A loita polo relato no proxecto Gama promovido por Greenfiber (Grupo Altri) en Palas de Rei

Plano para a factoría de Greenfiber en Palas de Rei, incluído na documentación que a Xunta ten a exposición pública no marco da súa tramitación ambiental © Altri

Á miña filla Inés Pereiro, e ao futuro dos nosos fill@s

 

Introdución

Por medio do ANUNCIO do 20 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria, someteu a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L.1. Culminaba así un proceso de dous anos despois dun anuncio na comunicación social deste proxecto, que inicialmente foi pensado para a Mariña de Lugo e outros lugares de Galiza, con globos sonda e bombas informativas de gran espectáculo mediático (ex. mensaxe da creación de 2500 empregos directos). 

Este é un fito que exemplifica xestión sen planificación e planificación industrial sen boa xestión. As análises científicas do proxecto mostran: a) a improvisación e alteración de criterios e mensaxes por parte de GREENFIBER S.L. (coordinador: Bruno Dapena); b) elementos moi críticos do proxecto proposto para A Vacariza (parroquia de Remonde, Palas de Rei, Lugo, Galiza), especialmente no que respecta á afectación ambiental, patrimonio cultural, Camiños de Santiago, estudo socioeconómico e proxecto técnico (cf. Pereiro, Carreño e González Rodríguez, 2024; Pereiro, 2004a; Pereiro, 2004b). As máis de 20.000 alegacións presentadas ao proxecto mostran non só unha grande contestación social, senón tamén a produción de efectos negativos do proxecto, antes da súa construción, un grande malestar e un conxunto de perspectivas e intereses en confronto, que tentaremos resumir neste texto. A miña posición epistemolóxica e ética será aquí crítica e diferente dos modelos de subordinación da ciencia á política e á técnica. Esta posición ao servizo da sociedade é feita desde unha mediación crítica e desde a defensa dos valores da xustiza ambiental e patrimonial, como forma de tentar resolver os seus problemas máis destacados.


 

Os relatos pró-ALTRI: 

Nos seus discursos chama a atención a utilización frívola e pouco seria e confusa dos conceptos “sustentable” e “sostible”, eles son termos utilizados para maquillar unha realidade ben fea e diferente, que se nega e invisibiliza de xeito político, emocional e sentimental

Comezo por afirmar que o anuncio da instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei xerou unha oportunidade e unha ameaza ao mesmo tempo para as condicións de vida dos habitantes do Alto Ulla. Este anuncio principiou unha loita por un réxime de verdade e un exercicio de saber-poder, seguindo ao filósofo francés Michael Foucault, que se evidencia nos relatos e discursos cruzados entre a empresa (GREENFIBER-ALTRI), a Xunta de Galicia, as plataformas de veciños e cidadáns organizados, a diversidade do mundo académico, mediático e a sociedade civil. 

En primeiro lugar, a miña análise conclúe que a maioría dos relatos a favor do proxecto GAMA de ALTRI en Palas de Rei teñen os mesmos eixos de discurso e son reiterados en diversos medios de comunicación (ex. La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego, TVG, Economía Digital...). Pero de forma paradoxal, moitos dos interlocutores e mensaxeiros recoñecen publicamente o seu coñecemento superficial ou o descoñecemento en profundidade do proxecto GAMA. Mais, a continuación no seu oficio de “todólogos” (opinadores de todo e máis algunha cousa sen coñecemento e análise científica afinada) atrévense a xulgar e opinar sen fundamentación científica cabal, sen ter lido as solicitudes oficiais da empresa diante da administración pública (Xunta de Galicia- Consellería de Industria, e Augas de Galicia), que son públicas e están online. En liñas xerais podemos encontrar neses discursos dos “todólogos”, ideoloxicamente desenvolvementistas, os mesmos argumentos e establecer unha tipoloxía de relatos: 

A idea da sustentabilidade “absoluta” do proxecto GAMA, ata o punto que parecera que as súas chemineas van expulsar perfume ecolóxico. Presentan así unha fraca xustificación da compatibilidade entre este proxecto empresarial, a conservación ambiental e a explotación sostible da terra. Nos seus discursos chama a atención a utilización frívola e pouco seria e confusa dos conceptos “sustentable” e “sostible”, eles son termos utilizados para maquillar unha realidade ben fea e diferente, que se nega e invisibiliza de xeito político, emocional e sentimental. 

