A información silenciada sobre Cataluña

Non falo de información secuestrada porque foi publicada nalgúns medios de comunicación, senón  dunha información silenciada ou pouco difundida. É unha política marcada polos propietarios dos medios, á marxe das traballadoras, sen ter en conta, moitas veces, o dereito á información e guiada por criterios ideolóxicos e políticos.

Despois de días e días difundindo case todos os medios de comunicación a información que, interesadamente, filtraban desde o Goberno a El Periódico sobre unha suposta advertencia desde EEUU á Generalitat de posíbeis atentados terroristas nas Ramblas de Barcelona, co único obxectivo de desprestixiar o traballo dos Mossos, a Oficina do Director de Intelixencia Nacional de EEUU comunicaba que non existía ningún rexistro de supostas mensaxes do Centro Nacional Antiterrorista (CNTC), primeiro aos Mossos e despois como resposta a unha petición de información do Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO). A intelixencia de EEUU desmentía así a existencia desa suposta “nota”, avisando dun posíbel ataque terrorista, pero ese desmentido foi bastante silenciado.

Sobre a consulta á cidadanía, a xornalista Julia Otero manifestaba o 19 de novembro de 2016: “Agora a única alternativa é poñer as urnas. O 80% dos cataláns queren esa consulta”.  Máis de 700 alcaldes de Cataluña (entre PP e Ciudadanos só teñen dúas alcaldías) eran chamados a declarar polo seu apoio ao referendo do 1de outubro.

Non falo de información secuestrada porque foi publicada nalgúns medios de comunicación, senón  dunha información silenciada ou pouco difundida. É unha política marcada polos propietarios dos medios, á marxe das traballadoras, sen ter en conta, moitas veces, o dereito á información e guiada por criterios ideolóxicos e políticos.

Difundiuse que os colexios electorais dos centros de ensino estaban ocupados por pais e nais irresponsábeis, que secuestraron aos seus fillos e que estes eran utilizados como reféns. A verdade é que foi a plataforma Som Escola, que agrupa a 43 entidades educativas e sociais, quen fixo un chamamento en defensa dos centros educativos como colexios electorais, e cando o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ordena o seu precinto, manifestaba: “Rexeitamos a intención de precintar colexios e queremos abrilos á democracia e ao referendo”. E a Federación de Nais e Pais de Alumnado de Cataluña denunciaba a “inxerencia xudicial e policial no normal funcionamento do día a día lectivo dos nosos centros”. Por outra parte, decenas de avogados concentrábanse o 27 de setembro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña contra a xudicialización da política e manifestaban que convocar un referendo non é delito.

Human Rights Watch, ONG defensora de dereitos civís, denunciaba que no referendo de 1-O a policía española “utilizou de maneira excesiva a forza contra manifestantes en Cataluña, utilizando porras para golpear a persoas que se resistían pasivamente e causando múltiples feridos”. O Goberno do PP e moitos medios cuestionaron a veracidade de elevado número de feridos o día do referendo polas cargas de Garda Civil e Policía Nacional, pero silenciaron un informe detallado da Generalitat sobre os 1.066 feridos: tipoloxía da lesión, gravidade, lugar onde foron atendidos. O informe recollía tamén que foron atendidos 12 axentes e non 431 como difundiu o Ministerio do Interior.

As leis non poden cambiarse pola mobilización cívica, esa era a mensaxe reiteradamente difundida. Poucos medios informaron, recuperando a memoria histórica, que en Andalucía a mobilización da sociedade conseguíu cambiar a lei. O 4 de decembro de 1977 case dous millóns de persoas manifestábanse en Andalucía polo seu autogoberno. Posteriormente, reclamaron o acceso á autonomía pola vía do artigo 151 da Constitución (non sería necesario esperar cinco anos para acceder a determinadas competencias, como sinala o apartado 2 do artigo 148 da Constitución), pero o citado 151 establecía, entre outras condicións, que “a iniciativa sexa ratificada mediante referendo polo voto afirmativo da maioría absoluta dos electores da cada provincia nos termos que estableza unha lei orgánica”. Celebrado o referendo o 28 de febreiro de 1980 para acceder ao Estatuto de Autonomía por esa vía, Almería non acadou esa maioría absoluta. A presión cívica conseguiu que para validar ese referendo se cambiase a Lei de Referendo, primeiramente no Congreso o 11 de novembro e posteriormente no Senado o 2 de decembro de 1980.

Difundiron que todos os que votaban o 1-0 eran independentistas, os que convocaban as protestas eran independentistas e os que se manifestaban eran independentistas …A verdade é que a manifestación do 21 de outubro de 2017 na que participaron 450.000 persoas pedindo, entre outras cousas, a liberdade de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e a non aplicación do artigo 155 da Constitución, foi convocada pola Taula per la Democràcia, que agrupa e 70 entidades de todo tipo e reivindica “o dereito a decidir o seu futuro político do pobo de Catalunya”: UGT, CCOO, USO, Intersindical, Unión de Pagesos, Sindicat de Periodistes de Catalunya etc.

