A Marea de Vigo ou a unidade popular en construción

“Il nous faut de l'audace, et encore de l'audace, et toujours de l'audace"
George Danton

O caso de Grecia amósanos que a converxencia non só é necesaria, senón que é condición imprescindible para gañar. O exemplo de SYRIZA pon en claro que a unidade e a radicalidade son capaces de vencer na contenda electoral. Nestes momentos estamos ante unha ventá de oportunidade para crebar o bipartidismo e para rachar co bloqueo institucional. As eleccións municipais poden supor un paso máis para camiñar cara este obxetivo,  supoñen o escenario propicio para construir converxencia, unha oportunidade para  que a "unidade" se materialice, para que se convirta nunha onda democratizadora que limpe os concellos que a casta convertiu en niños de corrupción.

Para conseguir a ansiada confluencia, a xenerosidade de todos os actores ten que prevalecer sobre os intereses particulares

Dar a batalla no municipal aos partidos do réxime esixe xerar novos actores, que permitan a confluencia do vello e o novo, das tradicións políticas emancipadoras coas novas formas xurdidas do 15-M. Como amosan as mareas de cores (branca, verde, granate), ou as Marchas da Dignidade, isto non só é posíbel, senón que aí reside a base para calquera proceso de converxencia. Para conseguir a ansiada confluencia, a xenerosidade de todos os actores ten que prevalecer sobre os intereses particulares. O conxunto, a unidade popular, está por riba das partes.

A unidade popular constrúese dende abaixo e ten que ser expresión e factor de poder popular, do poder das maiorías sociais. Trátase de trasladar a experiencia da mobilización social, pasando da resistencia á ofensiva, dando a batalla polas institucións, recuperando o que é noso, o común. Construír una alianza de actores sociais que sirva de base non só para cambiar o goberno do concello, senón para democratizar radicalmente esa institución, poñéndoa realmente ao servizo do pobo.

O reto é artellar novos espazos onde conviva a cidadanía non organizada coas formacións partidarias que antepoñan a necesidade de unidade sobre a siglas. Programa colaborativo de mínimos e primarias con listas abertas e deseñadas cara a primar a pluralidade teñen que ser as condicións imprescindíbeis para esta convivencia. A este reto responden todo un ronsel de múltiples candidaturas cidadáns, algunhas con nomes similares e apelidos distintos, construídas con diferentes ritmos e actores protagonistas, Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ames Novo, Ourense en Común pero con métodos compartidos e coa convición de que se precisa un espazo de confluencia que vaia máis alá de siglas e nomes propios. Estes novos espazos non se deben quedar só na concreción de alianzas electorais, ainda que este sexa o terreo cara onde se están a volcar moitas das enerxías, senón no artellamento de espazos de converxencia para as maiorías sociais desde os que seguir tecendo resistencias ás presións austeritarias tralas eleccións.

Ese espazo de confluencia ten que ser un espazo aberto, en permanente reconfiguración, operando dialecticamente coa cidadanía

Ese espazo de confluencia ten que ser un espazo aberto, en permanente reconfiguración, operando dialecticamente coa cidadanía.  Cómpre reinventar experiencias, aprender en común coa lenta impaciencia que nos dá a presión da emerxencia e o impulso da necesidade. Os partidos teñen que achegar o seu inmenso caudal de experiencia acumulada sen adoptar posicións de tutela ou paraugas, antepoñendo os intereses da cidadanía sobre os cálculos electorais de parte, abandonando todos e todas calquera “patriotismo de partido” e calquera personalismo; aportando ese caudal de compromiso histórico aos novos suxeitos recén incorporados á política e que propoñen, pola súa parte, unha nova maneira de facer política. O resultado debe dar lugar a una candidatura plural, representativa dos diferentes actores, de tal xeito que non predomine un único equipo político, na que a diversidade enriqueza e retroalimente a todas e todos.  Debe ser unha síntese do “mellor do vello” e do “mellor do novo”, capaz de ofrecer un proxecto ilusionante.

A día de hoxe, en Vigo, o único proxecto que, ainda coas súas carencias e limitacións, cumpre con estas características e pode converterse no espazo común para todas as que queremos recuperar o Concello é a Marea de Vigo. Por riba de nomes ou etiquetas, hai un traballo feito ao longo destes meses, serio e democrático, que pode servir de canle para unha converxencia real. O mellor que se pode dicir da Marea de Vigo é que a Marea será o que decidan as que participan nela.

O proceso arrancou en agosto de 2014 como adoitan arrancar os proxectos novos, cun manifesto no que se chama a abrir unha fiestra á participación e ao empoderamento da cidadanía: "Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces  de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as  elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir. Propoñemos ir  rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para  construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das  vellas prácticas dos partidos do réxime".

O manifesto pula por abrir un proceso, non por rematalo, aposta por un escenario aberto, de inestabilidade e incerteza, si, pero de apertura e posibilidade, de reinvención continua cun horizonte, unha candidatura unitaria para vencer aos partidos do sistema que implique novas formas de facer política.

A Marea de Vigo, ainda que sendo o mellor espazo para a unidade popular a día de hoxe, presenta retos moi importantes de cara a conformar esa auténtica unidade popular que estea en condicións de desputar o Concello. O máis importante destes retos é a necesidade de impulsar a participación dende abaixo, un desbordamento, unha auténtica marea que xere ilusión e expectativas de cambio na nosa cidade. A participación de novos actores, un dos cales é Podemos, podería axudar a darlle ese pulo que precisa a Marea para medrar e bater con forza.

As demais propostas que se postulan como de unidade popular en Vigo deberían tamén asumir unha responsabilidade de converxencia, que os procedementos da Marea precisamente permiten e reclaman

As demais propostas que se postulan como de unidade popular na nosa cidade deberían tamén asumir unha responsabilidade de converxencia, que os procedementos da Marea precisamente permiten e reclaman, sen antepoñer ningún, no fondo, protagonismo personalista, por moito que se pretenda reclamar unha “independencia” fronte de presuntos “controis” partidarios. Os procedementos establecidos na Marea aseguran a pluralidade e a participación honesta e “compañeira”. Non sobra ninguén que teña como obxectivo a recuperación da democracia  municipal; todo é discutíbel menos esa finalidade e uns procedementos, os xa sinalados, que son a única metodoloxía posíbel para orientarnos nese sentido, asegurando a aberta participación popular e o empoderamento cidadán.

A posibilidade dunha diverxencia de plataformas cidadás que compitan entre si nas eleccións municipais constituiría un erro inmenso

En suma, a posibilidade dunha diverxencia de plataformas cidadás que compitan entre si nas eleccións municipais constituiría un erro inmenso, un triunfo para os partidos do Réxime, desaproveitar o escenario, a potencia democrática que quere despregar a cidadanía, organizada ou non. Deámoslle unha oportunidade, a ventá non estará sempre aberta

O futuro é noso; só precisamos de confianza e de disposición; de antepoñer o común a calquera visión particularista. Constrúamos esa marea que derrube os diques con que queren conter as xustas reivindicacións populares, diques que queren conter a forza dun pobo que, por fin, se fai consciente de si mesmo, das súas posibilidades e das súas necesidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.