A 'guerra cognitiva': os novos campos de batalla da propaganda

Guerra cognitiva Dominio Público

Temos escrito en moitas ocasións nestas páxinas sobre o funcionamento da propaganda que se agudiza máis nos casos dos conflitos bélicos. E falabamos da chamada operación tecnoinformacional para transformar o que pensa a opinión pública respecto duns determinados asuntos (Irak, Libia, Siria, Venezuela…)

Na guerra cognitiva as “armas” pasamos a ser cada un de nós. O “campo de batalla” é a nosa mente, o noso xeito de como procesamos a información, de como pensamos e por tanto de como chegamos a actuar

Pero agora temos que falar dun termo que leva moito máis aló estes conceptos e o xeito de entender esa “batalla pola información” ou polo “relato”. Ese paso máis aló é o que significa a guerra cognitiva, na que as “armas” pasamos a ser cada un de nós. O “campo de batalla” é a nosa mente, o noso xeito de como procesamos a información, de como pensamos e por tanto de como chegamos a actuar.

O concepto de guerra cognitiva, que “a priori” pode xerar confusión con outros como a cibernética ou psicolóxica, é un concepto moito máis amplo. Este concepto aparece nun estudo de 2020 financiado pola OTAN desenvolto polo Mando Aliado de Transformación (ACT) da man do contra almirante francés, afincado en EEUU e cun cargo no seno da Alianza Atlántica, François Du Cluzel.

Ata hai pouco, a OTAN dividía as prácticas de guerra en cinco dominios operativos diferentes: aéreo, terrestre, marítimo, espacial e cibernético. Pero co seu novo desenvolvemento de estratexias de guerra cognitiva, a alianza militar está discutindo un novo sexto nivel: o “dominio humano”. Falamos dunha nova modalidade bélica, dun novo tipo de confrontación que amplía a guerra a un novo eido, a un novo campo de batalla: a nosa mente. 

Secretario xeral da OTAN © OTAN

Non se trata só polo tanto dunha cuestión de propaganda ou ameaza, senón que se trata de explotar os medos, as nosas debilidades, qué fai posible manexar ao individuo, qué fai máis vulnerable a través da manipulación. Non só queren mudar o que pensamos a través da propaganda e as noticias falsas (a través de RRSS, a través dos medios de comunicación de masas….) senón como cognitivamente procesamos a información que recibimos o que supón unha mudanza substancial.

Este concepto aparece nun estudo de 2020 financiado pola OTAN desenvolto polo Mando Aliado de Transformación (ACT) da man do contra almirante francés, afincado en EEUU e cun cargo no seo da Alianza Atlántica, François Du Cluzel

O seu obxectivo é sementar disonancia, instigar narrativas conflitivas ou relatos dominantes, polarizar opinións e radicalizar grupos. A guerra cognitiva pode motivar ás persoas a actuar de maneiras que poden perturbar ou fragmentar unha sociedade que doutro modo estaría unida. Pero esta “guerra” non só tería lugar sobre “nacións oponentes” senón tamén sobre as nacións que forman parte da OTAN para evitar que existan descursos contrarios aos seus intereses (acompañado de armas como a censura e a propaganda masiva nos medios e a criminalización e sinalamento de opinións contrarias), xerando relatos contra inimigos exteriores (China e Rusia principalmente):

Du Cluzel define a “guerra cognitiva” como a “arte de empregar tecnoloxías para alterar a cognición dos obxectivos humanos”. Esas tecnoloxías incorporarían os campos coma nanotecnoloxía, biotecnoloxía, tecnoloxía da información e ciencia cognitiva. En conxunto, “é unha especie cóctel moi perigoso que pode manipular aínda máis a nosa mente”

Du Cluzel explica que o novo método de ataque “vai moito máis aló” da guerra de información ou as operacións psicolóxicas (psyops). Trátase dun xogo sobre a nosa mente, sobre a forma en que o noso cerebro procesa a información e pasa a ser coñecemento. Non é só unha acción contra o que pensamos, senón tamén unha acción contra a forma en que pensamos, a forma en que procesamos a información e pasa a ser coñecemento”.

Nese estudo esta guerra cognitiva aparece nomeada como a “militarización das mentes”, como a Ciencia do cerebro. Segundo sinala este estudo entende que “desenvolver capacidades para danar as habilidades cognitivas do oponente, será necesario”. Pero cando este texto fala de oponente hai que chamar atención sobre dos puntos importantes: necesariamente non falamos dun contexto bélico e por outra banda o obxectivo non serían altos mandos ou os soldados senón que a totalidade do capital humano dunha nación. Neste estudo se sinala que “todo o capital humano é o obxectivo principal”, todo usuario das novas tecnoloxías da información é un “obxectivo potencial”.

O seu obxectivo é sementar disonancia, instigar narrativas conflitivas ou relatos dominantes, polarizar opinións e radicalizar grupos

A diferenza doutras estratexias ou outras “guerras da información” ou da “propaganda”, esta “guerra cognitiva” ten un carácter permanente. “Este campo de batalla é global a través de Internet. Sen principio nin fin, esta conquista non coñece descanso, marcada polas notificacións dos nosos móbiles, en calquera lugar durante 24 horas, 7 días á semana”.

Outra diferenza coas outras “guerras de propaganda” é que nesta nova modalidade todos participan (todos somos “armas”) e ademais de xeito inconsciente. Tal e como sinala FranÇois Du Cluzel no seu estudo a diferenza entre a Guerra Cognitiva e a de propaganda clásica, radica no feito de que todo o mundo participa, na súa maioría de xeito inadvertida, no procesamento da información e a formación de coñecementos dun xeito sen precedentes. Trátase dunha mudanza sutil pero significativa.”

Este cambio ven dado porque mentres os individuos estaban sometidos pasivamente á propaganda, agora contribuímos activamente convertendo ás persoas en multiplicadores, amplificadores e ata melloradores do “descurso” ou do “relato” dominante; empregando como canle os nosos medos, os nosos prexuízos ou simpatías e xerando “caos” (momentos dos “shock”) nas sociedades que fan máis modeables ás persoas. Literalmente falamos de que o novo método implica “hackear ao individuo” explotando as vulnerabilidades da persoa (como xa dixemos as súas filias e fobias) para aplicar unha “enxeñaría social máis sofisticada”.

Mentres os individuos estaban sometidos pasivamente á propaganda, agora contribuímos activamente convertendo ás persoas en multiplicadores, amplificadores e ata melloradores do “descurso” ou do “relato” dominante

Se ben o estudio financiado pola OTAN afirma que en grande parte a súa investigación sobre a guerra cognitiva está deseñada con fines defensivos, tamén admitiu estar desenvolvendo tácticas ofensivas, afirmando que: “O factor humano é frecuentemente a principal vulnerabilidade e debería ser recoñecido para protexer o capital humano da OTAN, pero tamén para ser capaces de beneficiarnos das vulnerabilidades dos nosos adversarios”. De novo aquí, aparecen Rusia e China como os grandes “inimigos a vencer” e construíndo un relato do medo nos cidadáns respecto destes países (posibles agresións e ataques).

O informe afirma que o obxectivo da guerra cognitiva é “danar ás sociedades e non só as forzas armadas”. Engadindo que “o cerebro será o campo de batalla do século XXI e os seres humanos son o dominio en disputa” e “é probable que os conflitos futuros entre as persoas acontezan primeiro dixitalmente e despois fisicamente nas proximidades dos centros de poder político e económico”.

No fai falla coñecer o perigo para ter medo; de feito, os perigos descoñecidos son os que inspiran máis temor.” (Alejandro Dumas)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.