A idea de progreso ilimitado: Tony Judt contra Josep Fontana

CC-BY-SA Praza Pública

A lectura hai un tempo da introdución da obra de Tony Judt, Sobre el olvidado siglo XX (titulada “El mundo que hemos perdido”), sumada á da obra de Josep Fontana El futuro es un país extraño, fíxome reflexionar seriamente sobre a idea de progreso ilimitado emerxida a raíz do gran “avance” tecnolóxico obra da revolución industrial iniciada no século XIX. Ambas son comentarios que teñen por tema común o recordo histórico que na actualidade se ten do século XX, ademais de ofrecernos unha especie de síntese global e explicación dos feitos fundamentais do mesmo. Tras a primeira lectura de ambos darémonos conta de que se trata de dúas formas contrapostas de ver o século pasado. É necesario sinalar que a pesar disto ambos autores presentan unha marcada actitude de crítica ó uso mediático que se lle deu ó século XX, pondo especial énfase en que este legounos certas leccións históricas que parece que cada vez se teñen menos en conta. A diverxencia que cabería esperar entre ambos autores é clara xa nas súas diferentes traxectorias académicas, xa que Fontana foi un autor ligado ó marxismo historiográfico e político, mentres que Tony Judt encóntrase máis na liña de historia máis “tradicional”, non deixando de ser curiosa a súa participación en certos medios de comunicación masivos, onde certamente os historiadores, quizais pola súa mala fama de desmitificadores, non adoitan ter cabida. 

Judt preséntanos un século XX cheo de horrores, pero que ó mesmo tempo bota de menos os seus valores tradicionais, mentres que Fontana vainos relatando unha historia que dende o contraataque reaccionario dos 70 presentase como cada vez máis pesimista, pero que no fondo alberga unha sensación de optimismo

Pasando xa á comparación entre ambos, o máis chamativo é a diferenciación no ámbito do pesimismo e o optimismo en ambos autores. Judt preséntanos un século XX cheo de horrores, pero que ó mesmo tempo bota de menos os seus valores tradicionais, mentres que Fontana vainos relatando unha historia que dende o contraataque reaccionario dos 70 presentase como cada vez máis pesimista, pero que no fondo alberga unha sensación de optimismo, especialmente se o historiador é capaz de tomar conciencia dese proceso e denuncialo, instando así a unha actividade historiográfica activa e crítica. 

Pasando ás ideas concretas desenvolvidas polos autores, Fontana preséntanos un relato claro, relacionando a actual ideoloxía dominante cos cambios económicos e políticos que se comezaron a producir dende os anos 70 do século pasado, cuxa base ideolóxica se sustenta na idea de “progreso ilimitado”. Precisamente esta idea xurde na Ilustración , etapa histórica que reivindica Judt fronte á “perdida de valores” da actualidade. Con esta reivindicación Tony Judt idealizará ese pasado ilustrado, xa que as revisións historiográficas que se teñen feito do mesmo demostran que se tratou dunha era de revolucións burguesas, polo que gardaban máis relación con fenómenos económicos que con outros puramente ideolóxicos, mentres que o pobo seguía ancorado na mesma misera que no Antigo Réxime, ou quizais peor debido ó trauma que para o mundo rural supuxo a industrialización e o éxodo cara as cidades. Precisamente Fontana reivindicará o contrario, os perdedores da historia, os “mártires” caídos polos nosos dereitos, e que se nós non os defendemos a morde de aqueles non serviu de nada. A contraposición observase de maneira cristalina cando Judt afirma que o estado de benestar é obra do liberalismo e que nisto non inflúe para nada o socialismo, pondo como exemplo o New Deal, aínda que a historia ten demostrado que isto non foi unha obra de caridade dos poderosos, se non un intento por salvar o sistema capitalista que os propios capitalistas case se cargan. 

As posicións contrapostas defendidas en ambos textos serían: por parte de Tony Judt volver a unha Ilustración idealizada que acabase co “mal” e o “horror”, mentres que o defendido por Fontana sería un chamado a ter unha actitude activa para a evitar que se sigan propagando esas ideas de progreso constante

