A imprescindible e difícil unidade

Aldous Huxley dixo que quizá a máis grande lección da historia é que ninguén aprendeu as leccións da historia. Non é sorprendente pois que a esquerda repita a historia, dividíndose cando a unidade se fai máis imprescindible para os seus propios obxectivos. Resulta desorientador comprobar cada día a incapacidade para convocar mobilizacións unitarias, esa patética competición para ver quen convoca antes. O resultado é un calendario intenso de mobilizacións atomizadas, tan desgastador como ineficaz.

Imaxinan o efecto multiplicador de unir nunha convocatoria os ámbitos sociopolíticos de CIG, CC.OO e UGT? Pois en vez de pensar no obxectivo común de defender os Servizos Públicos deste brutal ataque, parece que cada quen pensa na súa propia organización

Imaxinan o efecto multiplicador de unir nunha convocatoria os ámbitos sociopolíticos de CIG, CC.OO e UGT? Pois en vez de pensar no obxectivo común de defender os Servizos Públicos deste brutal ataque, parece que cada quen pensa na súa propia organización. Parece que sempre nos centramos na instrumentalización. O sentido de crear Plataformas é ter un espazo de unidade por un obxectivo común, onde necesariamente o protagonismo pase a ser da cidadanía e ningunha organización instrumentalice ese espazo. Pois parece que o obxectivo segue sendo o da instrumentalización, xa que cada un quere crear a súa, se a de todos non é controlable.

Na Universidade creamos unha unitaria co manifesto obxectivo de unirnos nunha gran plataforma xeral. Se comparamos co que nos rodea, pódese dicir que é todo un éxito, debemos estar satisfeitos

Na Universidade creamos unha unitaria co manifesto obxectivo de unirnos nunha gran plataforma xeral. Se comparamos co que nos rodea, pódese dicir que é todo un éxito, debemos estar satisfeitos. No resto do ensino hai dúas: unha que proxecta ese binomio Toxo – Cándido que, aínda sendo culturas de política sindical distintas, únense nunha especie de fusión da que resulta unha canción de masas con espírito de SGAE: consiste en actuar como se a suma dos dous fose un absoluto. A outra, coma se dun espectáculo de maxia se tratara, pretende xerar unha ilusión sumando siglas de toda canta organización e asociación hai no ámbito do nacionalismo; unha especie de cerimonia que consiste en multiplicar por 1 mil veces; unha ilusión, como digo, pois o resultado segue sendo sempre o multiplicando.

Iso si, para uns a culpa é dos outros e, para os outros, a culpa dos uns. Para os uns, os outros son nacionalistas, é dicir, insolidarios, separatistas e contrarios a toda internacional e concepto de universalidade; para os outros, os uns son españoleiros, é dicir, antipatriotas de mente colonizada incapaces de asumir e defender o que somos. En fin, que os sectarismos non admiten matices; as verdades establecidas non se cuestionan pero si se vernizan eficazmente coa contraposición do sectarismo dos outros.

Os sectarismos non admiten matices; as verdades establecidas non se cuestionan pero si se vernizan eficazmente coa contraposición do sectarismo dos outros

Para que non se entenda isto como unha elevación por enriba do ben e do mal, digo: eu son militante do nacionalismo de esquerdas, un nacionalismo que para aqueles e aquelas que interesadamente se empeñan en non distinguir entre nacionalismo español e nacionalismos periféricos, debería entenderse como antinacionalismo, e dicir, como diversidade, sustentabilidade, transversalidade, universalidade, … Xustiza e Liberdade. Un nacionalista que sente a necesidade de unirse todos e todas nun único berro cidadán, sen máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.