O meu panadeiro ademais de facer bo pan ten un gusto exaxerado pola conversa. Non hai día que, namentres envolve a bola aínda quente nunha folla de papel de estraza fino e marrón, non me deite unha pregunta que comeza cun: Viches hoxe…? Adoitan ser temas que o poder mediático madricentrista e apolítico de dereitas –como dicía Canivell, o personaxe de Saza na Escopeta Nacional– máis promociona: okupacións, o coletas, os disturbios en Catalunya, o social-comunismo, o feminismo radikal, etc. As cousas que, como diría Don Alfonso I de San Marcos, interesan á nosa xente. Contradicindo o gran capataz da Corporación galega ás veces tamén me pregunta por algunha cousa da teuvegá. Demetrio, o panadeiro, non é xornalista mais si que sabe polo que preguntar cando quere salseo. Eu sempre procuro facer un caneo curto e respondo: diso pouco hai que falar, está secuestrada, punto.
Este mes iniciouse o proceso para renovar parte do Consello de Administración da CRTVG (aínda que renovar, cesar e dimitir son verbos complicados de conxugar para o PPdG
Desta volta non o vin vir e non dei gambeteado a tempo. Espetoume o do Consello de Administración da Corporación un pouco a traizón, metendo ben o pé, e fiquei como ese meme famoso do Travolta en Pulp Fiction, buscando unha saída e pensando Pa´ que quieres saber eso, así, coma se fora un tiktoker milenial falando a ritmo de reguetoneiro da Terra de Montes.
Este mes iniciouse o proceso para renovar parte do Consello de Administración da CRTVG (aínda que renovar, cesar e dimitir son verbos complicados de conxugar para o PPdG. Tres dos nomes designados polo PP levan dende 2005, 2009 e 2011, respectivamente, e Don Alfonso I foi nomeado en 2009). A importancia deste órgano é crucial e ven recollida na Lei 9/2011. Mais é probábel que isto non importe demasiado a ninguén, pode que ás persoas elixidas, a Demetrio de Solláns e algo a este torpe escriba. Por que? Porque é un de tantos órganos que polo xeito de entender o público –e a gobernanza que se di na neolingua– que ten o Partido Popular é agora inservíbel para o ben común. Vaia, como a propia Corporación.
E chegamos a unha das chaves do asunto que anticipa o título, á que eu chamo Lei Herbón, non desesperen, prometo explicalo, que é en realidade a Lei 9/2011 dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galiza.
Se non hai acordo non pasa nada, Don Alfonso I continúa co dereito de pernada audiovisual como até agora sempre que entregue «a su señor» o tributo en votos de cada lexislatura
Di a Lei como se reparten os postos? Di a Lei que debe aplicarse o cociente D´Hont a tal cousa? Di a Lei que o partido no goberno ten que ter máis postos que os outros? Di a Lei que as persoas propostas deben estar ligadas a un partido? Di a Lei que pasa se non se poñen dacordo? A resposta a cada unha desas preguntas é: Non. Xa aclaro eu, así a primeiro toque, que se non hai acordo non pasa nada, Don Alfonso I continúa co dereito de pernada audiovisual como até agora sempre que entregue «a su señor» o tributo en votos de cada lexislatura.
A devandita Lei di: «os membros do consello de administración son elixidos polo Parlamento por maioría de dous terzos» (tres quintos en segunda votación). Este sistema busca que teña que existir un consenso nas propostas e que aínda cunha maioría tan ampla coma a do PPdG sexan precisos os votos da oposición. Unha negociación. Por que? Para protexer a pluralidade, para evitar a instrumentalización política dun servizo público. Visto o que está pasando, está claro que este sistema non funciona e hai que buscar outro. Non teño datos estatísticos mais case aposto o que non teño a que é a lei menos desenvolvida –e cumprida– do país. Tamén di que os candidatos e candidatas «serán propostos polos grupos parlamentarios e que deben ser persoas con acreditada experiencia profesional e recoñecido prestixio, tendo en conta a pluralidade cultural, ideolóxica e política e procurando o equilibrio de xénero». Isto xa é máis complexo de medir. Que é recoñecido prestixio? Experiencia profesional onde e de que? A Lei dispón a resposta, que semella deseñada ad-hoc para poder colocar alí sen problemas a ex-altos cargos da administración. Sinto ser tan iconoclasta máis dubido que alguén que desenvolve a súa traxectoria profesional exclusivamente na administración ou nos partidos, con cargos de responsabilidade de libre designación, sexa axeitado para impulsar o servizo público. A Lei, por suposto, non fala de que as persoas propostas teñan que estar ligadas aos partidos e moito menos que teñan que ser xefes de prensa ou ex Secretarios Xerais de Comunicación. Xa me entenden.
A Lei dispón a resposta, que semella deseñada ad-hoc para poder colocar alí sen problemas a ex-altos cargos da administración. Dubido que alguén que desenvolve a súa traxectoria profesional exclusivamente na administración ou nos partidos, con cargos de responsabilidade de libre designación, sexa axeitado para impulsar o servizo público
Que din os medios galegos disto? Aquí coinciden todos, xa que logo, a súa supervivencia depende dese motor –contaminante– que é a Corporación. As grandes cabeceiras de medios galegos, que estiveron en contra da creación da CRTVG por medo a perder ingresos publicitarios, están ao que están, cobran, calan, consenten e colaboran, agardando as faragullas económicas do poder. Son coma aquel selo discográfico antigo, «la voz de su amo» pero en versión Opus Dei, que é quen, en verdade, manda en San Marcos. Como corresponde a unha casa tan santa e que tanto nos mortifica.