O disfrace do proxecto coa etiqueta de “biofábrica”, nun exercicio de manual de “greenwashing” (lavado de cara). En liña co anterior, o proxecto GAMA representaría a construción de un paraíso dunha paisaxe domesticada convertida en “xardín das delicias”, alegre e feliz á mirada do observador. 

O discurso de que o “lyocell” (fibra artificial téxtil producida a base de celulosa soluble derivada de biomasa forestal tratada) é ecolóxica 100% e moito máis ecolóxica que a produción de nailon, algodón, liño e outros tecidos. Se ben como principio teórico é certo, non o podemos considerar un absoluto, por que? Vexamos, primeiro porque a produción de lyocell tamén vai ter algunhas emisións contaminantes, algo recoñecido publicamente na solicitude de AAI (Autorización Ambiental Integrada), segundo porque hai produción ecolóxica de tecidos moito máis sostible que o proposto no proxecto GAMA. E en terceiro lugar, nada nos garante a 100%, salvo que haxa adiviños en GREENFIBER, que o lyocell será o futuro do sector téxtil, non habendo nin unha única empresa téxtil galega que teña asumido un compromiso co proxecto ALTRI... polo que desta forma está cuestionada o “sambenito” da economía circular, da economía colaborativa e a descarbonización. 

A industrialización trae sempre desenvolvemento e progreso, benestar material e inmaterial. 

A creación de gran cantidade de empregos a beneficiar a unha zona clasificada estereotipadamente como “deprimida”. 

A visión depredadora da natureza como recurso para explotar de calquera forma ou co mínimo impacto negativo. 

DDT (Donos disto todo). Algúns políticos falan do proxecto desde unha perspectiva patrimonialista da propiedade dos recursos públicos galegos, pero tamén dos privados (ex. expropiación de terras...). O seu ego de seres superiores, baseado no sistema electoral de maiorías e minorías, está moi alto e pensan que Galiza é a súa “quinta”. Pensan que son políticos e non que fan de políticos ao servizo da cidadanía. A súa arrogancia simbólica chega ao punto de menosprezar o pobo que os votou e escolleu para gobernar. Máis ben, de xeito crítico, moitos dos políticos que rexen as consellerías da Xunta de Galicia e que nos gobernan, non foron escollidos directamente por nós senón polos presidentes do goberno autonómico. 

O discurso legalista e administrativista, segundo o cal se confunde lei con xustiza, administración con imposición arbitraria e regulación con posicionamento incondicional a favor do capitalismo natural. É desta forma como dividen máis a sociedade, aumentan o conflito e non practican a mediación social e política que lles vai asociada ao cargo. 

O discurso da innovación do proxecto e o seu valor de salvavidas para a economía forestal da Galiza. Pero o certo é que fábricas como esta hainas moito máis innovadoras noutros lugares da nosa Europa e con menos emisións contaminantes do que o proxecto GAMA en Palas de Rei, inclusive as da propia ALTRI en Portugal. 

O argumento do non consumo de auga do río Ulla, cando se pide como potencial máximo de uso 46.000 metros cúbicos diarios (fonte: Solicitude de AAI. Punto 4.5.2.8. (Captación e tratamento da auga): Recollida no encoro de Portodemouros (Arzúa – Agolada) unha cantidade de 46.000 metros cúbicos ao día, a través dunha tubería soterrada de 12.426 metros de lonxitude e 500 mm de diámetro (largo de 50 cms).).

Dise reiteradamente por parte de GREENFIBER que ALTRI nunca tivo multas por vertidos ao río Tejo en Portugal, pero iso non é certo. Vexamos dous exemplos: 

A empresa de ALTRI “Celtejo” (Vila Velha de Rodão) recibiu varios castigos, multas, restricións e sancións en 2018 por contaminación do río Texo (ver Jornal de Notícias: https://www.jn.pt/i/9110008.html/nacional/governo-prolonga-restricao-a-celtejo-9168160.html/ ). As multas foran dúas: a) a primeira no valor de 12.500 Euros, reducida polo Tribunal a 6000 Euros e logo a unha amoestación escrita; b) a segunda foi de 48.000 Euros (fonte: https://www.jn.pt/nacional/interior/tribunal-substituiu-multa-aplicada-a-celtejo-por-repreensao-escrita-9221783.html/ ). 

