A intolerancia é unha arma cargada de miseria

A acción de boicoteo ao ex-xuíz Baltasar Garzón en Historia, convocada e feita por Agir, Ceivar e seica outros grupos que se sumaron, a reacción diante do que alí pasou, a suspensión do que ía ser unha conferencia e debate ao longo de dúas horas e a transformación na presentación do documentario de X. Abad A pegada dos avós (no que aparece o propio Garzon entrevistado por estudantes) resultou finalmente revelador e altamente pedagóxico para unha aula interactiva da materia Historia Contemporánea da España do século XX para 100 estudantes de 3º do Grao de Historia. E non menos ilustrativa para o ciclo de Conferencias na que se enmarcaba (por iso o acto era aberto ao público que enviase un correo confirmando asistencia, ata encher o aforo), organizado polo grupo de investigación HISTAGRA, que leva por título Pasados incómodos: guerra, memoria e historia, e que se desenvolve ao longo deste semestre. O conferenciante ía falar de Verdade, xustiza e reparación, a propósito dos procesos relacionados co franquismo, o tratamento das vítimas e o coñecemento do que aconteceu. O asunto era indicado e o conferenciante aparentemente competente, 200 persoas en total estaban anotadas (na Aula Magna entran 180 sentadas) e con gañas de saber, enterarse e debater, e outras tantas dispostas a entrar.

O conferenciante ía falar de Verdade, xustiza e reparación, a propósito dos procesos relacionados co franquismo, o tratamento das vítimas e o coñecemento do que aconteceu

E logo pasou o que pasou, primeiro ás 9 en Ciencias da Educación e despois os mesmos (vid. fotos nos xornais) en Historia, onde xa non puido acceder Garzón por falla de condicións e de voz, despois de falar en Pedagoxía contra dous megáfonos. Que pasou? Que un grupo pequeno de “enterados” desprezaron os demais que queriamos enterarnos e quixeron rebentar unha actividade metade clase, metade conferencia e sempre debate aberto. En Pedagoxía déronlles a palabra na mesa e cedeulles o seu sitio o profesor Caride para explicárense, fixérono e despois seguiron impedindo falar cos seus megáfonos. Por que? Supoño que porque como expresou unha das rapazas cando falou en Historia, onde tamén tiveron a súa quenda de palabra: eles xa saben a verdade e se basean en feitos obxectivos..., e foi apupada por toda a aula ao dicir que xa cumpriran o seu obxectivo de que non falase Garzón, e aínda pediu respecto para o seu speech. O mesmo que non tiveron ela nin os outros 10 ou 15 co conferenciante nin coas 200 ou 300 persoas que querían escoitalo.

En Pedagoxía déronlles a palabra na mesa e cedeulles o seu sitio o profesor Caride para explicárense, fixérono e despois seguiron impedindo falar cos seus megáfonos

Relato o que pasou, segundo eu o vin -outros terán un relato diferente- porque non o vin explicado en ningún medio como información e porque os amigos de Praza me piden un artigo. Seguro que todos estamos de acordo en que a Universidade debe ser un espazo –sempre en construción- para a liberdade de cátedra, de expresión, de opinión; un espazo de tolerancia, onde sexamos quen de desenvolver debates intelectuais ou simplemente debates. Non é o único sitio pero a algúns tócanos facelo aquí porque ademais é o noso oficio. Pois o de onte foi un fracaso, digamos, do curriculum transversal que promove estas en competencias, actitudes e capacidades. Un fracaso completo.

O de onte foi un fracaso, digamos, do curriculum transversal que promove estas en competencias, actitudes e capacidades. Un fracaso completo

Completo non, porque a actividade celebrouse ao cabo,  Abad presentou o documentario –antes falaron os rebentadores entre as protestas de moitos dos presentes- e despois tivemos un breve debate no que falou quen quixo despois de que os aplausos liberasen a tensión. Algúns defenderon o boicot, outros criticárono e todos falaron do que viñan de ver e escoitar. Falou tamén, entre outros, Fernando Souto como presidente da CRMH da Coruña, actual coordinadora da Iniciativa Galega pola Memoria, que como outros membros de asociacións de Ourense, do Barbanza, de Ordes, da 10 de Marzo ou da Alexandre Bóveda que acudiran ao convite, quedaron sen poder escoitar, coñecer e debater no foro sobre memoria e historia que tiñamos organizado.

Algúns xornalistas espilidos preguntáronse onte nas redes con bon criterio Cui prodest? A quen beneficia o que fixeron os rebentadores? Non sei pero debéramos preguntárnolo. Seguín as súas preguntas e as súas pistas na prensa e atopei algunha resposta en dúas noticias 1) “O PP aproba no Congreso limitar a aplicación da xurisdición universal polos xuíces españois” 2) “A Audiencia rexeita que as escoitas de Garzón contaminen todo Gürtel”. E se ollásemos os xornais veriamos que unha gran novidade –esta si histórica- vén de afectar ás universidades galegas: a Xunta aproba a creación da primeira universidade privada en Galiza. Isto non foi noticia onte na USC. Non escoitei ren e se alguén dixo algo quedou atoado pola gloriosa acción reivindicativa de rebentarlle os actos a Garzón ao berro indignado de torturador e fascista que en Historia, pola súa ausencia, nos dirixiron aos alí presentes. Vaiche boa Vilaboa!

Reparo, por certo que este mes hai 30 anos que fundamos os CAF, aló por febreiro de 1984 en tempo de mimosas. Que eu saiba–e non deixa de ser significativo- ninguén está a lembralo

Entre os que se sumaron a acción de AGIR seica estaban os Comités, a Liga e outros grupos, segundo un panfleto que confío fose apócrifo. Todos temos dereitos a cometer os nosos propios erros pero tamén a intelixencia de rectificalos. Coñecer, aprender, a iso intentamos dedicarnos nas universidade.., tamén a intentar mudar o mundo... Reparo, por certo que este mes hai 30 anos que fundamos os CAF, aló por febreiro de 1984 en tempo de mimosas. Que eu saiba–e non deixa de ser significativo- ninguén está a lembralo. Mágoa, aínda bo é que sendo miña profesión o pasado cando menos dou conta hoxe aquí. Pensando en hai 30 anos, non recordo que lle impediramos falar a ninguén, o que non lles impediu aos CAF gañar as primeiras eleccións ao claustro e ás xuntas de Facultade, nin protestar, reclamar, reivindicar,  mesmo boicotear e tamén construír. Se estou errado que me corrixan, que todo pode ser. Non teño señardades nin prefiro o pasado, este presente é interesantísimo e o de onte foi unha historia da que tirar leccións cívicas e políticas de futuro. Espero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.