Durante a posguerra, Tomás Marcellán instalouse na periferia de París e exerceu como dirixente da CNT e da FAI no exilio. A comezos dos anos cincuenta, propuxo a creación dunha imprenta de orientación libertaria, que el mesmo promoveu como "Pro Proyecto de Cultura", que foi aprobado e asumido pola CNT
A moi querida parella de fillos de exiliados republicanos conformada por Blanca Campos e Amado Marcellán entrou na miña vida, como tantas persoas puras e boas, a través de María Lopo, quen a coñeceu compartindo o uso da palabra nun acto memorialista celebrado na vila bretoa de Douarnenez. Con eles puiden departir longamente nas súas reiteradas visitas a Santiago de Compostela e ao mariñeiro lugar de Caamaño en Porto do Son, pero tamén en París e en Choisy-le-Roi, onde residiron a maior parte da súa vida. Ademais, coincidimos en actividades culturais diversas, pois eu mesmo os guiei na exposición que comisariei sobre "Valente e a unidade das artes" na Universidade de Santiago de Compostela en 2019 e ambos me honraron coa súa presenza no recital bilingüe galego-francés da miña poesía que María Lopo e mais eu ofrecemos no Instituto Cervantes de París en 2024.
A súa conexión con Galicia provén da enfermeira Blanca Campos García, filla dos ourensáns Clemente Campos e Rosario García, exiliados en Francia, e sobriña do guerrilleiro antifranquista Manuel García Rodríguez (alcumado Porco e pertencente á partida guerrilleira de Mario de Langullo), quen tras vivir oculto no monte dende 1936, foi detido en 1958 e executado a garrote vil en 1959. Sobre o seu caso investigou a propia Blanca Campos, pois ten realizado interesantes e sensibles contribucións á memoria histórica antifascista, como mostra o sentido e vivido artigo "Antoni Benaiges Nogués, instituteur", dedicado a dito mestre socialista catalán, pioneiro na divulgación en España das técnicas pedagóxicas Freinet, que foi asasinado por falanxistas en 1936.
Amado Marcellán Francitorra, fillo dos exiliados cataláns Tomás Marcellán e Francisca Francitorra, provén por vía paterna dunha familia libertaria de orixe aragonesa. O seu pai, Tomás Marcellán Martínez, foi un precoz anarquista que comezou a traballar aos once anos como aprendiz tipógrafo na imprenta da publicación cenetista de Badalona La Colmena Obrera, adheríndose aínda adolescente, pero xa activista, ao Sindicato de Artes Gráficas de Badalona da CNT. Tras a sublevación fascista de 1936, participou na Colectividad de las Artes Gráficas de Badalona, e dende os dezasete anos loitou como miliciano libertario na Columna Los Aguiluchos, sendo gravemente ferido nun ataque no que perdeu varios dedos da man dereita. Tras a Retirada de 1939, como tantos centos de miles de persoas, exiliouse en Francia, onde conseguiu sobrevivir á ocupación nazi e refacer a súa vida.
Durante a posguerra, Tomás Marcellán instalouse na periferia de París e exerceu como dirixente da CNT e da FAI no exilio. A comezos dos anos cincuenta, propuxo a creación dunha imprenta de orientación libertaria, que el mesmo promoveu como "Pro Proyecto de Cultura", que foi aprobado e asumido pola CNT, sindicato caracterizado por operar de abaixo a arriba e non ao revés. Con el colaboraron dende o inicio os tamén ácratas exiliados cataláns Francisco Roda (supervivente do campo de exterminio de Mauthausen) e Bautista Agustí (mecánico e dirixente da Federación Anarquista Ibérica no exilio), contando co simultáneo apoio de Jerónimo Granados e Martín Bernal (ex-combatentes das Forces Françaises Libres) e doutros camaradas. Todo o proxecto foi financiado por subscrición solidaria, aínda que baixo unha ficticia cobertura societaria legal, na que figuraba como director o antigo resistente e camarada francés René-Henri Bellanger.
