Nos últimos días asistimos a un cruce de declaracións sobre a lingua galega en varios medios de comunicación e nas redes sociais de dous dos principais líderes políticos da esquerda galega: Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña nas vindeiras eleccións do 26 de xuño; e Carmen Santos, actual Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.
O motivo, tendo en conta o preocupante descenso no uso do galego nas últimas décadas, podería ser analizar como contrarrestar as medidas prexucidiais para a lingua que o goberno de Feijóo aprobou nas dúas últimas lexislaturas, ou, claro, habendo eleccións estatais de aquí a dúas semanas, e habendo enriba da mesa unha probábel reforma da Constitución na próxima lexislatura, como aproveitar esta modificación da Carta Magna para mellorar a situación legal e social dos diferentes idiomas minorizados do Estado.
Mais o debate non foi ese. De novo empregouse o galego como arma para a confrontación política: cruzamento de acusacións, tentativas de patrimonializar o discurso sobre a lingua, purismos, norma, vellos prexuízos... e ningunha proposta. Tampouco ningún discurso novo, positivo e inclusivo, que aproxime o galego a todas e todos os castelán-falantes de Galicia, e que faga que, os que xa falamos galego, transmitamos a lingua aos nosos futuros fillos/as. Unha vez máis, un outro improdutivo debate sobre a lingua.
Non sería máis interesante coñecer que é o que nos ofrecen en materia lingüística En Marea, o BNG, o PSdeG ou calquera dos outros partidos se os seus candidatos son escolleitos para o Congreso dos Deputados?
Non sería máis interesante coñecer que é o que nos ofrecen en materia lingüística En Marea, o BNG, o PSdG ou calquera dos outros partidos se os seus candidatos son escolleitos para o Congreso dos Deputados? Proporase unha reforma para combater a discriminación que supón a obriga de saber castelán mais só o dereito de saber galego en Galicia? Continuaremos tendo que dirixirnos obrigatoriamente en castelán ás institucións do estado? Poderán, por fin, as nosas e os nosos deputados falar en galego no Congreso? Fomentarase a implantación do estudo do galego, euskera ou catalán no sistema escolar de toda España como parte do patrimonio colectivo? Haberá unha política lingüística de estado que teña como obxectivo, por primeira vez en democracia, revitalizar o uso do resto de idiomas que non son o castelán?
O galego non suma, multiplica as nosas potencialidades e as nosas posibilidades neste mundo. Aí, neses debates, é onde deberan estar as e os que pretenden convertese en representantes de todas e todos nós, o demais interésanos ben pouco
O galego precisa que se poñan a andar todas estas medidas, e tantas e tantas outras de competencia autonómica, mais tamén necesita que se elabore dunha vez por todas un discurso proactivo, que saia dos lindes da simple reivindicación, do resistencialismo e da asociación a unha determinada ideoloxía política, elementos nos que levamos instalados xa desde os anos 70. Precisamos saír a gañar, conectar coa Galicia do século XXI, a Galicia urbana e rural, a Galicia galego-falante e castelán-falante, a Galicia dos servizos e da industria e tamén do agro e do mar, a Galicia da xente nova e dos xa non o son tanto, porque todos e todas fan parte dun país novo que debemos coñecer e co que debemos dialogar. Ese é o país ao que cómpre dirixir o discurso.
Ese discurso que está aínda por construír, o dunha lingua moderna, con enormes potencialidades para o progreso social e económico, para o desenvolvemento académico e intelectual, para o coñecemento e o goce cultural, internacional, plural e diverso no noso espazo internacional galego-portugués-brasileiro, debe saír da campaña electoral e volverse cara á sociedade. Un debate libre de tabús que marque as liñas do novo marco que se vén abrindo nestes últimos anos e que se debe concretizar nos vindeiros. Un debate que supere o estéril e camiñe cara ao fecundo.
O galego non suma, multiplica as nosas potencialidades e as nosas posibilidades neste mundo. Aí, neses debates, é onde deberan estar as e os que pretenden convertese en representantes de todas e todos nós, o demais interésanos ben pouco.