalmente sobre a poboación activa. 

Como consecuencia da última crise económica, os cidadáns -especialmente a clase traballadora- tivemos que rescatar cos nosos esforzos á banca dos seus propios excesos e da inviabilidade dun modelo do que se foron beneficiando en maior medida as oligarquías económicas. Decenas de miles de millóns saíron dos nosos bolsos e das arcas públicas directamente ás entidades financeiras. Sen embargo, a fluidez de diñeiro nos mercados europeos non se solucionou desta maneira.

Foi o anuncio de Mario Draghi e o uso das políticas monetarias desde o BCE o que permitiu aseverar que a institución da que estaba á fronte faría todo o que fose necesario para que o sistema vixente non se viñese abaixo. As autoridades puxéronse mans a obra e decidiron rebaixar o prezo do diñeiro a través da modificación dos tipos de xuro. Isto permitiría reactivar a circulación de moeda e aliviar o peso das débedas. Desta maneira xa era máis barato prestar cartos.

Sen embargo, gran parte dos castigados traballadores e desempregados apenas puideron beneficiarse desta situación debido á súa precaria situación e ás trabas que as entidades financeiras estableceron durante o período. A forte caída dos ingresos públicos durante a crise, e por consecuencia da capacidade de gasto, acompañada pola pauperización dos fogares foi tal que a capacidade de investimento das familias era mínima, e a economía produtiva quedou tan tocada que de difícil maneira se podían acometer os investimentos necesarios para o tecido empresarial -fundamentalmente nas pequenas e medianas empresas- ou incluso para a compra de vivenda na esfera das familias. Ante esta situación o traballador/a, a clase media, precisaba e precisa recuperarse, algo que só se pode lograr mediante a creación dos numerosos postos de traballo perdidos e do aforro desas unidades familiares.

Por se non fose suficiente coa aplicación das reformas laborais que degradaron as condicións dos traballadores, co corte en anacos dos traballos e cos contratos en sucesivos empregos precarios (ou incluso coa sucesiva substitución de traballadores por máquinas), ao estar baixos os tipos de xuro e o Euríbor (valor do diñeiro a curto prazo), tanto os depósitos como os fondos de baixo risco - xusto os produtos aos que tradicionalmente estaría en condicións de acceder a clase obreira sen poñer en risco os seus minguados bens- ofertados polas entidades financeiras (apoiados fundamentalmente na venda de valores como letras do tesouro ou bonos ligados á evolución dos tipos de xuro e do Euríbor) non poden ofrecer ningún tipo de remuneración, e incluso no caso dos segundos estarían a ofrecer perdas desde hai xa un tempo. Mentres tanto, nos mercados de valores os intercambios de accións e os dividendos continúan a producirse para os grandes capitais. Fronte á necesidade de mellora da capacidade de investimento e aforro das unidades económicas, unha vez máis ponse en evidencia que os intereses das entidades financeiras camiñan noutra dirección que os da meirande parte dos cidadáns,dos pequenos inversores e dos da sociedade en xeral.

Analizando con profundidade a problemática, exercicio ao que convido ao avezado lector, un ten que acabar por preguntarse se existe realmente algunha razón de peso para non apostar por outro tipo de modelo que permita apoiar economías máis xustas e sustentables no medio e longo prazo. Alén da necesidade de explorar outras posibilidades, sen dúbida a existencia dun modelo público ben xestionado e exento de corrupción contribuiría a reducir a dimensión tomada polo sistema financeiro privado e sería un contrapeso importante aos excesos acometidos ata o de agora e que todos seguimos sufrindo.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.