A forza das candidaturas abertas

Percorre a nosa sociedade a necesidade de acadarmos a transparencia do sistema de representación e máis a rexeneración das estruturas políticas, o que conleva precisamente a adopción das candidaturas abertas, a elección dos candidatos en primarias abertas á cidadanía e mesmo a adopción de mecanismos de control,como a posibilidade de que a cidadanía poida instar, na metade do mandato do cargo representativo correspondente, un referendo que confirme ou revogue ao cargo electo para o resto do mandato.

Percorre a nosa sociedade a necesidade de acadarmos a transparencia do sistema de representación e máis a rexeneración das estruturas políticas

Fronte esta onda de cambio álzanse as xerarquías burocráticas das organizacións do bipartidismo dinástico-e máis algunhas outras- que queren manter un status quo, no que un Xefe manda e unha pequena elite dirixen os Partidos. Partidos nos que se tenta recrutar xente pouco crítica e pouco pensante, que non cuestione  as ideas e ocorrencias dos líderes nin a lóxica interna destas burocracias. En troques, os partidos, nomeadamente PP e PSOE, proven de postos de traballo ben retribuídos a persoas que, malia o seu carácter de cargos gobernamentais, orgánicos ou electos, non teñen capacidade real de modificar nin influír no discurso e programas do Partido.

Nun sistema transparente e democrático de primarias o líder veciñal ou social, o profesional, o bo xerente, o comunicador ou o intelectual poderán concorrer con bo suceso fronte aos funcionarios de Partido

Co sistema de candidaturas abertas e coa elección dos candidatos en eleccións primarias abertas a afiliados, simpatizantes e simples cidadáns que manifesten a súa adhesión ao proxecto do Partido correspondente, tronzarase o mecanismo xerárquico que lles impide  a moitos líderes cívicos fornecer as candidaturas. Nun sistema transparente e democrático de primarias o líder veciñal ou social, o profesional, o bo xerente, o comunicador ou o intelectual poderán concorrer con bo suceso fronte aos funcionarios de Partido favoritos de cadansúas direccións endogámicas. Abríranse as fiestras e ventilarase o abafante ambiente político, onde se achegarán persoas con opinión, traxectoria social e dedicación profesional de seu allea á política. Para alén diso, os candidatos estarán moito máis pendentes de conectar coas bases e coa sociedade e deixarán nunha terceira orde a compatibilidade cos burócratas ao mando.

Candidaturas abertas, primarias abertas á cidadanía, referendo revogatorio e moita máis proporcionalidade electoral sen umbrais mínimos. Velaí unha boa proposta para acadarmos máis e mellor democracia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.