O propio Tomás Marcellán formou aos tipógrafos da empresa, onde, insolitamente naquela época, cobraron igual profesionais e aprendices, así como homes e mulleres, pois a ela se incorporou a súa filla Blanca Marcellán. Malia o grande esforzo físico que supuña para unha moza traballar naquela imprenta tipográfica, ela sentiuse plenamente realizada laboral e ideoloxicamente como muller e como libertaria, por estar servindo en réxime de igualdade a unha causa que consideraba eticamente nobre e socialmente útil. O proxecto durou cincuenta anos, dende 1957 a 2007, grazas ao gran tesón do seu promotor e dos seguidores deste, pero tamén mercé a contar, cando había algún problema, co apoio militante de toda clase de traballadores dispostos a colaborar solidariamente, así como co posterior apoio dos descendentes destes. Por exemplo, como contable exerceu o fillo do exiliado anarquista catalán Ramón Salvá e despois deste o seu neto Francis Salvá, perito que tamén comprendeu que o valor humano dunha empresa é superior ao do proveito inmediato, considerando que precisamente tal compromiso ético garante mellor unha solidez máis perdurable.
A sede estableceuse no número 4/6 rue de Chevreul en Choisy-le-Roy co nome de Imprimerie des Gondoles, dado que dita cidade do Val do Marne foi dotada de góndolas para entretemento da corte do rei Louis XV (de feito, as góndolas deron nome tamén a un barrio, a un parque e a unha mediateca da zona). Nesta vila tiveron, pois, residencia pacega de luxo Louis XV, a súa favorita Madame de Pompadour e a daquela aínda princesa Marie-Antoinette, mais tamén residiu e faleceu nela o revolucionario Rouget de Lisle, autor do himno "La Marseillaise", como lembra un monumento a el dedicado. Choisy, que adquirira o seu nome rexio con Louis XV, foi habitado por Danton e tivo un alcalde partidario de Robespierre durante a revolución de 1789, pasando a chamarse Choisy-sur-Seine. No século XX, a vila acolleu inmigración procedente de decenas de nacionalidades, apertura internacionalista patente tamén no busto dedicado a L.L. Zamenhof, creador do esperanto como lingua planificada para uso internacional.
A Imprimerie des Gondoles deu ao prelo o voceiro oficial da CNT no exilio parisiense, Solidaridad Obrera, e o semanario bilingüe franco-español Le Combat Syndicaliste, pero tamén a publicación Terra Lliure en catalán, as revistas culturais Cenit e Umbral en castelán e o boletín Hispania da Federación Española de Deportados e Internados Políticos (FEDIP)
Malia retomar a súa denominación real, Choisy-le-Roi mantivo numerosos vínculos coa esquerda: por exemplo, no seu municipio estableceuse e foi abatido o dirixente da chamada banda anarquista Bonnot e gobernou frecuentemente o Partido Comunista Francés, como poñen en evidencia os nomes da Médiathèque Louis-Aragon e do Théâtre-cinéma Paul-Éluard. Moi preto deste atópase a vivenda na que morou na infancia a escultora feminista Louise Bourgeois, cuxo niño de aluminio fundido "Les Bienvenus", solidariamente alusivo ás parellas inmigrantes, está pendurado dunha árbore no parque da capital deste concello. E non lonxe desta escultura pode verse o gran fresco da Rue des Mariniers realizado por Crey & Max representando unha gran paisaxe urbana da vila ata a beira do río Sena.
Tomás Marcellán Martínez tivo tres fillos igualmente libertarios, Amado, Amable e Blanca, que honraron exemplarmente a memoria e os ideais do seu pai. Por fortuna, tiven o privilexio de que o primeiro, a súa compañeira e a súa irmá me guiaran, xunto á galicista María Lopo e á hispanista Claudie Terrasson, polos lugares da memoria do exilio republicano español en Choisy-le-Roi, incluíndo a casa dos sindicatos onde ten sede a CNT e, por suposto, ao local da antiga Imprimerie des Gondoles, nunha xornada tan interesante como emocionante. Alí e na vivenda da familia Marcellán Campos puidemos ver unha mostra dos carteis, periódicos, libros, folletos, calendarios, fundas de discos, panfletos e prospectos que, en castelán, francés, catalán e esperanto se editaron na histórica imprenta, cuxas sobrias e elegantes impresións chegaron a todos os continentes da Terra.
