Como cada trimestre, a Xunta publica as listas de espera sanitaria. Un tema sempre controvertido, que ocupa tinta de xornais e de diarios de sesións no Parlamento galego. Estes datos de marzo foron avaliados en nota de prensa, sen comparecencias, dentro da estratexia de comunicación feijoniana de evitar a exposición mediática das cuestións controvertidas e rodealas dunha nebulosa. Datos non contrastábeis, que non se publican en series que permitan ver a súa evolución, formulados con arbitrariedade, e non sempre adecuados para medir a espera: actividade cirúrxica en xornada ordinaria, espera por prioridades...
Se realmente buscasen unha nova forma de medir a espera, con outros criterios e con mais rigor, hai anos que eses indicadores estarían recollidos en operacións estatísticas que garantiran o rigor da súa construción, e a periodicidade da súa publicación
Se realmente buscasen unha nova forma de medir a espera, con outros criterios e con mais rigor, hai anos que eses indicadores estarían recollidos en operacións estatísticas que garantiran o rigor da súa construción, e a periodicidade da súa publicación. Así o demandamos no Parlamento toda a pasada lexislatura sen resultado. Tampouco tivemos resposta á solicitude de incorporar á información da espera aqueles datos que agora non están e son complementarios cos que se publican (a espera non estrutural, as axendas pechadas). Tal e como está agora, a información trimestral da espera sanitaria é moi doada de manipular e está sometida á arbitrariedade de quen informa e moi lonxe da confianza que debe aportar.
Nestes últimos tempos, a miña percepción da información sobre a espera enriqueceuse coa propia experiencia. Primeiro cun proceso completo que rematou en cirurxía e agora coa miña inclusión nun deses limbos informativos
Nestes últimos tempos, a miña percepción da información sobre a espera enriqueceuse coa propia experiencia. Primeiro cun proceso completo que rematou en cirurxía e agora coa miña inclusión nun deses limbos informativos. Hai uns meses detectáronme na atención primaria un problema que precisa dunha proba diagnóstica que debe solicitar un especialista. No mesmo día, dende o centro de saúde mediante fax solicitaron a consulta e uns días despois recibín unha carta do SERGAS anunciándome que non me podían dar cita até novo aviso. Sóavos?. Os días e as semanas e os meses pasan sen novas. Non me queixo de ter que esperar moito tempo, é que non estou en lista, e cando me incorporen empezará a contar a espera sen considerar estes meses.
É unha doenza grave? non o sei, nin o SERGAS tampouco o sabe, non estou diagnosticada. O curioso do caso é que para esa consulta, no meu hospital, disque hai 500 persoas menos agardando que hai 1 ano
É unha doenza grave? non o sei, nin o SERGAS tampouco o sabe, non estou diagnosticada. O curioso do caso é que para esa consulta, no meu hospital, disque hai 500 persoas menos agardando que hai 1 ano. Así que imaxino que mentres a cifra oficial mingua para orgullo da Conselleira, o caixón das non-citas medra de costas á luz da transparencia informativa. Que credibilidade da isto á información? Lembro aquel tempo en que Farjas denunciaba os 70.000 enfermos no caixón do bipartito e comprometía verdade e rigor. É posible resolver esta distancia ontolóxica entre a realidade publicada e a realidade vivida? Non só é posible, é necesario, a medida do compromiso coa transparencia e a verdade.
Lembro aquel tempo en que Farjas denunciaba os 70.000 enfermos no caixón do bipartito e comprometía verdade e rigor
E agora o Presidente, unha vez mais, anuncia a prometida lei de tempos de espera. Sen entrar en que xa hai agora un decreto de tempos de espera en vigor e que non se cumpre. Ou en que estamos a falar dunha promesa de tempos mínimos espera feita en 2009 e que non se cumpriu nin un só trimestre nos mais de 4 anos que levan gobernando. Este anteproxecto adoece de falta de respecto á intelixencia, á paciencia e sobre todo ao sufrimento das e dos doentes pendentes de atención.
Sobre as garantías de espera a lei non mellora a actual regulación (que non se está a cumprir) só vai dar unha escusa para transferir mais medios económicos á sanidade privada sen cuestionar os recortes na pública. Porque como vas atender a mais xente sen poñer mais recursos por moito que se pinte nunha lei? Será un estupendo argumento para ampliar as partidas de convenios coa privada e derivar o que non se poda atender por falta de medios.
E agora o Presidente, unha vez mais, anuncia a prometida lei de tempos de espera. Sen entrar en que xa hai agora un decreto de tempos de espera en vigor e que non se cumpre. Ou en que estamos a falar dunha promesa de tempos mínimos espera feita en 2009
Non se avanza na información real da situación, retrocédese: a actual información trimestral pasará a ser semestral, a arbitrariedade dos criterios de derivación será absoluta. Poderán inflar as listas dun determinado hospital mentres noutro inflan os caixóns, en función dos intereses das privadas de cada sitio. Parezo desconfiada? Teño motivos, como milleiros de doentes dos que sanidade non da razón. Para xerar confianza: informen da verdade da espera, melloren os medios da sanidade pública para atender cos criterios que consideren pero que sexan coñecidos, claros e rigorosos. Demasiado pedir a un goberno de diletantes que transforman o drama das listas de espera nunha farsa.