Máis aínda para a desconfianza, no inicio do mes de marzo de 2018: “No início deste mês, o Ministério do Ambiente confirmou, em resposta à Associação Sistema Terrestre Sustentável, Zero, que os dados do autocontrolo transmitidos pela Celtejo relativos a 2015 e 2016 "demonstram que não foram cumpridos os limites de descarga de efluentes a que estava obrigada", tendo a IGAMAOT confirmado mais um processo de infração por ultrapassagem dos valores limite de emissão (VLE).” (fonte: https://www.jn.pt/nacional/interior/tribunal-substituiu-multa-aplicada-a-celtejo-por-repreensao-escrita-9221783.html/).Isto non é un historial limpo e creou desconfianzas na Galiza e en toda España. 


 

Os discursos en contra dos anti-ALTRI

O politólogo James Scott incluíu entre as “armas dos máis fracos”, é dicir, entre as formas de resistencia dos dominados, o humor e a ironía como forma de resistencia fronte aos poderosos e os dominantes. Neste sentido os discursos anti-ALTRI (ex. “Altri non”), teñen moito de humor e ironía, pero tamén xuntan emoción e razón, sentimento e racionalidade instrumental e práctica

O politólogo James Scott incluíu entre as “armas dos máis fracos”, é dicir, entre as formas de resistencia dos dominados, o humor e a ironía como forma de resistencia fronte aos poderosos e os dominantes. Neste sentido os discursos anti-ALTRI (ex. “Altri non”), teñen moito de humor e ironía, pero tamén xuntan emoción e razón, sentimento e racionalidade instrumental e práctica. Contra esa resistencia, os poderosos tecnócratas que regulan o proxecto GAMA acusan de ignorantes as moitas persoas e grupos que cuestionan o proxecto, a súa adecuación territorial, ou o modelo empresarial e de negocio, e/ou que se manifestan en contra do proxecto na súa actual forma. Os eixos deses discursos acusatorios e inquisidores, recollidos en moitos medios de comunicación, son os seguintes: 

Son só “ruído” e reaccións emotivas e sentimentais que non racionais. Porén, non podemos esquecer que detrás de toda emoción hai unha razón ou razóns diversas.

Son froito da desinformación din, de xente que non entende de ciencia e técnica e que está manipulada ideolóxica e politicamente. Só nós, os tecnólogos e tecnocratas sabemos do proxecto. Esta afirmación de saber-poder choca coa realidade dunha sociedade dixital e unha sociedade da información cada vez máis atenta e consciente dos procesos sociais, económicos e políticos. Pero sucede que esta acusación de desinformación pode significar dúas cousas segundo os dicionarios e as enciclopedias (ex. a Enciclopedia Británica). Por un lado a desinformación (disinformation) sería información falsa que pretende enganar os outros, difundida adrede co obxectivo de confundir feitos reais e ficción. Por outro lado desinformación (misinformation) significa información incorrecta divulgada para construír unha versión da verdade alternativa. A desinformación do primeiro tipo sería un acto malicioso e intencional para aumentar a reputación propia de quen transmite unha mensaxe fraudulenta sen probas evidentes ou negando algunhas, e tamén coa intención de desacreditar a alguén considerado opositor e inferior.

Ademais, en relación co anterior, tamén se ten acusado os grupos anti-ALTRI de crear noticias falsas (fake news). En realidade, Greenfiber ten producido e divulgado na súa web (https://greenfiber.es/ ) “deep fakes” (imaxes de algo que non existe ou non aconteceu) e “cheap fakes” (falsificacións baratas) con intelixencia artificial, é dicir, imaxes que retratan algo que non existe, simulando a planta do proxecto GAMA na Vacariza sen as súas chemineas desde un picado que retrata un anel de árbores que en realidade non poderán crecer nese solo serpentino por cuestións edafolóxicas... Tamén se di na solicitude de AAI que as estatuas de San Miguel e San Bartolomeu están na fachada principal da igrexa de Vilar de Donos, cando leva moitos anos no seu interior... En realidade a web de GREENFIBER para o proxecto GAMA podería interpretarse como unha “hoax” (embuste) porque presenta contido falso único se a comparamos coa solicitude AAI E o EIA (estudo de impacto ambiental), pero tamén é un “factoide” pois repite determinada información que non está comprobada na AAI e no EIA tentando pasar esta como unha “verdade absoluta”, sen que exista na realidade oficial administrativa. 

Son plataformas de cidadáns manipulados politicamente, e son poucos porque o concello de Palas de Rei xa recibiu millares de CV para traballar na empresa. 

