Non opinei estes días sobre as eleccións catalanas porque me xerou moita raiba e frustración o resultado das CUP e do bloque independentista en xeral. Case caio no nihilismo político.
Creo que o que máis me preocupa é o caro prezo que se paga por cabalgar a contradición entre fortalecer a institucionalidade propia e os espazos de soberanía popular mentres se participa nas institucións do sistema actual
Creo que o que máis me preocupa é o caro prezo que se paga por cabalgar a contradición entre fortalecer a institucionalidade propia e os espazos de soberanía popular mentres se participa nas institucións do sistema actual. Destrúese traballo de base de décadas en apenas un ciclo electoral. Poucos avances para as traballadoras e moitos retrocesos en calquera plano. Desde logo, a actualidade pon sobre a mesa ese eterno debate das forzas políticas que aspiran a transformar a sociedade: vale a pena participar nas institucións?
Como soberanistas galegas, é crucial abrir unha reflexión e aprender deste ciclo político. Debemos analizar as nosas estratexias e métodos de intervención política para fortalecernos.
Sabendo que non se pode extrapolar o procés a Galiza, desde logo o que si parece prioritario é que temos que buscar formas de consolidar as nosas bases e construír estruturas que sexan resistentes aos vaivéns electorais.
E iso pasa por investir tempo en formación política, organización e fortalecer as dinámicas de traballo entre os diferentes espazos que acreditamos no dereito á autodeterminación do pobo galego. Non parece moi intelixente poñer o traballo de décadas ao servizo dos ciclos electorais do estado español.
Debemos pensar en termos de resiliencia e procurar un equilibrio entre a participación institucional e a construción de poder popular desde abaixo
Debemos pensar en termos de resiliencia e procurar un equilibrio entre a participación institucional e a construción de poder popular desde abaixo. Para aquelas que cremos nun modelo de sociedade máis xusto e baseado na soberanía popular, a lección é clara: debemos reforzar os nosos movementos e asegurar que os nosos logros sexan duradeiros e resistentes aos retrocesos políticos. O de Catalunya é tan só un aviso máis do estado español sobre a fraxilidade das nosas conquistas cando aceptamos o seu marco.
Só así poderemos garantir que o traballo e os sacrificios de tantos anos non se perdan e que seguimos avanzando cara aos nosos obxectivos de xustiza e autodeterminación. Reflexionemos, aprendamos e fortalezamos as nosas bases. A loita continúa. Ou, como diría o noso pobo irmá, A lluita continua.