Aínda que a maior parte do impreso foron publicacións do movemento libertario, francés e, sobre todo, español no exilio, fixéronse ademais por encargo anuncios comerciais, tarxetas nupciais, notas necrolóxicas e publicismo político doutras tendencias do exilio antifranquista, como a republicana, a comunista ou a catalanista (o propio Josep Tarradellas, futuro presidente da Generalitat de Catalunya, acudiu en persoa a facerse cargo de probas e pedidos nesta imprenta). E tampouco faltaron proclamas pacifistas e ecoloxistas ou anuncios de concertos de cantautores como Georges Brassens, Georges Moustaki, Paco Ibáñez ou o Cuarteto Cedrón, incluíndo reclamos publicitarios de actividades culturais da inmigración galega en Francia.
Así, a Imprimerie des Gondoles deu ao prelo o voceiro oficial da CNT no exilio parisiense, Solidaridad Obrera, e o semanario bilingüe franco-español Le Combat Syndicaliste, pero tamén a publicación Terra Lliure en catalán, as revistas culturais Cenit e Umbral en castelán e o boletín Hispania da Federación Española de Deportados e Internados Políticos (FEDIP), entidade esta que Tomás Marcellán representou na inauguración no cemiterio parisiense do Père Lachaise do monumento á memoria dos 35.000 republicanos españois exiliados que foron deportados, liquidados ou combatentes durante a segunda guerra mundial. Nos últimos tempos o propio impresor dirixiu o semanario CeNiT, que tras a súa morte tivo continuación en Los Amigos de CeNiT. Entre as cabeceiras francesas poden mencionarse as tan referenciais do anarquismo Le monde libertaire e Front libertaire des luttes de classes.
Entre os numerosos libros alí impresos antes da morte do Xeneral Franco, figura tamén o poemario Reflejos en las orillas del Sena do exiliado anarquista galego José Pastoriza Soto
Ademais, na Imprimerie des Gondoles compuxéronse numerosos libros de escritores anarquistas, por exemplo de Errico Malatesta ou Max Nettlau, mais predominaron os de autores españois, dende o histórico pensador galego Ricardo Mella ao catalán Federico Urales e a súa filla Federica Montseny, daquela dirixente da CNT no exilio, pasando polo periodista Felipe Alaiz e polo dirixente da CNT no interior Juan Gómez Casas. Mesmo iniciáronse nela ácratas mozos, como Étienne Roda-Gil, fillo do exiliado anarquista Antonio Roda (membro da Columna Durruti e maquis da Resistencia), que acabou triunfando como letrista de música pop (escribiu para Johnny Hallyday, France Gall, Claude François, Vanessa Paradis, Malicorne, Roger Waters e, sobre todo, Julian Clerc, ademais do himno libertario de temática ucraína "La Makhnovstchina"). En catalán, publicáronse poemarios do escritor anarquista Roc Llop, supervivente do campo nazi de Gusen-Mauthausen que dirixiu o boletín Hispania e fundou a revista Terra Lliure, así como recordos militantes do dirixente e publicista anarquista Joan Ferrer i Farriol.
Entre os numerosos libros alí impresos antes da morte do Xeneral Franco, figura tamén o poemario Reflejos en las orillas del Sena do exiliado anarquista galego José Pastoriza Soto, do que os historiadores Dionísio Pereira e Eliseo Fernández realizaron unha edición facsimilar en Galicia cunha esclarecedora introdución. Nela informaron de que, segundo Amado Marcellán, a montaxe tipográfica do libro foi feita polo tamén galego Manuel Pais Varela, inmigrante social en París. José Pastoriza Soto, que trata moitas veces de Galicia e dos galegos nesta obra, exerce nos seus versos a denuncia política e social contra o fascismo e o capitalismo, dedicando un dos seus poemas máis combativos, "Criminalidad usurpadora", á actriz galega que se convertera en símbolo da dignidade e do triunfo do exilio republicano en Francia: "A la insigne coruñesa María Casares, por su devoción a la Libertad del pueblo español".
