A marea do interior

Contra o que eu pensaba despois dos anos 70 e 80,  o debate galego mantén principais asuntos sen resolver, por moito que estivesen agochados no acontecer político das últimas décadas.

A aparición de En Marea como concreción partidaria tras o 15M e Podemos (cos seus antecedentes de AGE e antes o Nunca Máis, as grandes mobilizacións polo idioma ou a sanidade) resucitou a controversia sobre o carácter do país e as súas alternativas políticas, mais fíxoo cabalgando novamente sobre tópicos e estereotipos do pasado.  Explicareime.

As diversas dicotomías nacionalismo-federalismo, tradición e modernidade, progreso e atavismo, urbano-rural, romanticismo-pragmatismo, soberanía-dependencia, autogoberno-centralismo español, língua galega vs castelán etc tornaron a ser usadas como elementos definitorios non xa do pensamento ou tendencia anímica individual,  senon como identificadoras para a militancia política, tanto para fóra na competencia entre partidos como dentro mesmo –no caso que me interesa—do universo da marea.

En Marea, mediante o seu Consello e Coordinadora,  órganos representativos e democráticamente elexidos polo conxunto das adscritas, defende a superación de todas esas contradiccións nun único proxecto, mais semella que nisto estamos en soedade.  Con Luis Villares á cabeza, mantemos o convencemento de que cabe e cómpre a síntese, a proposta dunha Galiza de seu, autogobernada e integrada nunha Hespaña distinta, construída con outras bases, republicana e europea, radicalmente democrática e plural, armada mediante unha maioría con vontade de gobernar e de facer a transformación necesaria.
Isto resulta contestado nas posicións  políticas orgánicas ou declaracións de persoeiros que poñen en cuestión algunha ou a maior parte –cando non todas— as bases da razón de ser de En Marea.

Decaeu a chamada mesa de confluencia cuxo fin era recuperar a iniciativa para os tres partidos da coalición orixinaria, nunha proposta que era realmente a culminación dunha campaña de descalificación de En Marea e o acoso e derrubamento dos seus órganos e voceiro Luis Villares.

Agora a situación torna a un certo punto de partida, onde se xoga o recoñecemento da organización como o sitio de encontro de todas as partes, coa adscrición individual de todas as persoas e a súa participación directa nas decisión, debates asemblearios e eleccións en primarias.  Tamén, claro, na elección do novo órgano decisorio entre asembleas, o Consello, e a súa comisión Coordinadora, executora das decisións orgánicas tomadas.

O recoñecemento de ser En Marea o espazo de todas, onde nos encontramos, debatimos, contrastamos, facemos valer os nosos pensamentos e a nosa capacidade, competimos persoal e intelectualmente, eleximos libremente ás máis capacitadas e imos construíndo a alternativa asi plural e con vontade de maioría, está cuestionado polos xentes que serían as primeiras obrigadas a defendelo. 

Asi, o proceso de elección da dirección de Podemos presenta dúas alternativas que a respecto de En Marea non ofrecen variante sustancial.  Podemos non quere En Marea, a dirección saínte de Carmen Santos negou sempre o seu apoio ao chamado partido instrumental – e Bescansa ten demostrada a mesma posición, se acaso con maior descoñecemento--, mentres que os chamados podemitas confluíntes só o son se En Marea se prestase a funcionar como pata presuntamente cidadá da coalición dos tres partidos. Esquerda Unida, atendendo ás súas cousas, xa ten manifestado claramente a súa opinión, lembraredes “o partido ornamental”.  E Anova quere o terreo despexado, manter o seu estatus de socio dun tercio da coalición, e non admitir estorbos.

Mais na ofensiva antimareil hai máis participantes.  Aparte dos movementos motivados por apetencias persoais dalgún persoeiro, temos tamén unha forte contrapartida nas accións da Marea Atlántica coruñesa.  Difícil de comprender que as plataformas locais gobernantes tivesen adicado tempo e esforzo a combater a quen por lóxica son os seus primeiros valedores e aliados indispensabeis.  Os alcaldes necesitan de toda a axuda posibel, arrimar vontades e non excluilas, ampliar a súa influencia e non recortala, e por iso sorprende a súa arriscada aventura “exterior” e a súa descalificación de tantas persoas mareantes, perplexas e/ou indignadas con esta inmensa equivocación.

Teño que suliñar que no marco desta absurda competición, as declaracións de Xulio Ferreiro sobre o carácter urbano do país, e os seus ataques a unha visión “bucólica”, romántica e atávica, e a un exceso de proteccionismo do rural veñen a mostrar que, simplemente, acó o rexidor está na berza (toleren, é favor, esta alusión tan rústica)-

Non é casual. Na estratexia de Pablo Iglesias o concepto de “cidades rebeldes” sustitúe á autoorganización das nacións do Reino. O coruñesismo atopa aí unha continuidade que o liga preferentemente a outras cidades de referencia, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Cádiz… e se fose posibel París ou Berlín, claro.  Nada novo: Paco Vázquez especulou coa posibilidade dun estatuto de autonomía para A Coruña.  Non é esa a posición da Marea Atlántica gobernante na agora miña cidade, seino,  mais tamén é certo que anda lonxe dun proxecto galego de autogoberno e de completar a formación daquel “suxeito político” teorizado por X.M. Beiras.

