“As ferramentas do amo nunca desmantelarán a casa do amo”. A frase é de Audre Lorde. No presente artigo sérvenos para dar conta do Plan de Benestar Dixital, declaración de amor da Xunta a unha tecnoloxía manipuladora, extrativa, clasista, da que se di que podería poñer en perigo a especie humana
“As ferramentas do amo nunca desmantelarán a casa do amo”.
A frase é da autora norteamericana Audre Lorde, que se definía como “Negra, lesbiana, feminista, socialista, nai, guerreira e poeta” e pode aplicarse a múltiples facetas da vida. No presente artigo sérvenos para dar conta do Plan de Benestar Dixital, declaración de amor da Xunta a unha tecnoloxía manipuladora, extrativa, clasista, da que se di que podería poñer en perigo a especie humana. Declaración de amor ou sacrificio ritual ao ogro do mellor que temos: os meniños e meniñas. A Consellería de Educación revístea de innovación e esforzo por reducir a burocracia docente, que ironicamente introduce novas capas de burocracia. Lese literalmente o dito de que non hai peor cuña que a da mesma madeira e soluciónase substituíndo o papel polo dixital.
O Faro de Vigo preséntao co titular: “A intelixencia artificial obriga os profesores a voltar ás aulas”. De entrada, que gustazo esa xostregada no lombo do profesorado, casta que segundo o conselleiro “traballa pouco” e segundo o subsecretario de inspección conforma unha “clase ociosa de funcionarios que non espertará do letargo dogmático ata que vexa en perigo de verdade o seu traballo e privilexios”. Permitide que colla aire.
O plan admite que a IA é un campo minado para o rendemento académico, a formación integral e cidadá, o acceso á información fiábel e mesmo para a saúde física e mental de cativos, adolescentes e familias. O obxectivo non é deixar de expoñernos aos perigos senón darnos trucos para canealos
O plan admite que a IA é un campo minado para o rendemento académico, a formación integral e cidadá, o acceso á información fiábel e mesmo para a saúde física e mental de cativos, adolescentes e familias. O obxectivo non é deixar de expoñernos aos perigos senón darnos trucos para canealos, en forma de protocolos, códigos, contratos, decálogos, apps, orientacións... “fomentando a colaboración entre a administración e a industria tecnolóxica para promover contornas dixitais seguras”, xusto o que perseguen os filántropos e humanistas Elon Musk, Mark Zuckerberg, Jeff Bezzos, Peter Thiel, Sam Altman e compañía. No propio Silicon Valley os empregados que desenvolven as tecnoloxías que a Xunta abraza procuran afastar os seus cativos de móbiles, redes sociais e IA, impedíndolles o acceso a elas para protexelos e optando pola educación clásica de pizarra, reflexión, memoria, observación do mundo físico, relación persoal e (isto pode escandalizar en San Caetano) libros, papel e lapis. Cando en Escandinavia recúan no mesmo sentido, a Xunta pisa o acelerador. A xornalista celebra que hoxe “unha lectura obrigatoria, facer os deberes de inglés ou resolver unha ecuación de segundo grao son unha parte ínfima do que se pode facer con ChatGPT, Gemini... Para uns é facer trampa, para outros son ferramentas que chegaron para quedar e teñen moito que aportar”.
O Plan de Benestar Dixital recolle medio cento de actuacións para adaptarse ao “novo panorama educativo derivado da dixitalización”. Non explican que panorama é ese. Falan igualmente dun “sistema educativo en plena transformación” coma se fixesen referencia a algo concreto. Din que as Tecnoloxías da Información “evolucionaron cara as Tecnoloxías da Relación.... que configuran novas formas de interacción aprendizaxe e convivencia”. Deixouno claro o CEO de Meta cando explicou que hoxe os adolescentes teñen tres amigos ou menos e o seu plan era reducir ese número a un, o chatbot.
A borracheira non ten fin, ten pinta de estar elaborada con ChatGPT e non se vende como sardiñas engadidas ás alforxas do profesorado senón como apoio para facilitar e simplificar o seu labor, a clase ociosa. En serio?
A partir de aí o Plan entrégase á prosa institucional de “mellorar o desempeño... impulsar a colaboración... forxar vínculos... achegar máis o día a día... coñecer de primeira man... fomentar o benestar... promover a formación permanente e un uso equilibrado...”. Isto substánciase documentalmente en marabillas destinadas á trituradora como un Contrato de vida dixital, o Radar das emocións, o Clic familiar, o programa Encontros coas familias, a guía Orientacións para o uso e a integración da IA no ámbito educativo, o manual Hixiene dixital docente, un Decálogo de boas prácticas e uso ético, unha Enciclopedia wiki, un Código galego de boas prácticas tecnodidácticas, o programa de formación Na procura da loiada, o sistema de autoavaliación Modo consciente ON, o paquete educativo O bosque dos dereitos, a actualización do Programa E-Dixgal. A borracheira non ten fin, ten pinta de estar elaborada con ChatGPT e non se vende como sardiñas engadidas ás alforxas do profesorado senón como apoio para facilitar e simplificar o seu labor, a clase ociosa. En serio?
No plano abertamente burocrático, grazas ás novas tecnoloxías, “automatizaranse procesos e certificados, por exemplo matrículas ou solicitudes de intervención dos equipos de orientación, que se farán en liña cun expediente único. Haberá un novo procedemento simplificado para o rexistro de actividades, tramitarase en liña a xestión de permisos e licenzas e, en xeral, haberá un único espazo dixital para arquivar, conservar e transmitir documentos a pais e estudantes, e para xestionar as reclamacións”. Só lles faltou engadir que ao principio pode doer un pouco pero así que te acostumas...
Deixamos para o remate a medida máis choqueira de todas, o Apagamento dixital, “un reto para o alumnado, mediante o cal se compromete a estar 24 horas sen usar internet e dispositivos electrónicos”. Home, Román, ter comezado por aí.