Agosto é lento e preguiceiro. Pasa polas follas do calendario coa lenta coreografía dos caracois, fachendoso, despregando a sensualidade exquisita que teñen as contas atrás. Agosto sempre é para min un mes de persianas baixadas, de saber que existen outros veráns, mediterraneamente falando, de non poñer etiquetas, de follas en branco, de reencontros pero non de fuxidas.
Durante todos eses días de perfís alongados, de sabor a sal, de xeados e tebeos, todo o que tiña que ver coa escola quedaba lonxe, desdebuxado e impreciso
Os que non saímos ningures neste mes onde á todo se lle da o peche ou a volta, temos unha íntima e sorrinte convicción de que as cidades fan coma esas irmáns maiores que tiñan que entreterte de pequeno e rebuscaban nos caixóns, nos faiados e baúis en busca de xogos diferentes. Estirando un pouco máis aquela efímera anarquía, nos deixaban quedar de pé ata tarde e desfacer o pulcro ordeamento de horarios e obrigas do inverno. Durante todos eses días de perfís alongados, de sabor a sal, de xeados e tebeos, todo o que tiña que ver coa escola quedaba lonxe, desdebuxado e impreciso.
Sometíamos a un desterro radical ós cadernos, as carteiras cos libros de texto, as gomas e os lapis e quedaban a vivir alí, nunha burbulla que voaba sen presa, a ritmo de sesta e músicas suaves. E en canto abandonabamos ese paraíso, sempre coa rapidez dunha volta nos cabaliños estáticos do carrusel da feira ou dos coches de choque, aquela afastada burbulla ía achegándose cada vez máis e máis. E volvían de novo as katiuskas e os deberes de última hora. Coma sempre.
Hai xa tempo que as vacacións non son tal. Non só porque sexan cada vez máis cortas, senón porque saben cada vez máis a laboratorio de probas, a campo minado ou a xadrez onde os peóns, os pobres e diminutos peóns, somos nós. Nós, os que asumimos o recorte de dereitos sen case chistar. Os que voltamos atrás nunha versión un tanto postmoderna de incribles homes e mulleres minguantes. Adultos infantilizados, castigados sen motivo, empobrecidos: esa é a volta ó cole.
Adultos infantilizados, castigados sen motivo, empobrecidos: esa é a volta ó cole
Alguén dicía o outro día que moito peor que non irse de casa dos pais antes dos trinta e tantos era voltar ós cincuenta. Quizais espertar de novo ollando ó papel pintado da parede setenteira xa non é unha opción: pode ser algo conspiratorio, case un xeito de establecer unha comuna subversiva e perigosa.
Penso nos catrocentos euros ós que se ten ou non dereito e acórdanseme os catrocentos golpes e Antoine Doinel, a perda de enerxía, o conformismo
Penso nos catrocentos euros ós que se ten ou non dereito e acórdanseme os catrocentos golpes e Antoine Doinel, a perda de enerxía, o conformismo. No pouco que nos queda para aceptar calquera opción coma animal de compaña. E que recuperar ese espazo no sofá familiar sexa un estigma de fracaso permanente e non un xeito de tomar impulso. Cantas tarefas para este outono.