A dicotomía urbano/rural xa é moi discutibel universalmente, mais é un absurdo cando falamos de Galiza.  Nisto son un leigo, por moito que ande a ler cousas, dende Beiras, Xosé Constenla (O colapso territorial en Galiza), Lefevre ou David Harvey, chegando á conclusión de que hai que matizar.  En todo caso, a AP9 é un instrumento de concentración da poboación galega, mais atravesa ducias de concellos que son eminentemente rurais.   Só na provincia da Coruña,  Miño, Paderne,  Abegondo, Cambre, Ordes, Oroso ou Mesía, por citar algún.  As 7 cidades acadan apenas un tercio da poboación galega, e pouco máis se consideramos a poboación vinculada (é outra maneira de manexar os números), e a partir de aí, os núcleos periurbanos, rururbanos e todas as outras subdivisións do territorio. 

Non existe unha predisposición gubernamental a favorecer o rural  (está condenado, e XF parece disentir das acusación contrarias que lle facemos a Feijoo) nen hai decantación orzamentaria e política cara ese lado.  O dilema é outro. A conformación das urbes é propia e inequívocamente un instrumento do capitalismo para o dominio, para a desposesión;  o proxecto alternativo ha de defender o dereito á cidade dentro dun modelo global en que o territorio será o que poidamos construir e que ao tempo nos vaia facendo. Somos o país que fixemos e o que o país fai de nós.  Mais ese é outro debate.

A tendencia ruralista é unha das cousas que se lle achacan á maioría mareante e a Luis Villares, con outras supostas distorsións da proposta inicial mareante:  dende un presunto pecado orixinal de transfuguismo, a vontade de formar un partido escorado ao nacionalismo, a intención de formar unha especie de BNG2,  a cerrazón antiplural, unha hipotética dereitización, a negación do rupturismo, a deslealdade coas mareas locais etc.  Son moitas imputacións xuntas, que non vou desmontar agora, deixando para os lectores a súa interpretación, xa que hai feitos dabondo para que cada quen teña a súa formada e informada opinión.

Si que quero resumir a situación actual. O Plenario de En Marea e o proceso de elección dos novos órganos, Consello e Coordinadora, encaran a mesma gallada de sempre: por unha banda a marea como foi pensada, proclamada, convocada e construída dende a base, e por outra a pretensión dos tres partidos –os actores principais ou motores auxiliares, segundo sexa a ocasión— de salvagardar os privilexios dunha coalición electoral de grande rendemento e pouca presenza, garantidora de postos e cargos e remuneracións para os elexidos.  Esta é a principal coincidencia dos tres partidos, porque se atendemos ás propostas políticas de cada quen veremos que Podemos e Esquerda Unida teñen grandes diferenzas que os levan a manter ofertas distintas nas eleccións locais, mentres Anova difire grandemente en asuntos como a organización territorial do Estado, ou as alianzas internacionais, ademáis de elementos do cantado rupturismo: dereito a decidir, república, Senado, autogoberno etc.

A concepción de Hespaña como un Estado plurinacional pasou a ser un adorno no suposto socio  principal.  Ben mirado, En Marea tería que ser a opción para aqueles aliados que no conxunto español tiveran claro que a solución confederal habería de construirse dende as partes (non é unha concesión da autoridade central) e que iso significaría aceptar o espazo común como a alternativa política no territorio, evitando facerlle competencia. E viceversa.  Mais non.  Podemos está a construir a súa estrutura no conxunto do Estado, e a evitar no posibel que haxa autoorganización dos pobos chamados a confluir nunha idea distinta de Hespaña.

Asi as cousas, o proceso de En Marea significa realmente aproveitar a oportunidade de establecer unha vía de maioría social  (de hexemonía, verdade?) e transformadora que estaba negada no esquema político anterior á nosa aparición. Non se trata de completar a oferta nacionalista, senon de romper a súa limitación, a súa resignada complacencia.  Son décadas de demostración de que o país ha de ser construido con máis elementos, con moita colaboración, con outra visión da competencia política.  En Marea é moito máis ca o conxunto das súas partes, moito máis ca o total das persoas que a defendemos. É unha nova proposta, ancorada na acción de base, nas plataformas locais –variadas, a veces múltiples e sempre necesarias—e na organización popular. 

Iso nos xogamos no proceso de En Marea.  O proceso interno de Podemos interésame menos, e o resultado  da súa elección é pouco relevante para min, por máis que interese que o leven a bon fin e o resolvan nos mellores termos democráticos.

Achegar e esforzos, presenza, ideas, mesmo críticas á construcción do espazo da marea non serán de balde.  Vémonos no Plenario

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.