A gaiola de vidro: Manifesto pola refundación da Terra

Ursula von der Leyen e Donald Trump CC-BY-SA Fred Guerdin / European Union

O que ignora a verdade é só un parvo. Pero o que a coñece e a chama mentira, ese é un criminal.

 Bertolt Brecht

O 9 de marzo de 2026, a propia Ursula von der Leyen sentenciou ese pasado ao afirmar que "Europa xa non pode ser a gardiá da vella orde mundial". Ao recoñecer que a vella política "saltou polos aires", a presidenta da Comisión non está a anunciar un renacemento, senón a claudicación final ante a forza bruta

Europa hoxe non é máis que un pazo en ruínas onde os donos falan en inglés por fachenda e folexe; mentres os de fóra lle miden as leiras co ollo e os de dentro lle venden ata as tellas ao primeiro que pasa, non vaia ser que o tellado lles caia no lombo polo propio peso.

Davos 2026 non é máis que o enterro de luxo dunha estirpe sen sangue. É o diagnóstico dunha decadencia que as oligarquías, coa súa soberbia de señorito de cidade, pretenden amañar con catro remendos mentres o mundo vira para outro lado. Europa comparece ante o orbe coa leria oca de quen confunde o selo da oficina co poder real, sen admitir a súa verdade máis amarga: o continente xa hai tempo que non é dono do seu eido, senón un caseiro con alma de criado que entregou as chaves do portal en 1945 e, aínda así, dá as grazas por deixalo durmir no faiado.

O 9 de marzo de 2026, a propia Ursula von der Leyen sentenciou ese pasado ao afirmar que "Europa xa non pode ser a gardiá da vella orde mundial". Ao recoñecer que a vella política "saltou polos aires", a presidenta da Comisión non está a anunciar un renacemento, senón a claudicación final ante a forza bruta. É a confesión de que as regras do xogo que eles mesmos impuxeron xa non lles serven, e que agora a única orde que recoñecen é a do ferro e a da submisión estratéxica, un recoñecemento de que o pazo está en ruínas e os seus señores xa só aspiran a ser os capataces da nova barbarie.

Tras oitenta anos de tutela, o que hoxe chaman Unión Europea é o resultado de baleirarlle os petos e a vontade aos pobos. Algo se barruntaba xa cando naquela Constitución Europea que quedou en augas de bacallau se substituía a palabra cidadán pola de consumidor. Esta entrega non foi cousa do fado, senón o pecado consciente dunha burguesía que, por non saber manter o seu vello esplendor, preferiu quedar de criada para todo do capital transatlántico.

Esta Unión non naceu do latexo das nacións, senón dun deseño de laboratorio onde a palabra "consumidor" lle segou a herba baixo os pés á de "cidadán", reducindo a nosa civilización a un mercado de saldos onde ata o aire se cobra á parte

Esta Unión non naceu do latexo das nacións, senón dun deseño de laboratorio onde a palabra "consumidor" lle segou a herba baixo os pés á de "cidadán", reducindo a nosa civilización a un mercado de saldos onde ata o aire se cobra á parte. Nesta aldraxe, a burguesía galega servil fixo de can de palleiro do amo. Venderon a nosa soberanía por cotas que nos fan sentir estranxeiros na nosa propia corte.

Converteron a Galicia nunha terra de extracción, onde o sacauntos do fondo de investimento nos rouba o vento dos montes, mentres a nosa industria estremece de frío porque non ten para pagar a luz que produce. A xeometría do espolio non ten freo, e vémolo agora na cobiza sobre Groenlandia. Washington non quere esa terra porque lle guste a neve, senón para repañar as minas e as novas rutas que abre o xeo.

Ese mesmo puño, que non coñece fronteiras, é o que hoxe esmaga a soberanía de Venezuela, invadindo as súas terras e levando preso ao seu presidente e á súa muller coma quen arrinca unha mala herba dunha horta que xa deu por propia. Ante este asalto, Europa, nese silencio mineral que precede ao derrubamento asiste muda á función, sen decatarse de que o ferro que hoxe forxan para o pescozo alleo é a mesma medida que lle teñen tomada xa para a súa propia gorxa. Non ve que, ao bendicir o espolio en terras estrañas, está a darlle un bico ao coitelo que agarda na súa propia alcoba.

O momento de maior afronta, o acto que selou a nosa submisión de por vida, foi a voadura do Nord Stream. Ante este golpe ás entrañas do continente, as elites de Bruxelas fixeron o orellas. Ao calar ante a destrución das súas propias veas, Europa aceptou o seu papel de vasala: o titor imperial ten permiso para queimar o noso palleiro se iso serve para que lle merquemos o gas a el, máis caro e manchado de sangue.

Neste teatro de sombras, a OTAN exerce de capataz, lexitimando unha guerra en Ucraína onde a clase obreira pon o corpo e os mortos, mentres os tratantes de armas enchen a artesa. Esa mesma maquinaria bélica arde hoxe en Irán, onde Washington e Israel prenden un lume que ameaza con devorar o mundo, pechando o tráfico de petróleo no estreito de Ormuz e condenando ás nosas familias ao desabastecemento, mentres os amos do mundo xogan ao monopoly.

Europa xa non pode ser unha gaiola de vidro onde falta o aire. Ou erguemos unha nova Europa dende a raíz das nacións e do pobo traballador, ou seremos o escenario baleiro onde outros lle poñen prezo ao noso silencio. É hora de ser nación en pé ou aceptar cen anos de servidume coa cabeza gacha

Esta mesma traizón execútase no noso mar: Washington dálle ás a Marrocos e as elites de Madrid actúan como colaboradores necesarios, sacrificando a liberdade do pobo saharauí e o pan dos nosos mariñeiros por tratos de alcoba en Rabat, pasando por riba das propias sentenzas da xustiza europea como quen salta un rego.

En Galicia, esta traizón ten a dureza do vento que xa non move o muíño propio, senón a engrenaxe dun capital que nos trata como unha colonia de interior. A soberanía galega é o cravo que rompe esa roda, porque non hai Europa de homes libres se as súas nacións naturais seguen xunguidas a estados que actúan como alcaides do diñeiro alleo.

A autonomía comeza pola boca. Ao adoptar o inglés como sistema operativo do espírito, Europa tragou co xeito de ver o mundo de quen a somete. A soberanía lingüística, o noso teimar no galego, é a nosa última trincheira contra a desfeita: volver nomear as cousas polo seu nome no adro da historia para deixar de ser un eco do imperio.

Europa xa non pode ser unha gaiola de vidro onde falta o aire. Ou erguemos unha nova Europa dende a raíz das nacións e do pobo traballador, ou seremos o escenario baleiro onde outros lle poñen prezo ao noso silencio. É hora de ser nación en pé ou aceptar cen anos de servidume coa cabeza gacha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.