A “pell de brau” diante dun cisne negro

“A vegades és necessari i forçós 
que un home mori per un poble, 
però mai no ha de morir tot un poble 
per un home sol: 
recorda sempre això, Sepharad.
Fes que siguin segurs els ponts del diàleg 
i mira de comprendre i estimar 
les raons i les parles diverses dels teus fills.
Que la pluja caigui a poc a poc en els sembrats 
i l’aire passi com una estesa mà 
suau i molt benigna damunt els amples camps.
Que Sepharad visqui eternament 
en l’ordre i en la pau, en el treball, 
en la difícil i merescuda 
llibertat”
Poema XLVI de “La Pell de Brau”, 1960. Salvador Espriu

Hai momentos nos que recuperar aos clásicos para entender os nosos días é un xeito de distanciarse do ruído entolecido para intentar interpretalos racionalmente. Salvador Espriu, o autor máis universal das letras catalás, comprendía a España xeográfica como a terra ancha representada na vella pel dun touro curtida nunha realidade dolorosamente viva e chea de sangue, aínda latexante da chaga da que non podía (nin pode) curar. A pel de touro sería o espazo físico que os homes habitan, ou onde lles obrigan a vivir; e o touro, o protagonista que turra a vella pel nunha area imaxinada, arrancándoa cos cornos e converténdoa na bandeira da dor incesante baixo dunha realidade que detesta. Esa area sería Sepharad, a terra a onde chegara o pobo xudeu na súa diáspora, no seu Golah. Aí viviría un pequeno pobo, estranxeiro e enraizado. Nunha terra amada e odiada que anhelaba unha gloria pasada, consciente da súa (in)xustiza e dos seus pecados: o pobo de Israel, o pobo catalá. Era un paralelismo e unha metáfora que Espriu empregaba para afondar na traxedia e no difícil da convivencia entre os homes, na pel de touro e tamén a nivel universal. Que servía para fuxir do chauvinismo e da detestable realidade do, por daquela, presente réxime asasino e nacional-católico franquista: o pobo catalá debía proxectarse na esixencia da súa futura liberdade colectiva e da recuperación da dignidade nacional. A España oficial, pechada no seu labirinto multisecular coma cárcere de pobos, culturas e linguas, tamén viraba as costas á realidade material do común das súas xentes. Máis ou menos visibles, máis ou menos vencidas cos seus esforzos, mentres uns cantos señores paseábanse por ela enchidos, satisfeitos e alegres deseñando os límites do posible e do imposible. A estes a submisión e negación de todas e todos parecíalles o natural. E ante isto, un clamor de xustiza e liberdade, que máis tarde comezaría a popularizarse: un ideal republicano que servía para fuxir desa realidade desfeita, e construír futuro.

Contextualizando, e na distancia vantaxista que permite adoptar a evolución histórica, semella pouco afortunada a escolla da parábola: moito mal trouxo á Terra considerarse un pobo escollido por Deus. Mais é outro cantar. O substancial agora é destacar que o estado que recobre a “pell de brau” sofre unha monumental tormenta perfecta de problemas, sobre os cales analistas da prensa internacional comezan a falar xa desa complexa realidade político-institucional, económica e social botando man doutra metáfora explicativa: as expectativas e a situación xeral é cualificada por algúns coma a dun “cisne negro”.

A “teoría do cisne negro”, ou teoría dos “Eventos de Cisne Negro” foi desenvolvida polo matemático libanés Nassim Nicholas Taleb1, encerrando o concepto de que cando un evento é unha sorpresa (para o observador) e ten un grande impacto, despois do feito, este evento é racionalizado por retrospección. Sería un evento difícil de predicir, pola baixa probabilidade de que aconteza, e que estaría fora do ámbito do decorrer esperable da historia, da ciencia, das finanzas ou da tecnoloxía. Un suceso de grande magnitude, como a desintegración dun estado ou unha catástrofe medioambiental. Un descubrimento extraordinario contra toda lóxica. Ou a implosión repentina dun sistema financieiro. Mais serviría para calquera outra eventualidade imprevista cun alto impacto no devir histórico. Nassim N. Taleb sostén que os bancos e as empresas son especialmente vulnerables a este tipo de eventos, considerándoos moi perigosos, pois estarían expostos a perdas moito maiores ás prognosticadas polos modelos estatísticos e matemáticos. Tamén que os científicos de toda disciplina (politólogos ou economistas incluídos, por descontado) sobreestiman o valor das explicacións racionais sobre os datos actuais e cotiás ou os modelos do pasado, infravalorando o seu compoñente de aleatoriedade. O azar.

Semella que a tónica xeral na apertura da andaina histórica que agora comeza está repleta dunha manchea de imponderables, incertezas e encrucilladas de difícil, e mesmo dubidosa, resolución. Pura incógnita. Sempre haberá quen queira restablecer “a orde” no que considera “un caos”. A teor das eleccións xerais de decembro, nas que deixamos atrás para sempre a orde política de 1978 no que atinxe á representatividade, ábrense unha multiplicidade de escenarios ante os que haberá que considerar distintas respostas. Será unha guerra de posicións en toda regra, no senso gramsciano: unha loita latente entre os sectores dominantes e as clases subalternas e máis conscientes da sociedade civil para convencer, mediante o relato, ás maiorías sociais da necesidade de estirar e preservar os límites desta ou conquistar determinada orde social. Algo que está en disputa na etapa contemporánea desde que o 15-M alertara da crise orgánica e cultural dun sistema asentado na corrupción estrutural que producía (e produce) desemprego, precariedade, exilio económico e desigualdade: “a revolta das neveiras baleiras”, que decretou a defunción da gramática consensual da Transición así como a viabilidade da aspiración omnímoda da necropolítica neoliberal2. Este sentido de época significou a volta á vida da Política no conxunto do estado español. Contra isto hai tentativas inmanentes ao Poder real, que pretenden reducila ata a súa anulación máis completa. Véxase Grecia. Mais a Historia, como sabía Espriu, progresa en espiral sen solución de continuidade.