En 2019 realizouse a exposición urbana "Traces et mémoires des réfugiés espagnols à Choisy-le-Roi", logo accesible en Internet, cuxa explicación a cargo de Amado Marcellán serviu de fío condutor para o documental La fabuleuse histoire de l’Imprimerie des Gondoles de Choisy-Le-Roi, producido en 2020 pola Association 24-août-1944 - La Nueve (fundada por descendentes de exiliados españois maioritariamente libertarios), tamén accesible na web en francés e en castelán. O seu título fai sen dúbida xustiza a tan en efecto fabuloso proxecto colaborativo, que xa fora mostrado en pantalla polo escritor alemán Hans Magnus Enzensberger no seu documental Durruti. Biographie einer Legende. A el débense as imaxes en movemento que se conservan de Tomás Marcellán na súa imprenta.
En La fabuleuse histoire de l’Imprimerie des Gondoles de Choisy-Le-Roi interveñen testemuñas directas do proxecto, como os tres fillos de Tomás Marcellán, e o historiador do anarquismo español Alain Doboeuf. A conferencia pronunciada por este último para aquela ocasión deu orixe ao artigo "L’Imprimerie des Gondoles à Choisy-le-Roi", publicado en Les Cahiers du CTDEE, interesantísima revista publicada polo Centre Toulousain de Documentation sur l'Exil Espagnol, a miúdo co moi encomiable labor do lúcido profesor de Historia e irredutible activista memorialista Amado Marcellán. Nesta benemérita publicación tiven a honra de colaborar en 2022 co artigo "Dénoncer la terreur fasciste. Témoignage poétique et personnel de Claudio Rodríguez Fer", traducido ao francés por María Lopo e polo propio Amado Marcellán, baixo o lema dun verso tomado do meu poema "Arsenal da barbarie", sobre os exiliados españois escravizados polos nazis para construír a base submarina de Brest: "Un seul milligramme de clair espoir".
Tras clausurarse a Imprimerie des Gondoles, a súa documentación foi depositada no arquivo da Bibliothèque de documentation internationale La Contemporaine do campus universitario da Université Paris X en Nanterre. A química e escultora Alba Marcellán, neta de Tomás Marcellán e Francisca Francitorra e filla de Amado Marcellán e Blanca Campos, realizou unha emotiva ensamblaxe reciclando para a arte plástica e para a memoria histórica os tipos de imprenta da empresa familiar, co tipográfico título de 99 cicéros (o cícero é unha unidade de medida tipográfica elemental e estandarizada que toma o nome de Cicerón por terse utilizado tal corpo 12 nos tipos dunha das primeiras impresións canónicas das súas obras). Tal peza, que tiven o pracer de contemplar na casa da familia Marcellán Campos en Choisy-le-Roi, foi exposta nunha mostra de arte memorialista español no Instituto Cervantes de París, na que por certo tamén figuraba produción do galego Castelao.
Ademais da historia da imprenta contada polos seus últimos protagonistas, no documental La fabuleuse histoire de l’Imprimerie des Gondoles de Choisy-Le-Roi pode verse tamén a inauguración das placas dedicadas a Martín Bernal e José Cortés en condición de republicanos españois, combatentes da 9, que participaron na liberación de París da ocupación nazi, pero tamén de zapateiros establecidos nas rúas Émile Zola e Jean Jaurès de Choisy-le-Roi. O descubrimento da placa na Rue Émile Zola foi realizado por Colette Flandrin Dronne, filla do coronel Raymond Dronne (quen coa famosa novena compañía nutrida de anarquistas españois conseguiu entrar no París ocupado e liberar a súa casa do concello e outros edificios institucionais) e por Véronique Salou Olivares, filla de exiliado anarquista español, en representación da Association 24-août-1944 - La Nueve.
