A lei dos machos alfa

En plena tormenta eléctrica perfecta e co xuíz Ruz  rexistrando a sede do Partido Popular coma se rebentase o cuartel xeral dunha organización mafiosa, repenalizar o aborto a fume de carozo parece unha saída de emerxencia e unha medida desesperada. Para o PP o aborto sempre foi como as vítimas do terrorismo. Cando lle fan falta, úsaas sen complexos. Cando xa non as necesita, abandónaas sen remordementos.

Para o PP o aborto sempre foi como as vítimas do terrorismo. Cando lle fan falta, úsaas sen complexos. Cando xa non as necesita, abandónaas sen remordementos

A contrarreforma levaba tempo bloqueada na Moncloa. Até Mariano Rajoy sabe que moitos dos que o votaron en 2011 nin entenden, nin apoian, reabrir un debate que xa quedara pechado para a gran maioría. Só lle conviña á ambición dun Ruiz Gallardón ansioso por facerse perdoar os seus postureos entre a dereita máis extrema do seu partido. Pero a necesidade sempre é a nai da virtude na lóxica política "marianista". Así que concedeu a luz verde para dar algo de que falar que non fose corrupción, caixa B, estafa, Miguel Blesa, Aznar, Agag, copago ou desemprego. De paso, e para optimizar os recursos, o Executivo coou discretamente a nova "timorreforma" das pensións e o anunciado second round da reforma laboral: Precariedade Total 2.

Rajoy deu luz verde para dar algo de que falar que non fose corrupción, caixa B, estafa, Blesa, Aznar, Agag, copago ou desemprego

Se ao ministro Gallardón lle preocupase tanto como proclama a liberdade das mulleres, hai tempo que tería alzado a voz ou tería abandonado un Goberno que devaluou as políticas de igualdade, recortou o sistema de dependencia ou converteu nun privilexio que o sistema sanitario as axude a ser nais. Todo na contrarreforma do aborto cheira a paternalismo e machismo casposo. A muller aparece maltratada como un recipiente de cabeza fráxil e frívola, necesitada en todo momento do coidado sabio e prudente dun poderoso macho alfa que a obrigue a reflexionar e só a autorice a abortar cando así o dispoña o propio macho, na súa inmensa sabedoría.

Volver meter o aborto no Código Penal supón un retroceso civil semellante a reintroducir os delitos de expresión ou restaurar a censura

Volver meter o aborto no Código Penal supón un retroceso civil semellante a reintroducir os delitos de expresión ou restaurar a censura. Por pura decencia, imos evitar debater sobre esa cínica moral que condena o aborto por malformacións no feto pero bendío cando se trata dunha violación. A única razón que acelerou esta decisión reside na urxencia dun Goberno superado pola corrupción e a súa propia incompetencia. Necesitaba abrir como fose un respiradeiro na súa asfixiante axenda publica e o aborto sempre funciona. Aínda que Rajoy faría ben en lembrar que infrinxir á xente máis dano do estritamente necesario constitúe un límite que ningunha estratexia ou tacticismo político debe superar. A historia demostra que, antes ou despois, un acábase autolesionando gravemente.

Todos cantos adoitan cualificar o aborto como un debate moral e unha elección persoal acreditan certa tendencia a impornos a súa propia elección e pretender leis que nos obriguen a seguir a súa moralidade. Os que pensamos que o aborto constitúe un dereito da muller preferimos lexislacións que aseguren o seu exercicio como tal; e que quen desexe seguir impartindo leccións de moral sobre a vida dos demais poida facelo, pero sen consecuencias para ninguén máis que si mesmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.