Os opositores ao proxecto GAMA en Palas de Rei non teñen coñecemento nin lexitimidade para falar, opinar, cuestionar e criticar o proxecto, ben publicamente ou ben a través de alegacións. E este unha práctica de deslexitimación da propia democracia e os seus garantes de contrapoder e control cidadán. É dicir, quen confesa ao sacerdote? Eles a si mesmos? Pero o certo é que as plataformas están integradas por xentes moi ben formadas, catedráticos de universidades, cun capital social e de coñecemento científico que xa lles gustaría ter a moitos centros de investigación. Son un verdadeiro laboratorio de investigación social comunitaria, que solidariamente defende unha forma de entender a vida diferente daquela proposta polo proxecto GAMA. 


 

Os relatos contra o proxecto GAMA de GREENFIBER S.L. ALTRI

Desde unha posición de relativismo ético, ao modo do antropólogo Clifford Geertz, afirmo aquí a miña postura de contrario aos anti anti-ALTRI, a prol do dereito democrático de disidencia crítica. Isto non significa adoptar unha posición favorable ao proxecto senón crítica e cautelosa fronte ao actual proxecto GAMA e o que considero de improvisación, mala comunicación coa sociedade, falta de pedagoxía pública e mala xestión da planificación do proxecto e a súa comunicación á opinión pública.

O meu punto de partida é o que afirmou o filósofo Han Byung-Chul: “Hoy estamos en la transición de la era de las cosas a la era de las no-cosas. No son las cosas, sino la información, lo que determina el mundo en que vivimos” (Han, 2021). Nesta sociedade da información da que fala o sociólogo Manuel Castells, cando se fala en desinformación refírese a unha falta e a unha carencia de información, algo que hoxe en día nunha sociedade dixital e global como a nosa é moi discutible, e máis neste caso en que os implicados teñen non só moita, senón moi boa información, e algo máis, coñecemento científico profundo, que non é o mesmo que información e datos sesgados. É dicir, a entoantropoloxía do saber sobre o proxecto GAMA de GREENFIBER -ALTRI está ben estruturada e organizada polos académicos críticos co proxecto, e tamén por técnicos de renome internacional que contrapoñen saberes científicos e prestixio académico a información inconsistente, pseudocientífica e contraditoria emitida por parte da empresa e a Xunta de Galicia.

Neste sentido, a sombra de percepción dos riscos do proxecto GAMA de GREENFIBER é ampla e os efectos do proxecto xa se deixan sentir en diferentes tipos de reaccións sociais dos que se consideran afectados. Vou dar algúns exemplos paradigmáticos desas efectos e reaccións sociais: 

O catedrático de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, especialista en hidroloxía e pesca, e director da estación “Encoro de Con”, Fernando Cobo Grandín, nunha entrevista en Radio Marca en abril de 2024, sinalou en relación co proxecto GAMA que “si el Ulla pudiera huir, huiría”. 

Hai un risco de ecocidio grande e de morte irreversible de espazos naturais importantes para as comunidades locais. Pero tamén de un risco de transformación máis radical aínda da paisaxe forestal galega, coa súa eucaliptización en aumento. Estamos fronte ao que podemos designar como necropolítica da natureza, e a defensa da vida e a resistencia serán tinguidos desde o poder dominante como atraso, romanticismo e nostalxia do pasado, discursos eminentemente etnocéntricos e disociados da realidade. 

Hai un risco de patrimonicido cultural e natural importante que afecta a un emblema da identidade galega, europea e mundial: O Camiño Francés de Santiago de Compostela, verdadeiro motor da economía cultural e moral galega, pero tamén elemento de recoñecemento internacional de Galiza, que non podería soportar 550 camións diarios (ruído, barullo, fume...) atravesando as súas proximidades e que non pode aceptar a degradación ambiental da súa paisaxe inmediata. O certo é que o proxecto GAMA vai contra a “Resolución do Parlamento Europeo sobre a aplicación da Convención sobre a proteción do patrimonio mundial,cultural e natural nos Estados da Unión Europea (2000/2036(INI)” (ver: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:52000IP0382&from=DE).

