A guerra contra o terror e os seus novos partidarios

Pasaron xa cinco semanas dende que Rusia comezou a súa campaña de bombardeos en apoio do réxime fascista en Siria, transformando unha loita nacional contra a tiranía nunha resistencia contra a invasión estranxeira e a ocupación. O discurso utilizado para xustificar a intervención rusa é unha extensión da consabida "guerra ao terror". EEUU invadiu e ocupou Iraq e Afganistán, baixo o pretexto de "combater o terrorismo", creando así máis terrorismo e extremismo, e agora os rusos e iranianos fan o mesmo en Siria. A diferenza é que moitxs dxs que abertamente expresaron o seu rexeitamento da primeira guerra contra o terror, agora permanecen en silencio ou apoian activamente esta último reencarnación.

Por suposto, o "terrorismo" é un termo xenérico que o réxime sirio usa contra a disidencia. E os principais obxectivos das aventuras imperialistas rusas non son os fascistas de Daesh (ISIS). Pola contra, o poder militar de Rusia está dirixido ás milicias sirias da resistencia e aos civís que viven nas zonas liberadas, convertidas en campos de exterminio baixo a táctica de terra arrasada do Estado, ou os asedios devastadores. É sobre os suburbios da clase traballadora e os distritos rurais de Hama e Idlib, os que se rebelaron tan fortemente contra o réxime, sobre os que caen os ataques aéreos rusos. A xente atacada en Homs é a mesma que venceu a Daesh un ano atrás. Máis de 254 civís, incluíndo polo menos 83 nenxs, morreron polos ataques aéreos rusos [NB. as cifras son de hai unha semana antes das masacres de civís nos mercados de Douma, AlBoukamal e outros lugares].  Os obxectivos son hospitais, almacéns de distribución de pan, concellos populares e lugares históricos e arqueolóxicos. Ducias de miles de persoas foron desprazadas dos seus fogares, moitas xa vítimas de movementos anteriores, arróupanse baixo as árbores ou en covas ante a ameaza do inverno.

E mesmo con todo ese poder militar, parece que Assad terá problemas para reafirmar o seu control sobre as tres cuartas partes do país que perdeu. A resistencia segue a facer avances e liberando aldeas arredor de Hama, mesmo baixo as bombas rusas, o que supón un serio revés para as tropas desmoralizadas do réxime. Hai menos razón para o optimismo en Aleppo, onde o réxime ten feito avances significativos coa súa enorme dependencia das milicias estranxeiras xiítas no terreo, de Irán e do Líbano, e co apoio de Rusia dende o ceo. Pero, mentres o exército "árabe" sirio de Assad está cada vez máis fragmentado e parece feble de máis para recuperar e manter o territorio perdido, a resistencia vese máis unida do que estivo en moito tempo.

Os que espertaron á traxedia que acontece en Siria só cando Daesh decapitou a un americano ou cando xs refuxiadxs chegan enchoupadxs ás costas europeas, non están familiarizadxs coa historia da loita heroica de Siria: unha loita que lida con múltiples inimigos tanto nacionais como estranxeiros. Isto lévaos a concluír que nunca houbo unha revolución; que todo foi unha conspiración islamista ou estranxeira. Outros suxiren que Assad é o mal menor - aínda que sexa responsable do 96% das mortes de civís e da crise dxs refuxiadxs - e que a "estabilidade" baseada no aparato de seguridade militar é máis importante que a liberdade. Este revisionismo é unha traizón ao levantamento popular que viu a homes e mulleres de todas as seitas, relixións e contextos, pedir a caída do sistema opresor. A xente tomou as rúas desarmada e afrontou soa as balas e tanques do Estado, que custaron tantas vidas. E cando a revolución se militarizou fronte a tal violencia, cando as manipulacións e terror do réxime crearon o espectro do sectarismo e do extremismo islamista, cando os señores da guerra comezaron a aterrorizar as zonas liberadas e os países estranxeiros comezaron a afirmar a súa hexemonía sobre varias faccións, xs revolucionarios sirios e sirias foron traizoados e abandonados. O seu movemento pasou a ser xulgado só pola forza da contrarrevolución. Esta percepción nesgada foi unha vitoria máis para o sistema de Estados.

Algunhas figuras relevantes da esquerda occidental aseguran que "non quedan bos tipos en Siria". Esta análise é o resultado dun orientalismo xeneralizado, que ve os árabes como un todo - un pobo violento, retrógrado e necesitado de guías externa. Non distinguen entre combatentes e activistas non violentos, entre seculares e islamistas, entre moderados e extremistas. Como se a diversidade de opinións, políticas, culturas e métodos de loita foron só dominio da sociedade occidental.

O 2 de outubro pasado, os Comités de Coordinación Local emitiu unha declaración condenando a agresión rusa e chamando a "todas as forzas e faccións revolucionarixs a unirse por todos os medios". En todo o país, os sirios e sirias que viven en condicións apocalípticas saíron ás rúas coas mesmas esixencias. En Aleppo, os manifestantes reuníronse nos barrios de Tariq Al Bab, Tel Rifaat e Salahudeen. En Idlib, a xente saíu ás rúas en Ma'arat Al Nu'man e Kafranbel onde os soldados do Exército Libre se xuntaron ás protestas organizadas regularmente polos civís cada venres.

Unha pancarta dicía "Putin! Fai que os teus soldados retornen seguro, ou enviámolos en cadaleitos". Tamén houbo manifestacións en Inkhil, en Daraa, ao sur, e en Damasco e os seus arrabaldes; en Saqba na Guta oriental, en Qaboun e Duma, onde un home declara: "Siria é para nós, non para a casa dos Assad, nin para Rusia, nin Irán, nin o Líbano". Moitos sirios e sirias cren na autodeterminación, e seguirán a loitar por unha vida digna, libre de todo totalitarismo.

Mentres tanto, a esquerda autoritaria segue ocupándose do xogo de xadrez dos Estados e da loita pola hexemonía territorial ... mentres derraman o sangue do pobo sirio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.