A invasión dos ladróns da coherencia

Aínda que considero a decisión da RAG de escoller a Filgueira Valverde como figura á que se lle dedica o Día das Letras de 2015 un erro calamitoso no panorama da xestión cultural galega, e aínda que agora estou case seguro de que vai haber un acto alternativo máis exitoso que o oficial, creo que representa unha boa oportunidade para analizar o auténtico valor e poder simbólico do festivo ou mesmo da súa desaparición.

Ten razón Xavier Queipo ao afirmar, polas redes sociais, que o que conta non son os avós, senón como é un, o que fai, o que pensa e o que transmite. Ten razón ao constatar que a achega de Folgueira foi mínima, a súa prosa pobre, decimonónica e fútil, e que probabelmente estea entre os peores escritores da literatura galega. E ten razón Fran P. Lorenzo cando fala da implosión do Día das Letras Galegas, o fracking e atomización dunha data que xa só representaba un relativo estímulo editorial e unha liturxia aborrecedora.

Ten razón Fran P. Lorenzo cando fala da implosión do Día das Letras Galegas, o fracking e atomización dunha data que xa só representaba un relativo estímulo editorial e unha liturxia aborrecedora

Ao meu ollar, xorden dúas cuestións principais coa decisión da RAG. Primeiro, a cuestión do momento oportuno. Para moitos, demasiados, ese momento nunca ía ser a época desafortunada na que un presidente da RAG lle chama “amigo” á un cargo cuxa influencia política xogou un dos principais papeis nos ataques á lingua e cultura galega nos últimos anos. Nin vai ser cando o galego no ensino primario está xa case aniquilado. Nin cando tantos contemplamos cada vez máis alporizados esa proximidade incómoda entre os dirixentes e axentes desas institucións supostamente galeguistas e a mesma Xunta despreocupada. Nin porque na mesma semana Feijoo fixera precisamente o mesmo que condena nos demais partidos políticos (apropiar as palabras e “marca” de Castelao por ben da súa propia interpretación do galeguismo), mentres varios e demasiados representantes do establishment cultural galego colaboraron na mesma lectura e cerimonia coa máxima e máis anormal normalidade. Temos moitos a sensación nos últimos días de ler as novas e declaracións sobre este asunto e crermos ser protagonistas nunha película de ciencia ficción tipo Os ladróns dos corpos humanos. Contemplar, como dixo un amigo, como os mesmos que estiveron toda a vida anatemizando (e con razón) a, por exemplo, Manuel Fraga, polo seu colaboracionismo franquista agora lle aplican unha bula-por-mérito-lingüístico a outro colaboracionista coma Filgueira Valverde.

Non, non era o momento oportuno, senón un momento no que ben se olfacteaba o calculismo, ese mal que fai apodrecer a coherencia ética na Galicia, e paradoxalmente froito da súa condición de colonia. O episodio da escolla de Filgueira Valverde lémbranos outra vez máis que as mesmos vítimas perpetúan a súa propia escravitude. Non, non lle levamos a contraria á decisión por sermos maniqueístas ou sectarios, senón porque aínda nos consideramos galeguistas con tolerancia cero da intolerancia que lle fai dano á lingua e cultura galega. O prezo que pagamos polo civismo nunca debería ser o entreguísimo.

Quen tivo cargos (e con gusto e claro compromiso) nunha ditadura fascista? Queremos de verdade transmitirlle esa mensaxe á sociedade e ás xeracións posteriores? Queremos lexitimar semellante comportamento?

Segundo, e sobre todo, a cuestión chave é: que país que pretende ser progresista, civilizado e cívico celebra (porque é festivo e connota celebración da figura escollida) un artista que se entregou ao fascismo de maneira sostida e institucional? Quen tivo cargos (e con gusto e claro compromiso) nunha ditadura fascista? Queremos de verdade transmitirlle esa mensaxe á sociedade e ás xeracións posteriores? Queremos lexitimar semellante comportamento? Sinalo a diferenza entre “estudar” e “celebrar”. Estudar estudemos todos. Celebrar celebremos os que mellor representan o mundo no que quixeramos vivir. Filgueira Valverde?

Os perdedores, amargados e enfadados: os que aínda se interesan polo galego e cultural galega, sexa galeguista, galaxio, galaico e/ou galicianista

En realidade e en resumo, non debería haber un Día das Letras en calquera contexto. A presenza de semellante acto no calendario anual dunha nación ou país denota unha inseguridade, unha falta de confianza colectiva no seu sistema literario e historia cultural. E no caso de Galicia, queda dolorosamente patente o fracaso da suposta normalización lingüística e cultural, intensificado dende 2009. Outra vez máis, os únicos que se benefician desta moi evitable historia son os que practican o fracking anti-galego do que fala Fran P. Lorenzo. Os perdedores, amargados e enfadados: os que aínda se interesan polo galego e cultural galega, sexa galeguista, galaxio, galaico e/ou galicianista. Ai, e tamén os taxistas…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.