A Galicia dual e o cambio posíbel

Rueda e Pontón nun debate no Parlamento CC-BY-SA Xunta - BNG

O BNG de Ana Pontón emerxe xa non como unha alternativa de protesta, senón como unha opción de goberno "in pectore"

Van aló dous anos desde aquel febreiro de 2024 no que Alfonso Rueda, alicerzado nomeadamente na grande mobilización das súas bases rurais, logrou manter o edificio da maioría absoluta. Chegados a este marzo de 2026, o panorama demoscópico que debuxan as enquisas confirma a resiliencia do sistema de partidos galego, afondando nunha fenda estrutural: a dunha Galicia dual que camiña cara un binarismo imperfecto entre o polo conservador e a emerxencia dun soberanismo de masas.

A análise demográfica de hai dous anos afondouse: o Goberno Rueda alícérzase cada vez máis sobre a Galicia do interior e as xeracións maiores de 65 anos. Só pode vender unha suposta estabilidade, que semella que para a Galicia máis dinámica non é senón inmobilismo, diante das remudas dun mundo que esixe coñecemento e transformación estratéxica. Neste senso, o arquivo do proxecto de Altri hai poucas semanas presentouse tacticamente non como a derrota que é, senón como un exercicio de suposta "prudencia administrativa" fronte á imposibilidade de conexión eléctrica (responsabilizando da mesma ao Goberno do Estado) e a oposición social maioritaria, da que responzabiliza ao BNG. Unha finta táctica que tenta desactivar a bomba reloxo que ameazaba o seu feudo lucense e furaba os seus apoios históricos na contorna da ría de Arousa e val do Ulla.

O Goberno Rueda alícérzase cada vez máis sobre a Galicia do interior e as xeracións maiores de 65 anos

Porén, fronte a este castelo, o BNG de Ana Pontón emerxe xa non como unha alternativa de protesta, senón como unha opción de goberno "in pectore". Cun 32% de estimación de voto nas enquisas deste primeiro trimestre de 2026, o nacionalismo deixou de ser un partido para converterse no burato negro que absorbe todo o que está á esquerda do PP. O sorpasso ao PSdeG é xa un dato estrutural. O socialismo galego de Gómez Besteiro sofre a síndrome da "invisibilidade por pinza": o electorado urbano e mozo flúe cara a Pontón por unha cuestión de utilidade e soberanía, mentres perde algúns votantes cara ao PPdeG por mor dunha axenda estatal que non coincide coas necesidades urxentes dun país que esixe voz propia no debate sobre o financiamento autonómico e a débeda histórica. Sobre o debate de como podemos xerar benestar garantindo servizos públicos de calidade. Un debate no que o PSdeG non está, amosando arestora a súa inutilidade relativa, que acada tamén a esas difusas opcións da esquerda estatal (IU, Sumar, Podemos...) orfas, ademais, de presenza social e territorial.

A partida non se xogará nas ideoloxías abstractas, senón na capacidade de cada un dos dous polos para ofrecer unha alternativa digna de confianza fronte ao baleirado do rural e a degradación dos servizos públicos, sinaladamente un SERGAS que segue a ser o talón de Aquiles da dereita

Mentres, a Galicia urbana e a Galicia de menos de 45 anos presenta unha intención de voto estábel con maioría a prol do BNG de Ana Pontón, que mesmo mellora aquel 31,7% de 2024 construído dende a expectativa real de remuda. E este fenómeno ten unha importancia moi salientábel: fronte ao prognóstico de que parte dese 31,7% voltaría ao PSdeG, á esquerda estatal ou a abstención por mor da frustración das expectativas de remuda no goberno de 2024, a mellora na intención da xa moi elevada porcentaxe de voto para o BNG amosa que esa expectativa de remuda arredor da proposta soberanista de Ana Pontón continúa na sociedade. Mesmo afortalada. 

A gran novidade deste 2026 é a aparición de fendas no casco do transatlántico popular pola dereita. Vox, que en 2024 era unha anécdota, seica estaría só a algunhas décimas do 5% nas circunscricións atlánticas. Se a ese limitado desgaste (que certamente non vai ser moi notábel, mais tampouco menos importante do que xa é hoxendía) lle engadimos a posibilidade certa de que Ana Pontón e o BNG poidan afondar nese pequeno, mais continuo fío de trasvase de votos coa orixe no PPdeG a maioría absoluta estaría en moi serio risco.

Sanidade e servizos públicos, industria respectuosa co territorio, vivenda e atención a ese 10% de persoas galeguistas que votan decote ao PPdeG. Velaí os probábeis eixos que posibiliten a remuda de 2028. A partida non se xogará nas ideoloxías abstractas, senón na capacidade de cada un dos dous polos para ofrecer unha alternativa digna de confianza fronte ao baleirado do rural e a degradación dos servizos públicos, sinaladamente un SERGAS que segue a ser o talón de Aquiles da dereita. 

Mentres, Galicia agarda. Entre a inercia do vello réxime e a esperanza dunha nova síntese nacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.