GREENFIBER-ALTRI non xustifica adecuada e correctamente a necesidade social e económica da produción de lyocell, de máis tecidos e roupa, cando no mundo se están tirando ao lixo toneladas desta. A industria téxtil é segundo a ONU unha das máis contaminantes do mundo (fonte: ONU, ver: https://news.un.org/es/story/2019/04/1454161). Hai unha sobreprodución téxtil no mundo e non se xustifica desde unha perspectiva de sustentabilidade holística o continuar a aumentar a súa produción. No deserto de Atacama (Chile) hai 100.000 toneladas de roupa abandonada, unha grande parte non utilizada (ver: https://www.lavanguardia.com/vida/junior-report/20220603/8311607/ropa-sostenible-moda-rapida-emisiones-medio-ambiente.html). A xustificación chega do beneficio económico e dun suposto lucro para as empresas téxtiles galegas, pero non hai evidencias empíricas do seu compromiso con esta produción e proxecto. A xustificación de que o lyocell poderá substituír fibras téxtiles de produción non ecolóxica por algo menos contaminante non está ben presentada, argumentada e demostrada na solicitude de AAI e no EIA. Por iso, é comprensible que non se acepte criticamente o proxecto ollando para outro lado, cando o que está en xogo é a calidade vida dos galegos e dos visitantes da Galiza. 

O río Ulla (conca hidrográfica Galiza-Costa, xestionada pola Xunta de Galicia) recibirá emisións contaminantes do proxecto GAMA, así o recoñecen na solicitude de AAI e no EIA, algo que se pretende negar publicamente desde GREENFIBER. Esa negación non pode fuxir a unha cuestión moi polémica que é a temperatura das emisións (27 grados centígrados de acordo coa solicitude de AAI). Este aspecto, mesmo que sendo legal, ao cumprir o estipulado na lexislación vixente de non aumentar máis de 3 grados centígrados a temperatura media do río (algo cuestionable na súa medición técnica) vai en contra da Directiva Europea da Auga (ver: https://eur-lex.europa.eu/PT/legal-content/summary/good-quality-water-in-europe-eu-water-directive.html), e ten na ciencia e na literatura científica un contrapunto, pois esta demostra que o aumento da temperatura da auga nesa proporción e rango destrúe o ecosistema fluvial e provoca unha eutrofización, nanobacterias e outras que colocan en risco a saúde pública humana e animal (cf. a obra científica do Prof. Dr. Rui Cortes, catedrático de Hidroloxía da UTAD). 


 

A polisemia da terra 

Para os promotores do proxecto GAMA en Palas de Rei, a terra é un ben mercantil que se compra e ten un prezo. Pero para as comunidades locais e as visitantes a terra ten tamén un valor, é un espazo para vivir, un modo de vivir asentado en memorias sociais de longa duración

Conta o escritor galego Carlos Casares que nunha reunión do grande escritor portugués Miguel Torga con 6 escritores galegos, entre eles Francisco Fernández del Riego, un deles díxolle a Torga que falaba moito de España, de Unamuno e de Castilla pero pouco de Galicia, a súa paisaxe e o seu color verde. Esquivo e agresivo, Miguel Torga respondeu: “Verde, diz o senhor? Mas eu não sou uma vaca” (cf. Casares, 1998: 26). Conto isto para destacar que os galegos non somos vacas pero somos “fillos” da economía da vaca (leite, carne, coiros, etc. etc.) e aínda hoxe hai máis de 4000 explotacións gandeiras no Alto Ulla (comarca da Ulloa, comarca do Deza, comarca da Terra de Melide, comarca de Arzúa). Directa o indirectamente esas explotacións poderían ser afectadas polo proxecto GAMA, especialmente polo recurso da auga do río Ulla e as posibles emisións contaminantes do proxecto, que vai utilizar non só celulosa, senón fuel-oíl, biomasa forestal e gasóleo como indicado no proxecto (solicitude de Autorización Ambiental Integrada presentada na Consellería de Industria da Xunta de Galicia). 

Para os promotores do proxecto GAMA en Palas de Rei, a terra é un ben mercantil que se compra e ten un prezo. Pero para as comunidades locais e as visitantes a terra ten tamén un valor, é un espazo para vivir, un modo de vivir asentado en memorias sociais de longa duración. Os responsables de GREENFIBER S.L. (empresa galego-portuguesa con maioría de capital de ALTRI) e os seus apoios políticos, tecnocráticos e pseudocientíficos confunden prezo con valor, e o que lles interesa é o seu negocio, por iso pensan que todo é mercantilizable e que todo ten un prezo. É algo moi cuestionable do punto de vista ético e da xustiza social e ambiental, que hoxe en día están plasmados en axendas internacionais como os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable) da ONU. 

