A cidade de Trieste e o seu territorio conforman un dos espazos identitarios máis complexos de Europa. Claudio Magris e Angelo Ara estúdano en Trieste Un´identità di frontiera e observan como á hora de afirmar esa identidade, un escritor convidaba en 1932 aos intelectuais triestinos a marcar preferiblemente a distinción, a instituír a diferenza e rexeitar por tanto a analoxía, a semellanza.
Na Galicia dos anos setenta e oitenta do século pasado produciuse o debate e o cisma máis traumático da cultura galega contemporánea. Todas as querenzas, emocións e paixóns, golpes baixos, descualificacións, intereses e tamén argumentos, se puxeron ao servizo de dúas causas que se converteron en antagónicas
Na Galicia dos anos setenta e oitenta do século pasado produciuse o debate e o cisma máis traumático da cultura galega contemporánea. Todas as querenzas, emocións e paixóns, golpes baixos, descualificacións, intereses e tamén argumentos, se puxeron ao servizo de dúas causas que se converteron en antagónicas. Unha propugnaba a afirmación da lingua galega dentro do diasistema galego-portugués e perdeu. A outra rexeitaba tal analoxía, a semellanza, afirmaba a diferenza e gañou. Esta segunda, os seus membros principais, convertéronse en poder, rexentando as institucións oficiais vinculadas ao galego, das que os outros ficaron completamente arrombados.
Distinción ou analoxía. Case todo o mundo da cultura se apuntou a unha tendencia. Establecer as causas primixenias de tal escolla quizás sexa cousa de psicanalistas máis que de sociólogos, porque parecen apuntar máis a actitudes vitais, ao xeito de enfrontarse á vida. Hai causas ideolóxicas (máis que científicas, penso eu) pero semella que veñen despois.
As ciencias brandas teñen ese problema, que os seus límites, as súas clasificacións e até os seus conceptos poden máis ou menos abanearse, sen que todo se derrube por ese motivo, como acontece cando un físico confunde a corrente alterna coa continua.
Aquí fíxose a apoloxía da diferenza, remarcando precisamente a distancia, facendo fincapé nas diferenzas do galego co portugués. Tal distinción levou a que o galego se conformase oficialmente, socialmente, publicamente, como lingua sen vínculo co portugués nin co brasileiro
Cando ese afán por allearse do portugués comeza, nos anos sesenta aproximadamente, toda Europa loaba as semellanzas, o que nos une como europeos, as concomitancias. Os máis avanzados xa tiñan en mente novas rexións europeas, que chimpaban por riba das vellas fronteiras dos estados nacionais, seguindo precisamente a tradición descentralizada alemá e esquecendo a centralista francesa. Pero isto xa é outro asunto.
Aquí fíxose a apoloxía da diferenza, remarcando precisamente a distancia, facendo fincapé nas diferenzas do galego co portugués. Tal distinción levou a que o galego se conformase oficialmente, socialmente, publicamente, como lingua sen vínculo co portugués nin co brasileiro. A sociedade galega non ten ese vínculo, de feito non o hai. Os espazos onde se podía establecer, nos medios públicos de comunicación, nas aulas de ensino da lingua galega, coutouse completamente a relación, tanto a ideal ou teórica, como por suposto a práctica de coñecer, de ter contacto con esoutra forma de expresarse. Todos os galegos menores de cincuenta anos mamaron versos galego-portugueses medievais, difíciles e distantes da nosa realidade, pero nunca viron un texto brasileiro actual, conscientemente afastado, que lles resultaría próximo e comprensíbel. Dese xeito faise distante e imaxínase como indescifrábel, o texto, a tal lingua, e por suposto calquera hipotético vínculo.
A cidadanía, a inmensa maioría considera e sente que o portugués é unha lingua estranxeira. Sendo realistas: nin considera nada. Impórtalle un pito o portugués
A cidadanía, a inmensa maioría considera e sente que o portugués é unha lingua estranxeira. Sendo realistas: nin considera nada. Impórtalle un pito o portugués. Nunca practicou esa vía que sería moi práctica, claro, porque permitiría practicamente sen esforzo, gratis, a comprensión dunha lingua. A cidadanía vai ao práctico, en realidade acumula moi pouco sentimentalismo romántico co asunto este do galego e da Galiza, óuveno máis como un responso, e o práctico en ningún momento pasa por disquisicións deste tipo, por barroquismos intelectuais que para ser intelectuais son bastante tarugos, nin por ponme alí un ele ache, ou como se diga, agá, ache, hache, que aí si que se invisten tesouros de sutileza. Todo propio de elites marcianas.
Os da distinción, ou da diferenza, fixéronse poder. Rexentan as instancias oficiais da lingua e da cultura galegas, unha constelación de organismos, moitos, con semellanzas de xemelgos entre si, que dedican o esforzo a estudar a lingua sen descanso, dálle que te pego lexións enteiras, á literatura e o pasado literario. En todos os organismos fan as mesmas cousas ou moi parecidas.
Apenas se debate o práctico da cultura, o vivo, nin por suposto os vínculos. Unha introversión permanente desde a que non se pode afrontar a renovación, o enriquecemento da identidade da nación. Refúxianse no pasado e no símbolo, no aparentemente seguro, no que nunca está á intemperie. Ese é un sinal de morte, segundo a psicanálise. O galeguismo oficial ten fábricas de melancolía. O outro tamén.
A ritualización da súa obra e da súa traxectoria intelectual e militante é perfectamente dixeríbel pola totalidade do acervo cultural galego, sen que renxa nin unha soa viga do arestora enfraquecido poder cultural
O poder dos da distinción está máis que consolidado en todas as factorías oficiais. Tan consolidado, que tampouco hai motivos para que no canon galego (ou como se lle queira chamar a toda a construción cultural que por suposto vai máis alá da estritamente literaria e artística) non caiba, non se poida acomodar, a Ricardo Carvalho Calero, o principal representante da corrente perdedora, que aquí chamamos analóxica ou da semellanza.
A ritualización da súa obra e da súa traxectoria intelectual e militante é perfectamente dixeríbel pola totalidade do acervo cultural galego, sen que renxa nin unha soa viga do arestora enfraquecido poder cultural que se xerou baixo o paraugas protector da democracia posterior a 1978.
Canonízase a Carvalho Calero sen que o criterio dominante se vaia ver afectado, sen que o estatus quo polo vello cisma se modifique un milímetro. Sen que o erro máis fatídico que levamos cometido os galeguistas contemporáneos teña o máis mínimo propósito de emenda
Ao poder político, principalmente ao PP, todo isto impórtalle exactamente un pito. O mesmo que a lei Paz Andrade.
Carvalho Calero é xa unha nova xeometría no caleidoscopio da cultura galega oficial. Foi admitido ao ser designado para o Día das Letras Galegas. Designacións das que por suposto non é imprescindíbel gustar plenamente. Ningún cidadán de ningunha nación ten por que compartir ningunha figura en especial, agás os poucos referentes considerados de facto como imprescindíbeis por toda a colectividade.
Canonízase a Carvalho Calero sen que o criterio dominante se vaia ver afectado, sen que o estatus quo polo vello cisma se modifique un milímetro. Sen que o erro máis fatídico que levamos cometido os galeguistas contemporáneos teña o máis mínimo propósito de emenda. As factorías públicas da melancolía estudarán no sucesivo a vida e a obra do intelectual ferrolán como unha mostra máis da riqueza da nación, intrinsecamente diversa. Sen que haxa pábulo para que o tren abandone a vía morta.