Parafraseando a William Shakespeare en Hamlet “algo ule a podre no xornalismo español”, xa que o que puidemos observar co gallo do atentando sufrido en Barcelona nesta última semana pasará aos anais da infamia. Nos últimos días temos visto especialmente en xornais supostamente “serios”, radios e televisións, discursos e editoriais que supoñen pura propaganda contra o proceso do referendo catalán.
Neste caso non vamos a falar da rumoroloxía convertida en información, do “sensacionalismo” ou do morbo de certos medios ao difundir imaxes das vítimas mortais e feridos, que carecen de contido informativo; algo xa vivido con outros atentados. Pero si da utilización das vítimas dun atentado para atacar ao procés, e especialmente ao goberno da Generalitat ou mesmo ao goberno da cidade de Barcelona. Un dos casos máis rechamantes foi a liña editorial e as viñetas do humorista e debuxante Peridis no xornal El País.
O sábado pasado dous días despois da traxedia e baseándose nunha manipulación dunhas declaracións do presidente da Generalitat que non tiveron lugar, este debuxante ideou unha viñeta onde mestura o atentando e o “procés”. Na devandita viñeta aparecía un individuo cunha urna de votación coas cores da senyera que dicía “nosotros seguimos con la hoja de ruta” mentres outras personaxes vestidas de negro contestaban “nosotros nos quedamos con nuestra hija de luto”. Pretende Peridis amosar os “independentistas” como seres capaces de pasar por enriba das vidas humanas ou dun suceso tan dramático como un atentado?
Non foi diferente a liña editorial deste xornal, tribuna dende a que instaban ao goberno catalán a suspender o referendo por mor dos atentados. Algo que non parece coherente coas respostas que soen ser empregadas nestes casos “a nosa resposta é a democracia”, “non temos medo” “temos que seguir con normalidade a nosa vida”, “os terroristas non poden gañar”. Están tentando empregar un feito coma atentado para tentar evitar o referendo do 1-O? Por que tería que ser suspendido o referendo por mor do atentado?
Outro que merece un nomeamento especial é o columnista Arcadi Espada que nun artigo publicado no xornal El Mundo, titulado “Sangre para los coquetos” expón unha catalanofobia abafante, pero o máis grave é facer das vítimas unha ferramenta para atacar ao indepedentismo. As frases como “a mí los que me importan son los incalificables burgueses de Barcelona que llevan años supurando una grotesca fábula sobre la libertad. A mí me importan esos tipos y tipas de pueblo, toscos como sus mandíbulas, incultos como sus campos cuya pasión nacionalista e xenofoba”, “toda esa gentecilla, entrevenada, lleva años coqueteando con la violencia por activo o por pasiva, con la violencia: desobedencio, destacando o chuleando la paz que es la ley...” ou ”quiero compartir los 13 muertos y 80 heridos con todos y cada uno de ellos con esos intolerables coquetos por si hay modo de que la sangre rinda a otro fin que la torva gloria de dios”.
Falamos dunha falacia, dunha falta de ética brutal. Todos lembramos a Arcadi Espada e compañía aplaudindo coas orellas na invasión de Iraq logo desa foto da infamia das Azores, que foi o comezo do terror que percorre agora Europa e o mundo árabe especialmente Liba e Siria.
Para poñer a guinda ao pastel esta mesma semana medios de comunicación como La Sexta Noticias difunden de xeito repetido que o autor material do atentado nas Ramblas “foi voluntario no referendo e repartiu propaganda a favor do SÍ”. Chegamos xa ao nivel máis grotesco no relato xornalísticas destas últimas semanas.
Como dicíamos no título, a información respecto ao atentado en Cataluña pasa ser unha arma, nunha guerra mediática contra o proceso independentista en Cataluña. E nunha guerra “a primeira vítima sempre é a verdade”.
“Unha mentira non tería sentido, se a verdade non fora percibida coma perigosa” (Alfred Adler)