A industria ante a reforma eléctrica

Dende o mes de decembro, o sector industrial que ten como materia prima fundamental o uso intensivo da electricidade parece ter espertado. Atrás queda a soidade dos traballadores e familias da siderúrxica Megasa de Narón, que produto dunha loita exemplar e da solidariedade da sociedade que a acolle, acadaron unha gran repercusión mediática, sendo ademais os responsables de abrir o debate da defensa do emprego no conxunto do Estado no sector electro-intensivo; así como de lograr a solidariedade de toda a oposición (PSdeG, AGE e BNG), arrinconando en Galicia ao Partido Popular. O Goberno Rajoy coa complicidade da Xunta son responsables das novas reformas no eido eléctrico.

A siderurxia é clave nese proceso que reindustrialización que debemos abordar para saír do dezaseis por cento actual ao vinte recomendado pola Unión Europea, do P.I.B.

Como dato dicir que no caso da siderurxia española, e a raíz da crise, este é hoxe un sector fundamentalmente exportador (71% da súa produción). Move ao ano máis de 10 millóns de toneladas de aceiro e factura en conxunto 13.000 millóns de euros. Estes datos reflicten a importancia económica no Estado español, así como tamén que a siderurxia é clave nese proceso que reindustrialización que debemos abordar para saír do dezaseis por cento actual ao vinte recomendado pola Unión Europea, do P.I.B., e polo tanto, tamén clave para a viabilidade dos 60.000 empregos que xera directamente.

Hai que partir de dúas premisas. A primeira é que é agora, como efecto colateral da crise económica, e produto das políticas de axuste económico decretadas ao abeiro da mal chamada “austeridade”, cando se ve en plenitude o proceso de “liberalización” do sector eléctrico feita polo entón ministro de enerxía Rodrigo Rato e do expresidente Aznar. Foi fundamentalmente, unha expropiación feita pola dereita de bens que eran propiedade do conxunto dos cidadáns, para ser entregados a cinco grandes grupos financeiros, que en definitiva marcan neste eido a axenda do Goberno. Tanto, que é agora, cando as súas prácticas especulativas quebraron o sector eléctrico, poñendo en risco a economía real e trasladando ao conxunto das empresas e dos particulares, unha débeda ilexítima. A que pomposamente chaman “déficit de tarifa” e cunha suba constante de prezos.

É agora, como efecto colateral da crise económica, e produto das políticas de axuste económico cando se ve en plenitude o proceso de “liberalización” do sector eléctrico feita polo entón ministro de enerxía Rodrigo Rato e do expresidente Aznar

A segunda, é que baixo a premisa de cadrar as contas, o sacralizado “déficit cero”, imposta polas políticas neoliberais da UE e que foi elevado a precepto constitucional en España; o obxectivo último é recortar douscentos millóns de euros na chamada “interrumpibilidade eléctrica”. Mecanismo, este último, polo cal as empresas electro-intensivas desconectaban as súas instalacións e cedían a súa electricidade en beneficio dos consumidores domésticos. Hoxe, tanto a patronal de Megasa como outras empresas electro-intensivas, veñen de presentar recursos contenciosos-administrativos ante o Tribunal Supremo contra a orde ministerial IET 2013/2013.

En todo caso, hai salientar que o Partido Popular ten que elixir entre chegar a un acordo coas empresas e traballadores -acordo que permita recuperar o carácter competitivo deste sector industrial-  e obviamente, enfrontándose ás grandes eléctricas ou ben, seguir nesta desfeita sendo un goberno proclive a introducir no país políticas ultraliberais que so benefician á supremacía de Ánxela Merkel, a súa banca e os grandes grupos financeiros, que están detrás das subas especulativas que está a afectar ás tarifas eléctricas. As diferenzas entre os ministros Soria e Montoro son espello destas contradicións no seo do Goberno español; así como, a débil actitude da Consellaría de Industria da Xunta de Galicia.

Só cun potente sector público eléctrico a sociedade poderá poñer couto aos desatinos das grandes empresas e conseguir unha baixa competitiva no prezo da electricidade

Hai dúas cuestións de fondo que son as verdadeiramente importantes. Primeiro, os traballadores e a propia sociedade terán que volver á rúa a defender os seus empregos e o seu dereito a vivir dignamente. A reforma laboral, o traslado das receitas neoliberais ao mundo do traballo, así como a propia situación eléctrica e do parón industrial, reforzan as actitudes da patronal en favor da precariedade e de individualizar as relacións laborais.

E a segunda, que poñan como se poñan, hai que entrar no debate: Que sectores e que tamaño do sector enerxético teñen que volver ás mans do público? Si, só cun potente sector público eléctrico a sociedade poderá poñer couto aos desatinos das grandes empresas e conseguir unha baixa competitiva no prezo da electricidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.