“Compreendo bem que o homem que está diante de mim, e me fala com palavras iguais às minhas, e me fez gestos que são como eu faço ou poderia fazer, seja de algum modo meu semelhante” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
Dime con quen andas e direiche canda quen vas. Sei que o refrán non é talmente así. O meu tío Lisardo agarrouse a esta versión que el mesmo fusilou da orixinal. Parecíalle máis categórica e máis atinada para referirse a cerelladas coma a que nos ocupa.
Vivimos –ou sobrevivimos- tempos xarotos nos que trunfa a cativeza integral, nos que a política arredou a dignidade da que sería merecente nunha sociedade normal. E perdeuna pola teimosía e incompetencia dos politicastros e chafalleiros que a invaden
Vivimos –ou sobrevivimos- tempos xarotos nos que trunfa a cativeza integral, nos que a política arredou a dignidade da que sería merecente nunha sociedade normal. E perdeuna pola teimosía e incompetencia dos politicastros e chafalleiros que a invaden. E, por suposto, pola indecencia dos garduños e falsarios que a infestan, que pouco a pouco foron esganando e afastando á xente honesta que posuía principios sólidos e ideas constatadas. Grazas á mestría dos moinantes –e á encomiable axuda dalgúns medios de comunicación- moitos dos actuais “ocupas” da acción política conseguiron botar fóra da res pública conceptos coma pertenza, solidariedade e mesmo responsabilidade, para facelos podrecer atrapallados entre a quincalla, nestes tempos de acedía e penumbra.
Mais estas maluras e intemperies nunca acontecen só por mor da picardía dos badulaques. Inexorablemente, a militancia adormecida polo bipartidismo reinante terá que apandar cunha parte da culpa, por deixarse domear polas mandas de revirados lambecricas, que madrugan canto poden para bafexarlle no couquizo a significativos pillabáns que ocupan postos relevantes nas estruturas organizativas e nas institucións públicas.
Ao mellor chegou a hora de deixar de requirir aos lapadoiras dos xefes políticos para que lle preparen a liquidación aos que lles feden os petos a augas sulfurosas. Eses nunca están nin se lle agarda para tal mester. Se cadra sería moi doado que, cando ilustres camaradas son sospeitosos de fochicar onde non deben, determinados militantes deixaran de botarlle a culpa aos marcianos e chantarse diante dos caporais, e esixirlles que lle merquen un guepeese a eses zarapelos do carafio, para que non teñan perda á hora de tocar a chanca cara o esquecido lugar de procedencia.
Ao mellor chegou a hora de deixar de requirir aos lapadoiras dos xefes políticos para que lle preparen a liquidación aos que lles feden os petos a augas sulfurosas
Ah! Hai quen pensa –e o meu tío Lisardo tamén- que non vai caer o mundo se estes abellóns, empostos a zugar o que pillan diante e a andala rañando, se apartan da política e regresan á vida civil sen máis trámite. E se andan mal de reflexos –cousa que pode ser posible-, e porfían en seguir na peaña, alegando que non están imputados ou rabos de gaitas, xa vai sendo hora de que a militancia adormecida deixe de deluvar os ollos e bote man da aguillada para tanguer a quen faga falta. Pois se os xerifaltes dos partidos lle encomendan o asunto aos tribunais, mellor será que agardemos sentados.