A loita obreira tras a pandemia

Estamos vivindo días atípicos, unha crise que marcará o futuro de cada un de nós e da clase traballadora no seu conxunto. Todos sabemos que as relacións de produción sufrirán modificacións, pero aínda é difícil definir o alcance e as consecuencias exactas destes cambios para o conxunto da sociedade.

Todo isto implica que este Primeiro de Maio non pode ser un máis. Non só porque as circunstancias concretas do confinamento nos impide encher as rúas de unidade obreira e de reivindicacións para o conxunto da nosa clase, senón porque as consecuencias sociais e económicas inmediatas da crise sanitaria ofrecen unha dimensión nunca vista para un Primeiro de Maio, polo menos nas últimas décadas. A loita da clase obreira é unha batalla cargada de futuro, e hoxe máis que nunca debemos ter a mirada alzada cara a ese futuro. Estamos nas portas dun novo tempo e as e os traballadores temos que pelexar para que neste novo tempo sexan os nosos intereses, as nosas necesidades, as que se sitúen no centro. Como dixo a ministra de traballo, Yolanda Dìaz, hai uns días: non é asumible que neste país teñamos que elixir entre o paro ou a precariedade.

A pandemia do coronavirus puxo en evidencia dúas leccións fundamentais que debemos tratar de non esquecer nunca: cando os prioritario é que o mundo siga funcionando, cando as necesidades básicas son o primeiro queda patente quen é imprescindible: quen nos coida, nos sana, nos protexe e nos serve todo aquilo que fai que a vida sexa máis levadía, mesmo nos momentos críticos. Só a necedade nos pode facer seguir sostendo que o patrón é o elo máis importante da cadea. O pobo é quen máis ordena, pero tamén o que crea riqueza, ofrece servizos e dispensa coidados. A outra lección que nos deixa estas difíciles semanas é que os nosos intereses son incompatibles cos intereses da patronal e a elite económica. Moi poucas veces no último século se puido constatar con tanta claridade que para a clase empresarial a nosa saúde, o noso benestar, é secundario. Para os donos dos medios de produción o primeiro son os seus beneficios. Tivemos que loitar en cada fábrica, en cada comité de empresa para que se tomasen as medidas de seguridade e sanidade necesarias para protexer a saúde das nosas compañeiras e compañeiros; sempre coa oposición e a mala gana dos patróns. Nunca esquezamos estas dúas leccións.

No concreto, é o momento de esixir o recoñecemento, con salarios dignos e condicións laborais decentes, a todas aquelas obreiras e obreiros cuxo traballo é vital e se xogan a saúde cada día; de que os sectores esenciais, como a sanidade ou o coidados, sexan integramente públicos. A iniciativa privada ten como obxectivo xerar beneficios, polo que non podemos consentir que ninguén gañe diñeiro coa nosa saúde ou co benestar dos nosos maiores. E, por último, a crise sanitaria puxo de relevo a urxencia de crear unha industria potente propia. Non pode volver suceder que teñamos que esperar semanas por máscaras e epis que protexan ás nosas traballadoras e traballadores.

A mediados do século XIX Marx escribiu que «os seres humanos fan a súa propia historia, pero non a fan arbitrariamente, nas condicións elixidas por eles, senón en condicións directamente dadas e herdadas do pasado». E diso vai cada Primeiro de Maio, de facer a nosa propia historia con unión, constancia e solidariedade. Agora estamos nun deses momentos históricos onde as posibilidades están máis abertas que nunca. A principios deste século popularizouse, entre os movementos alterglobalización, o lema “Outro mundo é posible”. Case dúas décadas despois sabemos, ademais, que o actual sistema xa non é viable. O capitalismo non é compatible coa vida. Outro mundo é urxente e a súa construción empeza hoxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.