Unha multiplicidade de factores esóxenos e endóxenos ameazan a “estabilidade” do sistema monárquico-parlamentar que coñecemos. O status quo, o stablishment, aférrase á ilusión de que nada mudou. E fará o indicible por dar aparencia de normalidade baixo a excepcionalidade alí onde a vontade popular emerxente no 20-D, e anteriormente nas eleccións municipais de Maio, dixera que había que comezar a dar saída en chave democrática e de xustiza social a tres elementos. Un deles sobrevido como consecuencia da grave crise-estafa económica que arrastramos desde 2008, supeditada ás férreas regras da ditadura austeritaria e debedocrática: a consolidación da precariedade nun contexto de suspensión do “estado de benestar” e regresión de dereitos e liberdades. Outra relacionada coa impunidade da corrupción estrutural, que afecta o corazón das institucións, mesmo das consideradas capitais. E outra relacionada co “encaixe territorial” das nacións “periféricas”, onde o epicentro do principal conflito sitúase arestora, polo momento, en Catalunya.

Sen unha lectura seria e rigorosa do fenómeno que, como pouco, vén acontecendo nos Països Cataláns desde fai unha década será inviable unha resolución non-traumática do contencioso xurídico-político que enfronta á maioría do pobo e ás institucións catalás co estado español: preto dun 80% dos cidadáns cataláns entenden que teñen dereito, como mínimo, a decidir establecer unha nova relación diante da perda efectiva de soberanía, que é algo compartido nesta UE. Consideran que a soberanía reside no pobo e pre-existe a calquera formulación dun estado. Son, por vontade propia, unha nación cunhas institucións autónomas que datan do século XIII, con episodios de imposición e negación pola forza, recobradas coa pre-autonomía de 1977 e o regreso simbólico de Tarradellas e posteriormente continuadas coa aprobación e desenvolvemento dos Estatutos de Autonomía, ata que se esgotaron pola vía dos feitos. Hai unha revolución democrática e autodeterminista en marcha en cada pobo, en cada vila e en cada barrio que cuestiona a legalidade e o deseño institucional vixente. Desde Arenys de Munt e as consultas independentistas. Transversal, que incorpora segmentos moi amplos e plurais da sociedade civil. Todo o que sexa negar isto, e reducilo a unha ou outra persoa ou partido, é simplemente unha falacia e un reducionismo. Ademais dunha irresponsabilidade política de enorme magnitude, máis alá do interesante que sería debater sobre a oportunidade de recomposición do post-pujolismo, ou outras consideracións en chave interna catalá.

Estes tres elementos do apartado endóxeno (social, confianza institucional e crise territorial) configuran un panorama potencialmente desestabilizador que unicamente pode xestionarse en dúas direccións: mediante unha apertura democrática que incorpore reformas radicais, ou a través dun peche oligárquico por arriba que tutele mínimas reformas dilatando sine die as distintas situacións á espera de que a variable económica mellore, actuando coma sedante social; unhas en cumprimento de obrigas contraídas con poderes alleos (UE, mercados, acredores…) aos que incomodaría perder o control e a intervención de facto sobre a política española. Outras porque son constitutivas dun sistema político cunha (i)lexitimidade de orixe dada: a sacralización e mistificación secular de determinada concepción unívoca da españolidade. Alén do identitario existen relacións ambivalentes de dominio no eixo centro-periferias que historicamente fundamentaron unha rea de desequilibrios, rancores e agravios.

Do escenario do 20-D, sumado á cuestión catalá, non se adiviña máis ca unha Gran Coalición tácita ou explícita nalgunha das súas modalidades (p. ex. goberno de “salvación nacional” entre PP, C´s e PSOE), ou a convocatoria de novas eleccións xerais que poderían desembocar noutra situación de bloqueo. O último ten menor verosimilitude, sobre todo como resultado da aposta decidida do Parlament e a Generalitat de Catalunya de continuar co “procès” e a folla de rota que culminaría cunha declaración unilateral de independencia en 18 meses logo de ir consolidando “estruturas de estado” durante o camiño.

Dentro do bloque independentista catalá hai distintas concepcións de ruptura. Nunha parte domina a hipótese da construción dun novo estado europeo (unha secesión) coas complexidades legais e de recoñecemento internacional que se derivan, e noutra enténdese nunha liña máis acorde ao espírito que impulsara algúns precedentes históricos e apuntaba Oriol Junqueras nun artigo datado o 24 de setembro de 2015, publicado no diario Huffington Post: proceso/s constituínte/s como detonante/s de fondas mudanzas estruturais para o conxunto dos pobos da “pell de brau”; “a futura República catalá pode ser a mellor aliada da futura República española”. Caberían interpretacións diferentes para esa nova relación afectiva, xurídica e política: desde un estado federal ou confederal real ata unha fraterna e construtiva boa veciñanza, pasando por un estatus de libre asociación. Da reacción (dialogada, ou de enfrontamento directo e negación mutua) que manteñan nos vindeiros meses as elites e os centros de decisión en Madrid e Barcelona depende en boa medida que todo este cóctel de tensións, oportunidades e ameazas desemboque nunha axitación política descoñecida de consecuencias difíciles de predicir hoxe, ante as cales a comunidade internacional está especialmente interesada.

 

1- “Cisne Negro: el impacto de lo altamente improbable”. Nassim Nicholas Taleb, 2007.

2-  “De la necropolítica neoliberal a la empatía radical”. Clara Valverde Gefaell, 2015. Ed. Icaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.