O actual é, sen dúbida, un momento de cambio. Un momento de discontinuidade histórica no que está en crise non só un modelo económico mais tamén un sistema político e o marco continental en que este se encadra. A análise da “fase”, por utilizarmos a expresión gramsciana, debe partir da constatación da crise do neoliberalismo, da crise do sistema político español e da crise do proceso de construción europea. Trátase pois de analisar estas crises, individualizar os elementos que as caracterizan no noso país e construír forzas, programas e alianzas que permitan resolvelas en beneficio das clases populares – traballadores e clases medias -, da democracia e de Galiza. E digo resolvelas porque é nestes momentos de mudanza histórica nos que se agudiza a loita económica, social e política apartir da consciencia, en cada un dos bloques enfrentados, de que o que está en xogo é o estabelecemento con carácter duradouro dunha determinada correlación de forzas tanto no plano social como, no caso galego, no nacional.
A pugna trábase, en primeiro termo, en forma de explicacións enfrentadas da realidade. O relato dominante – atravesamos unha crise de débeda pública provocada por vivirmos por riba das nosas posibilidades, por un gasto social que non nos podemos permitir – contrasta co alternativo, partillado nos seus trazos xerais, polas forzas transformadoras – atravesamos unha crise provocada pola especulación financeira e inmobiliaria, fruto da desregulación, do retraimento da iniciativa pública e da crecente desigualdade de poder económico e politico entre capital e traballo. Narracións enfrentadas das que derivan tamén alternativas diferenciadas. Para as elites económicas a solución á crise pasa pola austeridade e os recortes no gasto público como forma de preservar os seus privilexios fiscais ao tempo que se lle abren novas oportunidades de lucro á iniciativa privada, a deflación interna en forma de redución de salarios e pensións e a introdución de doses crecentes de autoritarismo co fin de enfrentar a contestación social provocada por esas medidas. Para as clases que xa están a padecer as consecuencias da crise trataríase de promover a economía produtiva e a criazón de emprego, de reforzar a proteción social e os servizos públicos e de afondar na democracia, en calidade e en extensión, levándoa tamén a espazos, como o das políticas económicas e monetarias, que hoxe lle son vedados.
No campo do nacionalismo e da esquerda debería producirse esta concentración arredor da alternativa que representa o BNG para evitar que a dispersión do voto e unha elevada porcentaxe de sufraxios sen representación poda oferecerlle outravolta a Feijoo a posibilidade de gobernar.
No caso galego cada unha destas posicións envolve, e non por acaso, cadanseu proxecto nacional: a afirmación intransixente de España como nación única coa centralización como consecuencia obrigada contra a aposta democrática, con modulacións diferentes, por un proxecto nacional galego orientado á conquista de ámbitos de libre decisión. Pola mesma, implícita ou explícitamente, cada unha destas posicións contén un modelo diferente para Europa: ora a aceptación, máis ou menos entusiasta, do modelo desigual de protectorado, en que se está a converter a actual Unión Europea, ora a opción por unha Europa democrática orientada a unha converxencia real, económica e social, entre os diferentes pobos que a integran.
As próximas eleccións galegas vanse producir, pois, nun contexto de intensa confrontación social e política que vai ter na posición a respecto do Memorandum imposto pola troika a liña divisoria fundamental. Dun lado, co PP, as forzas que o apoian e que seguen acreditando, contra toda evidencia, en que a saída da crise virá da man da austeridade, da polarización social e da centralización política. Do outro, xunto co BNG, quen xulgue necesario un cambio radical das politicas que nos conduciron á crise fundado na defensa da cohesión social, do apoio á economía produtiva e da conquista de espazos de autogoberno real, político e económico, indispensábel para impulsar ese cambio desde Galiza.
No plano estritamente electoral do anterior decorren dúas ideas. En primeiro lugar a necesidade de concentrar forzas. Consciente da situación, e mesmo a pesar das fendas que a xestión da crise está a abrir no bloque social que lle dá sustento, o PP leva tempo a facelo. No campo do nacionalismo e da esquerda debería producirse esta concentración arredor da alternativa que representa o BNG para evitar que a dispersión do voto e unha elevada porcentaxe de sufraxios sen representación poda oferecerlle outravolta a Feijoo a posibilidade de gobernar. En segundo e non menos importante lugar cumpre esclarecer que non abonda con botar o PP da Xunta: que o cambio de goberno debe ir acompañado dun cambio real de políticas. Non caben exercicios de transversalidade. O PSdeG debería tomar partido e enfrentar abertamente a liña de pasokización na que está empeñado Rubalcaba, facendo coincidir o seu campo político co campo social en que se sitúan a maioría dos seus votantes. Non debería ser difícil. Se o 19 de Xullo imos enfrentar conxuntamente nas rúas de Galiza o Memorandum europeu e os recortes de Rajoy debería ser posíbel converter esa resposta conxunta nunha alternativa, tamén partillada, de cambio real en Galiza.