Por outro lado, para os visitantes destas terras galegas e por vía do turismo e a sociedade patrimonial, natural e turística, a terra converteuse en paisaxe, en territorio para visitar, contemplar e desfrutar. A terra xa non é só un espazo de produción de alimentos, senón un espazo de afectos, de encontros e experiencias visuais e multisensoriais. É dicir, quen pasa no Camiño Francés de Santiago ou no Camiño Primitivo, pensan a terra como paisaxe secular, histórica, en transformación constante si, pero como un territorio que os fai sentir emocións e provocar reflexións sobre o noso habitar no mundo. É un vivir a historia. “Quérennos quitar as terras!” foi a expresión que unha señora de 84 años dirixiu a seu fillo de 48 anos (que lle tiña preguntado: Que che fixo a ti ALTRI?) en relación coa instalación de ALTRI na Vacariza. A visión individualista e mercantilista radical confróntanse aquí cunha visión máis tradicional, familiar e comunitaria, que entende a terra como valor e non só como prezo. Pero tamén, insisto, coas mudanzas sociais e as novas visións que entenden a terra como paisaxe cultural viva, como sociosistema e lugar para vivir dignamente co que entenden calidade de vida e benestar (well-being e non well-fare). 


 

Conclusións: O proxecto GAMA de GREENFIBER – ALTRI como propaganda

Fronte á propaganda, o que podemos facer é aplicar o método científico, ir máis alén das crenzas, cuestionar as ideas feitas, descubrir a verdade e aproximarse dela, e criticar a falta de información ou a información incompleta como a que practica GREENFIBER

De acordo co dicionario da Universidade de Oxford, a propaganda é a diseminación sistemática de información de xeito tendencioso e enganador para promover unha causa, defender un punto de vista particular ou unha axenda política. A propaganda utiliza xeralmente discursos deshumanizantes e deshumanadores, para manipular e infravalorar o diferente, sempre considerado inferior, nunca un igual. No meu entender, é isto ao que estamos asistindo neste conflito no plano do relato e do discurso. E fronte á propaganda, o que podemos facer é aplicar o método científico, ir máis alén das crenzas, cuestionar as ideas feitas, descubrir a verdade e aproximarse dela, e criticar a falta de información ou a información incompleta como a que practica GREENFIBER. 

 

Referencias bibliográficas

-CASARES.Carlos (1998): “O día que me regalaron a Miguel Torga”, en Un país de palabras: Vigo: Galaxia, pp. 25-33. 

-DORFMAN, Ariel e MATTELART, Armand (1972): Para ler el Pato Donald. Comunicación de masas y colonialismo. Madrid: Siglo XXI. 

-HAN, Byung-Chul (2021): No-cosas. Quiebra del Mundo de Hoy. Madrid: Taurus. 

-PEREIRO, Xerardo; CARREÑO, Sara e GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, Silvia (2024): Brief report about GAMA project for the implementation of a “macro cellulose” faciliy in Palas de Rei (Lugo, Galicia, Spain) near to the French Way of Santiago de Compostela. For World Heritage Center of UNESCO. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/brief-report-about-gama-project-for-the-implementation-of-a-macro-cellulose-in-palas-de-rei-lugo 

-PEREIRO, Xerardo (2024a): Análise da solicitude de AAI (autorización ambiental integrada) e do EIA (estudo de impacto ambiental) do proxecto “GAMA” promovido por GREENFIBER S.L. (grupo ALTRI) en Palas de Rei. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/an%C3%A1lise-da-solicitude-de-aai-autorizaci%C3%B3n-ambiental-integrada-e-do-eia-estudo-de-impacto-ambienta 

-PEREIRO, Xerardo (2024b): Análise dos criterios PERTE do proxecto “GAMA” de GREENFIBER SL (ALTRI) en Palas de Rei. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/an%C3%A1lise-dos-criterios-perte-do-proxecto-gama-de-greenfiber-sl-altri-en-palas-de-rei 

1 Ver : https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240304/AnuncioG0692-200224-0017_gl.pdf ANUNCIO do 20 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria, (CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN) - ANUNCIO do 20 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L. e declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2022, que se vai implantar no concello de Palas de Rei (DOGA nº 45, de 4 de marzo de 2024, pp. 16837-16896). Ver proxecto e informe de impacto ambiental en: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos?content=expediente_0005.html&fbclid=IwAR3f14YXzsksBS2ckfjJP24-04lbqlMaMjW8jdp06TRUsClgEGhQ6iLOi1Y_aem_AW7mRU7AVfy-VX8R1NPTrRzQgn7op1nWMOLgMhATsKNuIxnF1VEklQ9JTRNem4KS2djJoH2nZZ6kNWeTvetcAfey 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.