Case todos estamos de acordo que, na Europa actual, está a avanzar un capitalismo financeiro que tende liquidar todos os avances sociais obtidos despois de 1945 (no Estado despois do 1977) e que posibilitaron, co Welfare State e co Estado social e democrático de Dereito, a meirande liberdade e calidade de vida obtida na historia contemporánea universal. Tamén cómpre recoñecer que moitos partidos socialdemócratas europeos non foron quen a parar esta onda, senón que mesmo contribuíron á mesma, como os Blair e Zapatero de cadansúas derradeiras etapas.
O recoñecemento desta indubidábel realidade non constitúe chata ningunha para arquivar definitivamente as políticas gradualistas de transformación social, de progresividade fiscal, de inclusión e cohesión social
Mais o recoñecemento desta indubidábel realidade non constitúe chata ningunha para arquivar definitivamente as políticas gradualistas de transformación social, de progresividade fiscal, de inclusión e cohesión social, de reformas electorais cara unha meirande transparencia e proporcionalidade, de igualdade de xénero…, para adoptarmos unha táctica maximalista de todo ou nada onde se desprezan os avances transformadores co pretexto de que o que compre é facer unha revolución na que todos podemos estar de acordo contra que é, pero da que ninguén coñece o obxectivo. Mesmo adoito se teñen presentado estas actitudes baixo fasquía pseudocientífica, segundo teses defensoras de que xa non son posíbeis os sistemas mixtos porque a lóxica do capitalismo levaríao á liquidación de calquera concesión á integración social.
A historia moderna apréndenos que só as sociedades cohesionadas son quen a avanzar. Se non hai inclusión social haberá barbarie e mesmo violencia
A historia moderna apréndenos que só as sociedades cohesionadas son quen a avanzar. Se non hai inclusión social haberá barbarie e mesmo violencia. Unha persoa oposta á integración social dos minusválidos ou á garantía social da suficiencia enerxética ou alimentaria da cidadanía non é conservadora, é fascista. E o fascismo tende á liquidación do sistema democrático.
Gobernar supón decidir entre o malo e o menos malo todos os días. Non obrigar escoller entre eu e o caos
A política ten que xerar solucións concretas e de ampla base que enfronten os problemas económicos e sociais. E mentres algúns só consideren avanzar a medio de procesos revolucionarios non serán posíbeis alianzas sociais amplas que lle dean pulo aos procesos de transformación que garantan a cohesión social. Porque só se pode reverter o actual proceso dende formulacións que se dirixan a todos ou case todos e non só a unha parte.
Gobernar supón decidir entre o malo e o menos malo todos os días. Non obrigar escoller entre eu e o caos.