E as asociacións profesionais? Maís ou menos o mesmo, auga.
E as Facultades de Comunicación? Nada, tamén auga. A da USC, polo menos, está ocupada contratando a integrantes do organigrama de dirección desa casa como profesores asociados. Precarizar, desprestixiar e monopolizar poder nunha soa xogada. Pola mañá censuran e manipulan e pola tarde dan aulas a futuros profesionais. Así nos vai.
Tampouco di a Lei que só poida haber xornalistas entre as persoas candidatábeis. Eu sempre lle dicía con manifesta malicia e retranca a un bo amigo xornalista que a culpa da situación dos medios de comunicación é do seu gremio, era unha brincadeira bastante en serio. Vese que, coma cos aeroportos, tres universidades e tres facultades de Comunicación Audiovisual no país (outro tema bo, eh) non foron quen de producir un só nome para esa lista.
A onde quero chegar? A que podemos facer mil filigranas de ourivería política co fin de tentar pluralizar as institucións dependentes do Goberno que se este non ten vontade e máis espíritu democrático que autocrático, non serve de nada
Así que temos que pasar un mero trámite administrativo que serve de pouco tal como están as cousas pero ao que obriga a Lei 9/2011, a que poderiamos chamar, e aquí vai a explicación prometida, a Lei Herbón porque é coma os saborosos pementos de tal lugar, para unhas cousas cúmprese e para outras, non.
A onde quero chegar? A que podemos facer mil filigranas de ourivería política co fin de tentar pluralizar as institucións dependentes do Goberno que se este non ten vontade e máis espíritu democrático que autocrático, non serve de nada. Temos o texto legal, si, o que non hai é vontade de cumprilo, como levan denunciando dende o colectivo Defende a Galega dende hai máis de dous anos. Temos unha corporación de medios públicos mais non é plural, nin independente, nin imparcial, nin neutral; nin existen mecanismos de control efectivos. Non hai transparencia, nin un plan de futuro, en xeral, case nada do que di esa lei, existe. O que si hai é un lobby de poder que manexan uns poucos elixidos e que establece vasos comunicantes entre o partido no goberno da Xunta, algún medios públicos, as universidades e a industria para que non se mova ninguén dos marcos establecidos.
Hai que reclamar unha verdadeira vontade política de reforma do sistema de medios públicos, que impulse a súa independencia e unha financiación axeitada e unha estabilidade orzamentaria en pro da súa propia supervivencia. Porque senón actuamos para que desenvolvan un servizo público plural, moderno, de calidade e o PP continúa a usalos como medios de propaganda e control económico-político do ecosistema de medios de comunicación galegos vai ser cada vez máis difícil xustificar o seu mantemento con cartos públicos. E iso levará ao final que quere o PP, privatizalos de todo. Aclaro que actualmente só os informativos son públicos, o resto da programación está subcontratada a través dun opaco sistema que non permite saber como, por quen, de que xeito e porque razóns se adxudican os contratos. A quen sábese a posteriori polos créditos do programa, claro.
Hai que reclamar unha verdadeira vontade política de reforma do sistema de medios públicos, que impulse a súa independencia e unha financiación axeitada e unha estabilidade orzamentaria en pro da súa propia supervivencia
O deseño da grella de programación está feito por algún bo seguidor da escola goebbeliana e o nivel de calidade dos programas no formal e no contido hai tempo que cruzou a fronteira do lamentábel para o inxustificábel. Polo que se ve nen mesmo é doado controlar o machismo estrutural que anega a grella. Hai máis, foméntase un sistema de traballo na produción audiovisual externa que lembra o preindustrialismo, cun exército de traballadores precarios e unha reserva de traballadores inactivos para manter artificialmente o statu quo, todo controlado por pequenos –ínfimos– señores e señoras da guerra ideolóxico-audiovisual que só dan contas ao Virrei Alfonso e ao Rei Alberto.
Hai outros modelos de audiovisual público e, nestes tempos, faise moi necesario repensar cara onde vai a Corporación, seguir no modelo de televisión dos oitenta pero con trinta anos de atraso, no que eu chamei tautotelevisión (desculpen a autocita), ou avanzar a modelos que garantan o futuro. Hai que ir decidindo se queremos que a Corporación continúe sendo El Alcázar ou se preferimos un modelo semellante ao da tan nomeada BBC –aínda coas súas imperfeccións–. Que lindo soñar!
Os partidos da oposición no Parlamento de Galiza teñen que consensuar unha estratexia conxunta, dar a batalla por recuperar este servizo para o común e impulsar un verdadeiro redeseño dos medios de comunicación públicos do país. Non dubido que queiran mais semella que non dan coa chave, polo menos publicamente
Os partidos da oposición no Parlamento de Galiza teñen que consensuar unha estratexia conxunta, dar a batalla por recuperar este servizo para o común e impulsar un verdadeiro redeseño dos medios de comunicación públicos do país. Non dubido que queiran mais semella que non dan coa chave, polo menos publicamente. Non envexo a quen teña que facelo nin a quen reciba o designio de estar nese importante e debilitado órgano máximo de dirección do noso ente público. Nada se pode facer, tal como está a cousa, máis que ir, protestar, protestar, volver a protestar e asinar as actas.
Supoño que non era a conversa que buscaba Demetrio. Volvín a aterrar neste mundo, collín a miña bola, dei a volta e marchei cantaruxando moi suave aquela linda e retranqueira canción dos brasileiros O Terno:
Será que as coisas que eu faço
penso que não têm problema
na verdade são pecado
e é por isso que eu me sinto tão culpado?