“Grande, porém é o que considera que do vale ao céu ou do monte ao céu, a distância que é diferença não faz diferença.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
Talvez haxa exceso de irreverencia, escaseza de rigor e moita gasosa nas teses dos que pretenden convencernos, de que a panacea dunha administración local máis eficiente, ímola atopar chimpando marcos entre dous concellos lindantes. Pois non. Non é moi ortodoxo mostrar primeiro as conclusións e as excelencias, e logo fabricar hipóteses ad hoc, para xustificar posturas interesadas e enzoufadas de malicia, no canto de analizar seriamente a realidade do noso País, e despois formular propostas de ordenación do territorio, dotadas de estruturas político-administrativas acaídas.
Non é certo, ou alomenos non se demostrou seriamente, que os concellos con pouca veciñanza sexan menos eficientes. Nin tampouco temos porque crer que, diminuíndo o número de gobernos locais, os aforros resultantes, se finalmente os houber, nos van permitir gozar de servizos públicos de maior calidade. É máis, os enxeñeiros do arrimo deberían ter a delicadeza de acreditar, antes de nada, que a administración central e as autonómicas son máis eficientes cás locais. Visto o visto, parece que non.
Se, dende a perspectiva montoriana –ou feijoniana- o éxito consiste en deber pouco e non ter déficit, entón a ineficiencia habería que buscala no Estado, nas autonomías e nas grandes corporacións, comezando por Madrid, que acumula arredor do 25% da débeda municipal. Por certo, esta terminoloxía soa rara nos concellos de menos de 5.000 habitantes, porque non deben e adoitan ter superavit. Por suposto, isto acontece malia que os municipios máis grandes reciben do Estado, por cada veciño, o dobre de fondos cós pequenos.
Porén, non sería malo que os fusionistas do “si-porque-si” nos confesaran, en que código de boas prácticas da eficiencia municipal está escrito, que a xestión privada dos servizos públicos, universalizada nos concellos grandes, é máis barata e de mellor calidade cá xestión pública, que aínda practican moitos concellos pequenos, malia contar con menos medios. Tamén sería bo, que nos dixeran que diaños ten que ver a calidade democrática co volume de poboación, como se manifesta no pándego informe xustificativo de Cotobade, a propósito da súa fusión con Cerdedo. A non ser que lle chamemos calidade democrática ao devalado urbanismo que padecemos en moitas cidades e vilas grandes, ou ás bolsas de corrupción que agroman cada cando en varios municipios urbanos.
Ah! O meu tío Lisardo anda adoecido, por ter que escoitar tanta andrómena barata, ata o punto de sentir nas súas partes un proído insoportable, que lle causa estrañas doenzas nas cascas das gónadas. Mais, iso non lle impide ulir as beberaxes que cociñan os auténticos xaropeiros das fusións, empeñados en rillarnos a nosa teimosía por gozar do coñecemento da verdade que agochan debaixo de tan reviradas pretencións.