A hipoteca de Xerome Daly ou o verdadeiro negocio dos bancos

Na tardiña do mércores, arrimados á barra da taberna Boliño, discutían acaloradamente dous clientes sobre o sistema bancario, nunha regueifa interminable de pestes e bondades. Namentres, a escasos dous metros deles, eu miraba na tele como se consumaba a vinganza do Atlético Aviación sobre a pérfida Teutonia, pero sen perderlle o fío aos apaixonados razoamentos dun e mailo outro; e así como quen non quere a cousa, veume á memoria o xuízo aquel do First National Bank of Montgomery contra o cidadán estadounidense Xerome Daly. Que moi seguro moitos de vós non coñecedes nin tedes por que. Resulta que un bo día do ano 68, e por mor de pagamentos vencidos e non satisfeitos, o tal First National Bank de Montgomery quixo executar a hipoteca de 14000 dólares asinada polo seu cliente e quedarse así coa súa vivenda. O tal Xerome arrepúxose á execución alegando que non houbera contraprestación ningunha no préstamo concedido. A contraprestación -a cousa que é obxecto de intercambio- é un elemento esencial en todo contrato, e Daly era avogado e sabíao ben, así que argumentou que o banco non desembolsara ningún diñeiro real no seu préstamo.

As actuacións dentro do proceso foron anotadas polo xuíz auxiliar Bill Drexler, cuxa principal función, segundo el mesmo contou, era manter a orde naquel galiñeiro, unha sala petada de xente curiosa e avogados que se ameazaban uns aos outros cun trebón de labazadas. Drexler non lle dera moito creto á teoría da defensa, ata que o señor Morgan, presidente do banco, subiu a declarar. Para sorpresa de todos, Morgan admitiu que o banco creaba acotío e da nada os cartos que prestaba, e que esta era unha práctica bancaria usual. “Pois a min chéirame a calote”, seica dixo o xuíz Martin Mahoney, namentres os membros do xurado asentían coa cabeza. No seu relatorio do proceso, o xuíz Mahoney declarou o seguinte: “O demandante admitiu que, en combinación co Banco da Reserva Federal de Minneápolis.... creou a totalidade de 14000 dólares en diñeiro efectivo e mais unha partida de creto nos seus libros de contabilidade. Que esta era a contraprestación utilizada para xustificar a anotación de data 8 de maio de 1964 e a hipoteca da mesma data. O diñeiro e mailo creto comezaron a existir cando eles crearon este último. O señor Morgan admitiu que non existía ningunha lei dos Estados Unidos ou estatuto que lle dera o dereito a facer isto. Unha constraprestación legal debe existir e debe ser ofrecida para xustificar a anotación.”

O xulgado desestimou a reclamación do banco para a execución da hipoteca, e Xerome conservou a súa casa. As implicacións desta resolución xudicial podían causar unha desfeita. Se os banqueiros de feito estaban outorgando créditos sen contraprestación (sen apoiar os seus préstamos con cartos que realmente tiveran nas súas caixas fortes e dos que tiñan dereito a prestar), unha decisión que declarara os seus préstamos coma inexistentes podería facer caer a base sobre a que descansaba todo o inmenso poder bancario. Escusado é dicir que a cousa non foi a mais.

Sentenciouse algunha outra vez nalgún xulgado de Paz, que gozaban daquela de gran autonomía. O xuíz Mahoney chegou incluso a ameazar con procesar e expoñer publicamente ao banco. Morreu menos de seis meses despois do xuízo de Daly, nun misterioso accidente con tódalas trazas de envelenamento. Dende aquelas, varios demandados intentaron sortear os incumprimentos nos pagamentos hipotecarios usando a defensa suscitada por Daly, pero soamente tiveron un éxito limitado. Como seica dixo un xuíz, por fóra do proceso, “se lle deixo facer iso, a vostede e a tódolos demais, isto derrubaría todo o sistema...Non podo deixalo pasar a vostede para o outro lado do mostrador do banco....Non podemos ir mirar o que alí hai! Non sei se me explico. Non sei se me entendes”.

O taberneiro do Boliño, profesional exquisito e capaz de seguir varias conversas á vez, debeu verme nos ollos as cavilacións bancarias e foi vindo cara onde eu estaba, de vagar e con disimulo. “Ai ...Lalín ... Lalín...Éche mellor que sigamos a pensar que os bancos piden prestado barato e volven prestar caro esa mesma cantidade, quedándose para si coa diferencia nos réditos, que é o seu negocio. Deixa que a xente siga crendo que primeiro son os depósitos e logo os préstamos, porque metemos os fociños detrás das biombos imos descubrir que nada é verdade, que os préstamos crean os seus propios depósitos...ou sexa, que os bancos prestan o que non teñen e cobran por elo...Por certo, ando a buscar un tractor vello para uns traballiños... ti non saberás dalgún Ebro ou Barreiros aló polas terras altas?”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.