Houbo unha difusión masiva dunhas poucas denuncias de particulares por un suposto adoctrinamento do alumnado nos centros de ensino. Na cidade de Barcelona hai 37 inspectores de educación. Ampla difusión das declaracións dun inspector: “Soy inspector en Barcelona y sí, se adoctrina en los colegios”. Non tivo tanta difusión o que opinaban os 36 inspectores restantes: “Pleno rechazo por esa afirmación. No está fundamentada e responde a un uso totalmente partidista de la educación”. Tamén se silenciou ao Marc Unitari de la Comunitat Eucativa (MUCE) que reúne a sindicatos (USTEC-STEs, CCOO, UGT), Federación de Movementos de Renovación Pedagóxica, asociacións de estudantes, asociacións de nais e pais (Fapac e Fapaes) USOC (sindicato de profesores da escola concertada) etc, que convocou concentracións en defensa do actual modelo de escola catalá. Tamén foi silenciada a patronal de ensino privado de Cataluña, que agrupa a 700 centros educativos, que “rexeita as declaracións de varios representantes parlamentarios ou do goberno do Estado en torno a un pretendido adoutrinamento e incitación ao odio dende as aulas escolares”.

Sobre a situación de prisión dos presidentes da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sánchez, e de Òmnium Cultural, Jordi Xuixart, acusados de sedición, mil xuristas de Cataluña asinaban un manifesto no que esixían a súa excarceración porque a súa situación  "non responde a criterios legais senón a un uso ideolóxico do Dereito que supón a quebra do principio de separación de poderes, o uso partidista da Fiscalía e a vulneración de dereitos fundamentais".

Organizacións internacionais en defensa dos dereitos humanos tamén se pronunciaron. Así, Amnistía Internacional pedía a liberdade inmediata destes presos e que “se retiren os cargos de sedición presentados”. Estes cargos son “restricións excesivas do seu dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica”. Consideraba AI que estamos diante dunha “resposta xurídica desproporcionada, segundo o dereito internacional”. Rafael Ribó, Sindic de Greuges (unha especie de Valedor do Pobo) manifestaba que a orde xudicial de prisión “constitúe unha decisión contraria aos dereitos e liberdades comprendidos nos tratados internacionais ratificados polo Reino de España, en especial a liberdade de expresión, a liberdade de reunión e manifestación, e o dereito á liberdade e seguridade”. Se non aplican outras medidas cautelares menos severas, “podería pensarse que se pretende criminalizar entidades e correntes de opinión en Cataluña e descabezar as súas direccións”.

Nunha Carta aberta a España e Cataluña, 24 premio Nobel –entre eles dez Nobel da Paz– facían un chamamento á “mediación e negociación”. Lembraban que o conflito non se iniciou o 1-O, senón “fai sete anos coa invalidación polo Tribunal Constitucional do Estatut de autonomía de Cataluña de 2010”. Sobre as cargas policiais o día do referendo, refírese a carta a “escenas de brutalidade policial, a violencia e uso de balas de goma contra o pobo de Cataluña”. Lembraban tamén os Nobel que en democracias “maduras” celebráronse referendos de autodeterminación en Escocia e Quebec con normalidade e gañou o “non”. Acababan dicindo que “un pobo que se sinte reprimido raras veces desaparece silenciosamente na noite”.

O Goberno aprobaba en horas un Decreto para facilitar o cambio da sede social das empresas. A continuación houbo unha información diaria, difundida masivamente, das empresas que trasladaban a súa sede social fóra de Cataluña. Era unha operación perfectamente orquestrada coa implicación das máis altas instancias do Estado, e o presidente do comité de empresa de Seat e presidente da UGT de Cataluña manifestaba a EITB que a empresa recibiu “presións políticas e monárquicas” na recepción oficial do 12 de outubro.

A manipulación informativa foi denunciada polo Consello de Informativos de TVE nun informe de 72 páxinas. Sinalaba que entre o 1 e 8 de outubro de 2017 houbo unha “acumulación de malas prácticas profesionais que non teñen equivalente na historia recente da televisión pública”. E concretaban: “múltiples casos de censura, falta de pluralidade nos debates e mesas de análise, parcialidade, improvisación e mala planificación, dobre tratamento etc”. Pedían o cese de José Antonio Álvarez Gundín, director dos Servizos Informativos e de todo o seu equipo directivo e que se faga efectiva a modificación da lei para a elección do director e os conselleiros da Corporación RTVE, aprobada no Congreso o 29 de setembro de 2017.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.