O enfrontamento con activistas antifascistas da Jeune Garde deixou a Quentin Deranque, de 23 anos, con graves lesións cerebrais das que morrería dous días despois. Cofundador dun grupo supremacista branco e habitual dos adestramentos de combate da organización Audace, Deranque contaba cun inequívoco perfil político. En apenas dúas semanas, o ecosistema mediático conservador edulcorouno por completo.
O 12 de febreiro de 2026, militantes do colectivo neofascista Némésis preparaban un acto de provocación fronte ao Instituto de Estudos Políticos de Lyon durante a visita da eurodiputada de La France Insoumise (LFI) Rima Hassan. O enfrontamento subseguinte con activistas antifascistas da Jeune Garde deixou a Quentin Deranque, de 23 anos, con graves lesións cerebrais das que morrería dous días despois. Cofundador dun grupo supremacista branco e habitual dos adestramentos de combate da organización Audace, Deranque contaba cun inequívoco perfil político. En apenas dúas semanas, o ecosistema mediático conservador edulcorouno por completo. Le Figaro retratouno como "amante dos libros" e "misioneiro da fe". France Info negouse a cualificalo de fascista, optando por "nacionalista" ou "identitario". O ultra deveu vítima. Os antifascistas, os novos verdugos da República.
O mecanismo non é novo. En 1930, os nazis converteron a Horst Wessel, militante das Sturmabteilung —as milicias de asalto do partido nazi—morto a tiros en Berlín por un militante comunista nun altercado que mesturou motivacións políticas e persoais, no himno e emblema do movemento. O sociólogo Ugo Palheta, en La possibilité du fascisme, advirte que construír un martiroloxio é "unha ferramenta poderosa de mobilización" e que os movementos fascistas historicamente recorren a esta con probada eficacia. A operación require dun cadáver con valor simbólico, un aparato de comunicación disposto a amplificar o relato sen cuestionalo e un adversario ao que cargar coa responsabilidade. A identidade política real da vítima é irrelevante para o proceso. O que importa é a súa utilidade como icona. Deranque, ao igual que Wessel décadas antes, reunía todos eses atributos.
O sociólogo Ugo Palheta, en La possibilité du fascisme, advirte que construír un martiroloxio é "unha ferramenta poderosa de mobilización" e que os movementos fascistas historicamente recorren a esta con probada eficacia
En setembro de 2025, o mesmo manual aplicouse ao outro lado do Atlántico, nos Estados Unidos de Donald Trump. Charlie Kirk, fundador de Turning Point USA e referente da dereita radical xuvenil americana, foi abatido no campus da Universidade do Val de Utah. Apenas unhas horas despois, o propio presidente declarábao "mártir da liberdade" e Elon Musk afirmaba que "a esquerda é o partido do asasinato", mesmo antes de existir calquera dato verificado sobre a autoría e as supostas motivacións. Kirk reunía os atributos do arquetipo ideal do mártir de ultradereita, chamado a servir ao trumpismo tanto na súa vida como na súa morte. A represión chegou de inmediato, implementándose plataformas de delación, suspendendo a figuras como o presentador Jimmy Kimmel e mobilizando a toda a administración contra a "esquerda radical".
O proceso divide á esquerda obrigándoa a adoptar un enfoque defensivo, lexitima ao RN como garante da orde republicana e acelera a normalización dos grupos neonazis que até hai pouco tiñan que actuar con certo disimulo
En España o terreo está máis abonado do que semella. Stuart Hall acuñou o concepto de “populismo autoritario” para describir movementos que manteñen aparencias democráticas mentres erosionan o pluralismo a través da descualificación permanente de adversarios e grupos que cuestionan a súa hexemonía. O PP asumiu esa gramática sen complexos: a inmigración como invasión, os menores non acompañados reducidos ao insulto de «menas», os adversarios atacados con bulos difundidos como información verificada, o feminismo como «ideoloxía de xénero». Medios e pseudomedios reproducen estas narrativas até normalizalas como linguaxe política ordinaria. A condescendencia popular cara á extrema dereita non é accidente. É cálculo que permite optar ao voto ultra sen asumir posicións máis radicais. Calquera incidente atribuíble ao bloque da esquerda ou a persoas migrantes activa a maquinaria de criminalización colectiva. O ecosistema xa funciona. Só falta o detonante.
Tanto no caso de Deranque coma no de Kirk, o referente construído trala morte non é unha fin senón un medio. Así, Jordan Bardella, presidente do Rassemblement National (RN), reclamou un cordón sanitario contra LFI. Éric Ciotti, líder da Union des Droites pour la République, reactivou a proposta de disolución do partido de Jean-Luc Mélenchon e antigos socios do Nouveau Front Populaire sumáronse ás acusacións co calendario das presidenciais de 2027 moi presente. O proceso divide á esquerda obrigándoa a adoptar un enfoque defensivo, lexitima ao RN como garante da orde republicana e acelera a normalización dos grupos neonazis que até hai pouco tiñan que actuar con certo disimulo. Nos Estados Unidos, un esquema análogo produciu resultados equivalentes, con medios intimidados e adversarios políticos sometidos a represalias institucionais. A traxedia troca en programa. O loito, en arma.
En España o terreo está máis abonado do que semella. Calquera incidente atribuíble ao bloque da esquerda ou a persoas migrantes activa a maquinaria de criminalización colectiva. O ecosistema xa funciona. Só falta o detonante
A resposta a esta maquinaria de vitimización non é a resignación nin adoptar os métodos do inimigo. Hai que nomeala polo que realmente é, aplicar aos fascistas o cualificativo acaído cando os medios optan por chamalos «nacionalistas», rexeitar a normalización e traballar arreo para construír a maioría social que historicamente bloqueou estas dinámicas de odio. O antifascismo non pode reducirse a enfrontamentos de grupos organizados para a violencia, pois ese é o terreo onde a extrema dereita ten vantaxe estrutural. A fortaleza da esquerda é a política de maiorías. O Front Populaire francés e a Fronte Popular española non triunfaron en 1936 pola forza dos puños, senón pola capacidade para artellar maiorías onde antes había fragmentación. Esa lección segue vixente. A urxencia de activala é proporcional á velocidade coa que hoxe se fabrican mártires fascistas.