“O presidente da Xunta de Galiza defende que as comunidades, como a galega, que son solventes poidan baixalos impostos …. Así as cousas recordou o enorme esforzo que fixo Galiza nos derradeiros anos para manterse como Comunidade solvente, sen pedir nin un so euro, o que lle debe permitir que sexa unha autonomía con dereito a exercer a nosa capacidade impositiva. Feijoo aposta polo exercicio da capacidade impositiva de Galiza. Por elo, reitera, defendo que as comunidades que somos solventes poidamos baixar os impostos” (El Progreso. 18 de xaneiro do 2017).
En relación con estas declaracións do Presidente da Xunta de Galicia –A. Núñez Feijoo- recollidas nun diario galego, declaracións que non son unha novidade, compre facer algunhas puntualizacións.
1. Cando A. Núñez Feijoo fala de Galiza como unha comunidade solvente faino como se a solvencia dun pais estivese relacionada con regras fiscais –a do 3%, por caso-, confundindo deste xeito os orzamentos dun goberno cos orzamentos dun fogar, facendo así uso da falsa analoxía neoliberal. Pero a solvencia para un goberno responsable está relacionada cos seus obxectivos macroeconómicos polo que as súas políticas fiscais so poden xulgarse no contexto daqueles. O contrario leva sempre, como estamos vendo en Galiza e en España, a tomar decisións erradas en materia de política económica.
A experiencia histórica e as evidencias empíricas dinnos que en Galiza o gasto total privado (demanda) está moi por debaixo do nivel necesario para soportar un nivel de produción (oferta) que se corresponda co pleno emprego. Galiza, xa que logo, ten unha grande “brecha de gasto”. Nesta situación a política fiscal dun goberno galego responsable, politicamente solvente, debera sela eliminación desa brecha de gasto permitindo que o déficit fiscal medre tanto canto sexa necesario. Se non o fai provocará que o sector privado perda confianza e que as familias e as empresas recorten o gasto debilitando aínda mais a demanda –en Galiza durante a grande recesión os recortes no gasto foron do 13% nas familias e o 55% nas empresas!-. Se non o fai a súa actuación terá, como estamos vendo, consecuencias moi graves para a sociedade a xeito de taxas persistentes e elevadas de desemprego, subemprego e emigración
A sostibilidade fiscal dun goberno responsable consiste en que aquela asegura que non haxa “brecha de gasto” de xeito que os niveis da actividade económica sexan compatibles co pleno emprego. A solvencia dunha comunidade non pode definirse independentemente do pleno emprego. Cando os gobernos, como por caso o Goberno español e a Xunta de Galicia, introducen regras fiscais que constriñen a súa capacidade para cerrar as “brechas de gasto”, están de facto admitindo que abandonaron o obxectivos do pleno emprego e a equidade social e que están dispostos a utilizar o elevado desemprego, a precariedade laboral e a desigualdade social para conseguir obxectivos fiscais erróneos. Obxectivos fiscais que, como resulta evidente, nin sequera conseguen.
2. A análise das contas públicas, que podemos facer ao través dos propios orzamentos da Xunta de Galicia, son unha evidencia empírica dunha realidade fiscal que non permite cualificar a Galiza como unha comunidade autónoma fiscalmente solvente. Moito menos que “non haxa pedido nin un so euro”.
Fronte a crise financeira a Xunta de Galicia, presidida por A. Núñez Feijoo, seguindo a senda do goberno español, impuxo unha política fiscal procíclica, cos efectos desastrosos ben coñecidos: a crise financeira dou paso a grande recesión. O axuste no gasto público non financeiro (-11,3%), que se centrou maiormente nas operacións de capital (investimentos:-41,7%, transferencias de capital:-51,9%) tivo o seu lóxico impacto negativo na produción e, xa que logo, nos ingresos públicos non financeiros (-14,7%) a pesares da Reforma fiscal do 2010, quen dotou dunha maior autonomía financeira ás comunidades autónomas. Dobre efecto que, en dirección contraria ao afirmado por A. Núñez Feijoo, derivou nunhas contas públicas que veñen arrastrando déficits dende o ano 2009.
Déficits que derivan nunha crecente débeda pública. Unha débeda publica que, de ningures, actúa como estimulo económico xa que non se emprega maiormente en políticas sociais e/ou de emprego, políticas expansivas, senón en pagar débeda: si no ano 2017 os ingresos por débeda pública serán 2.031 millóns de euros, 1.843 millóns (o 91%) deses ingresos irán so para pagar débeda (amortizacións e xuros). Pagos crecentes que, nembargante, non evitan que a débeda pública galega medre ano a ano (multiplicouse por tres nos dos últimos mandatos).
Moito mais si temos en conta que estamos a falar sómente da débeda pública contabilizada como tal nos orzamentos. A débeda pública real de Galiza é moi superior, xa que a débeda contabilizada nos orzamentos habería que engadirlle a “débeda oculta” derivada tanto dos contratos de colaboración público-privada –Hospital de Vigo, vías rápidas …-, quen segundo o Consello de Contas van superar os 3.000 millóns de euros de débeda, como a derivada dos avais públicos a empresas con perdas cuxo importe é descoñecido.
Uns déficits permanentes e unha débeda pública que se dispara ao tempo que se perden activos (-70.300) e empregos (-145.500) e, xa que logo, medra o número de desempregados (+75.200). Velaí a solvencia da que presume A. Núñez Feijoo.
3. Finalmente un apunte final sobre a solvencia dos distintos gobernos da eurozona. Son os estritos criterios fiscais e monetarios, derivados tanto do Tratado de Maastrich como do PEC (Pacto de Estabilidade e Crecemento) –que a actual Xunta de Galicia tenta aplicar en Galiza como unha das alumnas mais avantaxadas da UE- os que colocan aos estados e as autonomías nun risco real de insolvencia. Ao non darlle ao BCE o papel de auténtica banca pública –de prestamista en última instancia- coloca aos gobernos europeos en mans de investidores privados, dos especuladores que teñen a posibilidade de impoñer as súas condicións para a débeda que aqueles emitan. Cando o BCE –por imposición directa do Bundesbank- lles esixe aos estados europeos –con preferencia aos do sur- que cumpran as regras fiscais do PEC para así poderse financiar, estase medindo a solvencia dos países en base ao cumprimento, ou non, de ditas regras fiscais creando, moitas veces, unha sensación de crise que no é real, ni tampouco é real o risco de insolvencia. A crise real das economías é a perda de produción e de emprego. Ao esixirlles aos estados membros da eurozona, e as comunidades autónomas, uns criterios fiscais e monetarios baseados nunha ríxida austeridade o que realmente se está conseguindo é que as crises económicas sexan mais longas e profundas e que os ataques especulativos por parte dos prestamistas sexan mais probables.
(Sobre a baixada de impostos en Galiza escribirei nun dos vindeiros artigos pois ben merece un tratamento específico).