A loita pola cidadanía

A cidadanía continúa a ser, na actualidade, un vocábulo con potencialidade, con capacidade de encarnar arelas emancipatorias. Cunha longa tradición, que procede desde a antigüidade clásica, adopta na Ilustración e na Revolución Francesa a forma de ruptura coa condición de súbditos face á consecución da inclusión igualitaria nunha comunidade política. Dúas fasquías deben considerarse, xa que logo, na condición da cidadanía: a incorporación nunha comunidade e a atribución de dereitos. A primeira estabelece os lindeiros, que esencialmente son as fronteiras territoriais dos Estados, e dentro da que se desenvolve a segunda, é dicir, o exercicio e goce dos dereitos.

Mais a propia ambigüidade do termo, a súa apropiación en beneficio da burguesía triunfante, a redución da súa titularidade a un ámbito limitado de dereitos fixeron e fan desconfiar da súa capacidade para representar os intereses das clases populares excluídas e explotadas no modelo de dominación do capital. Esta aparente dificultade de representar os intereses de clase fai que, ás veces, desde os discursos “ortodoxos” da esquerda se eluda ou se omita a súa reclamación ao estimala un elemento alleo incapaz de describir a situación e a necesidade dos grupos sociais máis desfavorecidos.

Porén, de considerar a propia ambigüidade do seu alcance, ao non estar plenamente realizada nin formal nin sustancialmente, ábrese a posibilidade de ampliar e extender o seu ámbito de esixencia até espazos dificilmente asumibeis polo capital. Podemos comprobar que os dereitos económicos e sociais sempre ficaron ao marxe de seren considerados parte na distribución de beneficios e cargas, do mesmo xeito que se renunciou a considerar un estatus de cidadanía universal ao marxe das pertenzas estatais (o que se está a evidenciar actualmente co drama da inmigración ou dos refuxiados e a negativa da súa condición de cidadáns).

Na situación presente de democracias devaluadas, tanto nos aspectos políticos coma nos sociais, que as oligarquías precisan para intensificar o dominio e o control sobre a forza de traballo, e que conleva tanto a expropiación de dereitos adquiridos como o medre da fenda entre os sectores privilexiados e a meirande parte da poboación, a reivindicación da condición da cidadanía pode ter unha capacidade mobilizadora poderosa. Sobre todo cando a conciencia de clase non agroma ou non se explicita por mor do efecto adormecedor da produción simbólica mediático-cultural. Así a reclamación da restauración dos dereitos sustraídos coma a consecución doutros novos posibilita máis doadamente a identificación cunha comunidade de desposuídos que a exclusiva e única referencia á clase traballadora. A adquisición e exercicio de dereitos económicos, sociais e culturais vaise percibindo xa coma condición para o desenvolvemento dos dereitos civís e políticos que enmarcan a cidadanía. Isto non significa renunciar ao concepto de clase social, nin a existencia de clases marcadamente antagónicas. Tampouco negar a necesaria e permanente revisión constante da estrutura de calses nun modo capitalista de acumulación flexíbel como o actual, senón apropiarse do concepto de cidadanía e estarricalo ao máximo para poñelo ao servizo, precisamente, das clases populares. Sen esquecer, alén do anterior, a loita solidaria a prol dun estatus de cidadanía universal fronte as fortificacións que procuran a fragmentación e a desunión entre pobos e individuos.

Se desde a esquerda nos apropiamos da reivindicación da cidadanía, cando se enarbore a mesma se estará a demandar xustiza,  igualdade e transformación social. Non temos que ter reticencias en empregar o termo xa que o mesmo pode ser ampliado a un alto nível e fornecido dun contido extenso. Así concebida, a pertenza cidadá, dificulta e insire contradicións nas concepcións da dereita liberal ou conservadora que non son quen de lle dar cumprida satisfación, ao se formular a mesma respondendo ás expectativas das amplas masas precarizadas que demandan a realización de políticas e medidas que revirtan o deterioro das condicións de existencia. Tamén a reclamación cidadá implica  a superación da situación na que o conxunto da poboación só é concebida coma suxeitos pasivos privados de decisión sobre o seu presente e o seu futuro. É un concepto elástico e flexíbel, preciso de ser completado coma tantos outros e que permite, por esta razón, recuperar o seu uso sen incompatibilidades nen esquecementos dos instrumentos teóricos da análise marxista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.