Dende que gañou Donald Trump moitas son as voces nos xornais, TVs e medios de comunicación de masas en xeral que advirten do perigo que a política exterior deste pode ter no equilibrio mundial. Sen dúbida parece que o goberno de Obama e da súa sacrosanta secretaria de Estado Hillary Clinton respectou ese equilibrio. Sobre todo coas intervencións en países como Libia, co fomento das mal chamadas primaveras árabes de consecuencias tan nefastas, o enfrontamento aberto e sen cuartel con Rusia, a intervención en Ucraína ou en Siria.
A realidade é que a política exterior norteamericana, con independencia de gobernos demócratas e republicanos e personaxes reprobables como o caso de Donald Trump, é abertamente imperialista exportando democracias a medida. Isto non presenta nin presentou grandes diferenzas, só é preciso observar a historia.
Nesa historia, un dos mellores exemplos que atopamos é a guerra en Vietnam. Na dita guerra gobernos demócratas e republicanos aceptaron e asumiron auténticas barbaries e crimes contra a humanidade. Un conflito no que caeron 8 millóns de toneladas de bombas en toda Indochina, e morreron 5,7 millóns de persoas. Imaxinemos a dimensión deste dato en comparanza coa II GM: na que só caeron 2 millóns de toneladas de bombas.
Xa en 1955 co goberno de Eisenhower, EEUU estivo apoiando e respaldando ao goberno tiránico de Saigón, aínda no tempo da ocupación francesa. Durante o goberno de J.F.K comezaron as primeiras escaramuzas e aumento das hostilidades e posteriormente con Lyndon Johnson en 1965 foi a grande escalada militar coa escusa do incidente do golfo de Tonkín, a partir do cal foron enviados a Vietnam 500 000 soldados. Como aconteceu noutros momentos da historia esta incidente foi unha operación de falsa bandeira organizada polos servizos secretos estadounidenses, no que se simulou un falso ataque das forzas de Vietnam do Norte no Sudeste Asiático, fabricando así falsas probas para complementar cos anteditos soldados o traballo dos asesores militares que xa estaban no terreo axudando ao goberno títere de Saigón.
Durante a participación de EEUU en Vietnam foron envelenados cultivos e pozos de augas, ademais de empregar axentes diversos para defoliar á selva. Un vertido de 80 millóns de litros deste produto tóxico en 6542 misións nun espazo de 10 anos, non só sobre Vietnam senón tamén sobre Camboxa. Aproximadamente dous millóns de persoas quedarían afectadas, dez millóns de hectáreas de terreo, terras de cultivo, pozos de auga (prohibido polas diversas convencións internacionais) e 30 000 pobos contaminados polo Axente Laranxa cunha concentración superior a do pesticida común. En conxunto, máis do 20% dos bosques de Vietnam do Sur foron rociados polo menos unha vez durante un período de nove anos.
Aínda hoxe hai unas 55 000 persoas afectadas, segunda contas oficiais, por ese vertido. A maioría dos fillos de país contaminados naceron con terribles malformacións. Moitos morreron aos poucos anos de nacer vítimas da leucemia ou outros tipos de cancro e miles de fetos deformados por efecto deste pesticida. Monsanto foi un dos principais subministradores dos 76 millóns de litros de herbicida con que se rociou Vietnam dende 1961 a 1972.
Pero se un incidente marcou esta guerra foi a matanza de My Lai, masacre de civís que perpetrou unha unidade militar do exército dos Estados Unidos en 1968 no marco dunha operación na rexión de Son My na busca do Vietcong. A unidade comandada por Calley ao longo de catro horas, violou ás mulleres e ás nenas, matou ó gando e prendeu lume ás casas ata deixar o poboado arrasado por completo. Para rematar, reuniron aos superviventes nunha acequia ata matar a todos os habitantes da zona (anciáns, mulleres e nenos). A cifra de asasinados pode estar entre 347 e 504. O resultado da política da eficiencia da morte ou o chamado body count.
Esta guerra en moitos dos seus actos constituíu un crime contra a humanidade no que se levou a crueldade a un grado máximo con tal de gañar. Ninguén respondeu por estas atrocidades, foran demócratas ou republicanos. Foi o resultado da idea dun imperio que debe gañar unha guerra perdida dende o comezo da mesma. EEUU chegou a un mundo a onde non foi invitado e desatou o inferno. Unha historia que vimos que se repetiu unha e outra vez ao longo da historia. Unha historia de terror para a que non fixo falta… Donald Trump.
“Cando os ricos fan a guerra, son os pobres os que morren” (Jean Paul Sartre)