A lección francesa que ninguén quere aprender

A “opinión pública” está gozosa por terlle cortado o avance ao  “fascismo” en Francia, e os líderes da globalización aínda máis por conseguir os seus obxectivos de forma tan esmagadora, sen demasiado esforzo, sentados comodamente nos salóns das súas marabillosas mansións, sorrindo de forma displicente ante o apoio ao seu candidato por importantes continxentes da esquerda electoral. Así, que ben, todos contentos. A campaña francesa do establishment (na primeira e segunda volta) rexeuse seguindo as teses de McLuhan “o medio é a mensaxe” ou aquela outra de “somos o que vemos”. A estratexia consistiu en lanzar a Macron, un candidato que, de acordo cos grandes medios, ía por libre e representaba unha posición centrista, afastada dos vellos partidos sistémicos. Pola contra, Marine Le Pen, era unha fascista á que había que pararlle os pés, o mesmo que Mélenchon, un perigoso extremista de esquerda.

Claro que, para que esa mensaxe tivese efecto ocultaron a estreita vinculación de Macron con Hollande, asesor seu e ministro de Economía ata 2016. Polo tanto, responsable da política económica neoliberal que tanto repudian os franceses e que levou a un rexeitamento masivo do aínda Presidente, obrigándoo a non volver presentarse como candidato. Tamén ocultaron que o seu flamante candidato Macron era un cadro da elitista banca Rothschild e que, por tanto, contaba co apoio incondicional do excelso grupo de empresas que cotizan na Bolsa de París.

Na segunda volta, en fronte de Macron estaba Marine Le Pen, filla do octoxenario ultra dereitista Jean-Marie, ex líder da Fronte Nacional. Debemos ser claros, ao capital financeiro non lle interesa en absoluto Marine, fundamentalmente, porque non está de acordo co euro, coa globalización e coa política internacional da UE. Que non é pouco. Os apoios financeiros cos que conta Le Pen son enormemente reducidos e as súas posibilidades de acceder ao Elisio eran mínimas dende o primeiro momento. O problema que enfrontaba o establishment durante a pre-campaña, e na primeira volta, era o importante avance de Mélenchon. Por iso, era esencial eliminar candidatos e concentrar o voto en Macron para que a final se dese entre este e Marine Le Pen, deste xeito o resultado estaría garantido. Así foi como na pre-campaña neutralizaron ao candidato François Fillon, favorito da dereita tradicional gaullista reticente coas políticas da UE, baixo unha acusación de corrupción non demostrada.

Sen embargo, o que máis sorprende é a actitude da maioría da esquerda francesa e europea. Vímola entregada, con ímpeto, a Macron ante o suposto perigo de que o fascismo chegase de novo a Europa. Parece que esquecen o auténtico perigo que afronta Francia e Europa: un fascismo de nova planta ao que non se quere identificar correctamente. O empobrecemento de amplas capas da poboación e a falta de futuro para unha parte importante da mocidade: iso xa é un perigo real e doloroso que estamos padecendo. A falta de soberanía das institucións democráticas e a manipulación que fan delas as elites gobernantes: iso si que é un perigo real que habería que afrontar con urxencia. A política de guerra que os amos da UE promoven nas fronteiras europeas do leste, medio Oriente e norte de África: iso é o que ocorre agora e ao que case ninguén se opón. Ou o oculto fortalecendo da OTAN, militarizando o continente, como non se facía dende tempos de Reagan, en detrimento da paz e do benestar social. Todos estes son os verdadeiros problemas, reais e cruciais, que temos neste momento. Non hai un perigo fascista de vello cuño encabezado por Le Pen, iso é un invento do establishment. O perigo real é o novo fascismo que estamos vivindo xa, da man de “inofensivos” dirixentes como Macron, Merkel, Hollande, Rajoy ou Rivera.

O problema de certa esquerda, maioritaria por certo, é que carece de discurso propio. Non se diferenza das instrucións e consignas “politicamente correctas” que emanan dos medios do sistema. É o que sucede co problema dos “refuxiados”. Non se analiza o que ocorre, limitámonos a avalar unha iniciativa inconfesábel creada por Alemaña en alianza con Turquía. Merkel promoveu o éxodo inmigratorio en tropel dende os campos de refuxiados otománs porque lle interesaba man de obra barata para as súas industrias e enfrontar á xente a un feito consumado. Aos refuxiados —preto dun millón— páganlle en Alemaña catro cadelas, desequilibrando o mercado laboral de forma crítica, e aumentando rapidamente os beneficios da patronal xermana, contribuíndo ao retroceso social da clase traballadora no seu conxunto (nacionais ou inmigrantes). Esta política foi unha das causas (lembremos os motíns dos inmigrantes en Calais) de que as elites británicas non lle interesase seguir en Europa e verse afectada por unha invasión de inmigrantes que non necesitaba e que o único que faría é aumentar a conflitividade laboral. Eles só queren a guerra, aos inmigrantes que os aturen no continente!

A esquerda debeu denunciar activamente esa gran manipulación política da UE merkeliana, que non beneficia a ninguén e que será motivo de grandes desequilibrios e conflitos nun futuro próximo. A promoción do éxodo dos desprazados non obedecía a motivos humanitarios, senón económicos, nunha Europa con graves problemas de emprego e con importantes recortes sociais. Sen embargo a esquerda caeu na trampa mediática neoliberal facéndolle o traballo gratis á patronal alemá e europea. No canto de opoñerse á guerra de Siria (e ás outras, promovendo o regreso aos seus países dos desprazados) e mobilizarse contra a intervención francesa, italiana, alemá e británica, feito que orixinou os campos de refuxiados, en realidade o que se fixo (na práctica) foi apoiar o partido da guerra da UE. Unha grande parte da clase traballadora francesa deuse conta desa xogada e desertaron da esquerda tradicional e dos partidos sistémicos. Por iso medra Le Pen, porque unha gran parte da esquerda xa non analiza a realidade, vítima das súas propias alucinacións, limitándose a navegar nun universo onírico, afastado dos intereses da maioría. Por iso desapareceu o movemento contra a guerra no momento en que era máis necesario, porque ao contrario do sucedido coa guerra de Iraq agora os medios están noutra onda. E certa esquerda, maioritariamente por desgraza, segue o ditado dos medios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.