Chamoume moito a atención o texto de Judt, que nos presenta unha serie de termos e sucesos históricos que non define con claridade, creando así un discurso extenso pero difuso. Por isto creo necesario sinalalos e comentalos brevemente. É curiosa a utilización de conceptos como “mal” ou “horror”, xa que estes son tremendamente subxectivos, e dependen da súa contraposición, o concepto de “ben”, que o autor non define en ningún caso. Isto é unha maneira de aceptar estes conceptos como a “normalidade”, mentres que calquera visión que non se corresponda ós seus valores non sería válida por ser desviada do “normal”. Coa morriña que amosa polos temos pasados pretende facer impermeables ás familias dos cambios históricos e ancoralas a un modelo determinado, negando así conceptos históricos básicos. Esta idea tamén o relacionaría ca idea que expresa logo de que as tecnoloxías transformaron as relacións inter- persoais, sendo esta unha consecuencia constante ó largo da historia. Respecto ós intelectuais que o autor cita (mentres lamenta a súa “extinción” nos nosos tempos, cando o que se produciu é unha reformulación do concepto de intelectual), atreveríame a dicir que quizais un erro do pasado sexa ese seguimento cego de certas personalidades “luminosas” ou “vangardistas”. 

Non se nos debe esquecer a traizón de moitos destes personaxes ós ideais que dicían defender, xa que a maioría de persoas teñen un prezo, ademais é ben sabido que cando o barco se comeza a fundir as ratas son as primeiras en abandonar o barco. Quizais a lección foi aprendida e o pobo xa non se fía tanto de supostos idealistas que no fondo se ve que só buscan aumentar o seu valor de cotización no mercado. Polo outro lado o contrapunto sería que nuns tempos de gran proliferación masiva da información tóxica, esta solapa á información realmente útil, que sofre unha terrible campaña de persecución e censura (o exemplo da España da lei mordaza é quizais un exemplo esaxerado) o que non axudaría á difusión masiva do que poderíamos chamar “intelectuais de calidade”. A clave para converter en útil esa gran cantidade de información é incentivar a actitude crítica, non limitala como deixa entrever o autor. Máis que discutible é a súa visión do comunismo como algo monolítico e diabólico, ademais do uso de termos como “judeocomunismo” ou “islamofascismo”. Sumado a isto, do texto de Judt despréndense ideas como a súa incapacidade (e falta de vontade) de adaptarse ós novos tempos, unha visión caótica do século pasado que non axuda a fixar a lección que nos debería ensinar, esquecendo que non sempre se purgaron ós causantes dos desastres do século pasado debido ás circunstancias da guerra fría, lembrando melancolicamente o historicismo positivista e desprezando concepcións históricas diferentes á súa, a súa defensa dun sistema democrático que el mesmo retracta como unha farsa que só enriquece ós máis poderosos (sendo “o sistema menos malo” como diría Churchill), o seu claro eurocentrismo cando se refire a occidente como o mundo civilizado e que o resto do mundo se quedou no século pasado, trata de convencernos de que o terrorismo xurdiu por xeración espontánea, ou que os estados xa desapareceron debido ó fracaso do socialismo, ademais de que non ten en conta os efectos do fenómeno colonial Europeo cos sucesos contemporáneos. Isto contrasta ca claridade cristalina do mensaxe de Fontana, co que se pode estar de acordo ou non.

O futuro está cargado de cores pesimistas, pero non nos podemos deixar abandonar polo pesimismo ou perderemos a batalla histórica para sempre. É algo puramente biolóxico, non hai maneira de concibir unha existencia minimamente decente se ves o futuro como algo que non pode mellorar

Simplificando, as posicións contrapostas defendidas en ambos textos serían: por parte de Tony Judt volver a unha Ilustración idealizada que acabase co “mal” e o “horror”, mentres que o defendido por Fontana sería un chamado a ter unha actitude activa para a evitar que se sigan propagando esas ideas de progreso constante e os demais mitos históricos que saturan a historiografía oficial dos nosos días e acabase convertendo nas bases da ideoloxía dominante. Curiosamente para expresar unha idea tan profunda Fontana non ten que citar un gran elenco de personaxes históricos e intelectuais nin estenderse demasiado, mentres que Judt expón un número maior de ideas e argumentos, pero non nos mostras claramente o fondo ou a idea que pretende infundirnos para reverter a perversión da memoria histórica do século XX.

Que o futuro está cargado de cores pesimistas, dende logo, pero non nos podemos deixar abandonar polo pesimismo ou perderemos a batalla histórica para sempre. É algo puramente biolóxico, non hai maneira de concibir unha existencia minimamente decente se ves o futuro como algo que non pode mellorar, e ademais non existen viaxes ó pasado, polo que idealizando non se conseguirá recrealo, solo conseguindo ancorarse a el, sendo este un lastre demasiado pesado como para permitirnos avanzar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.