O impasse do número 33 da Rue des Vignoles converteuse pois nun microcosmos autoxestionado e colaborativo que acolleu a sede da CNT e da Association 24-août-1944 - La Nueve, pero tamén a artistas, artesáns e toda clase de actividades alternativas e contraculturais. A miúdo estivo en risco de cancelación, pero salvouse ao ser aceptado pola alcaldesa de París Anne Hidalgo, filla de emigrantes españois, como espazo protexido de memoria obreira, exiliada, antifascista, antisexista e antirracista
Abraia pensar que o mozo Tomás Marcellán, quen fora retratado cun grupo de milicianos anarquistas que exhibían exemplares de Solidaridad Obrera na fronte de Aragón en 1936, promovería vinte anos despois a edición do mesmo semanario no seu exilio na periferia de País. Abraia pensar que aqueles heroes anarquistas que liberaron París do exército alemán se establecerían despois da guerra como dignos zapateiros en Choisy-le-Roi, onde Martín Bernal, que por certo morou na Rue Picasso, deu traballo en dita vila ao seu irmán Paco, supervivente do campo de exterminio de Mauthausen, e ao seu camarada José Cortés.
Honrar a memoria de todos eles polas rúas de Choisy-le-Roi foi unha das experiencias máis fondamente solidarias da miña vida, como tamén o foi a de visitar con Amado Marcellán, Blanca Campos e as profesoras e memorialistas galegas María Lopo e Begoña Maceiras (residente en París e pertencente á Association 24-août-1944 - La Nueve), os históricos locais libertarios do número 33 da Rue des Vignoles en París, antigo lugar de plantación de vides transformado en lugar de implantación de conciencia social. Porque, en efecto, o imprescindible Tomás Marcellán tamén contribuíu a establecer neste espazo nos anos setenta un núcleo libertario de encontro, difusión e apoio mutuo entre as mocidades do anarquismo do interior e as do exilio, ademais de estar aberto tamén a outras xuventudes inmigradas ou refuxiadas en París. Na súa entrada figura unha placa explicativa: "En ce lieu, les exilés espagnols de la Confederación Nacional del Trabajo, anciens de Mauthausen, des maquis, de la libération de Paris et combattants de la liberté et de la justice sociale, ne cessèrent jamais d'œuvrer pour un autre futur."
A imprenta das góndolas libertarias e os locais libres de París representan a utopía dun mundo radicalmente libre e xusto que existiu no comportamento solidario e na obra societaria dos exiliados españois en Francia, que existe na memoria exemplar que tan xenerosamente nos deixaron e que acaso existirá xeneralizada pola imparable evolución da vida natural, que é esencialmente anarquista
O impasse do número 33 da Rue des Vignoles converteuse pois nun microcosmos autoxestionado e colaborativo que acolleu a sede da CNT e da Association 24-août-1944 - La Nueve, pero tamén a artistas, artesáns e toda clase de actividades alternativas e contraculturais. A miúdo estivo en risco de cancelación, pero salvouse ao ser aceptado pola alcaldesa de París Anne Hidalgo, filla de emigrantes españois, como espazo protexido de memoria obreira, exiliada, antifascista, antisexista e antirracista. Nos seus muros, pintados de vermello e negro, explícase a historia do exilio republicano español, entre outras moitas proclamas revolucionarias de reivindicación proletaria e de solidariedade internacionalista.
O resistente recinto do 33 da Rue des Vignoles tivo como principal animador histórico ao exiliado español Manuel Pinto Queiroz Ruiz, coñecido como Manuel Lozano, loitador anarquista integrado na 9 que participou na liberación de París. Del figura lembranza en texto e imaxe neste impasse, pero tamén está homenaxeado por unha placa no número 43 da Rue des Bois parisiense onde morou: "Ici vécut Manuel Pinto Queiroz Ruiz dit Manuel Lozano (1916-2000) républicain espagnol, combattant de la Nueve, Croix de guerre, héros de la Libération, défenseur de la liberté, militant anarchiste".
A imprenta das góndolas libertarias e os locais libres de París representan, pois, a utopía dun mundo radicalmente libre e xusto que existiu no comportamento solidario e na obra societaria dos exiliados españois en Francia, que existe na memoria exemplar que tan xenerosamente nos deixaron e que acaso existirá xeneralizada pola imparable evolución da vida natural, que é esencialmente anarquista.