Circula unha acertadísima viñeta de Manel Fondevila ao respecto: hai moitos matices que separan ás diferentes familias da dereita pero teñen claro o obxectivo común. Na esquerda é ao revés, temos claro o obxectivo común pero sepárannos matices. Deixámonos separar dende hai moitos moitos anos e as cousas foron pintando cada vez peor, con posicións máis encontradas e matices que se ían convertendo en continentes afastados por océanos de desdén.
Hai moitos matices que separan ás diferentes familias da dereita pero teñen claro o obxectivo común. Na esquerda é ao revés, temos claro o obxectivo común pero sepárannos matices
Os de sempre teñen claro seus comúns obxectivos, a saber: forrarse e forrar aos amigos, curmáns e demais familia, o pastel para xa e a fame para mañá, privatizar o colectivo e colectivizar os problemas, todo, ás costas dos cidadáns; unha sorte de metabolismo social que prolonga a idade media ata o fin da humanidade.
Na transición, xa nolo advertiu a Bruja Avería: ti só non podes, con amigos, si
Na transición, xa nolo advertiu a Bruja Avería: ti só non podes, con amigos, si. Algúns esqueceron -ou esquecemos, non sei- esas sete verbas que resumen unha gran lección de vida. Sete verbas, como o famoso conto de Monterroso, para lembrarnos que o dinosauro inda segue aí e seguirá para sempre se non somos capaces de antepoñer os intereses colectivos aos egos. Porque non hai que enganarse, ao que moitas veces lle chamamos matices non son máis que egos desbocados, persoais ou colectivos, esa tendencia a crernos en posesión de verdades reveladas, a crernos máis: máis listos, máis puros, máis lexitimados, máis honestos incluso. Os compañeiros, os amigos, non son tales se un pretende ter máis peso que os demais nunha relación horizontal, non pode haber cabezas de león.
Os egos colectivos son esa enfermiza obsesión polas siglas, o obxectivo da autopropagación pase o que pase, por riba de persoas, feitos, ideas ou da mesma historia
Os egos colectivos son esa enfermiza obsesión polas siglas, o obxectivo da autopropagación pase o que pase, por riba de persoas, feitos, ideas ou da mesma historia. E dá igual se as siglas acollen a mil ou a unha ducia de persoas con tal de manter un núcleo de verdade cristalina no que sentirse protexidos, antes que confrontar a realidade das rúa. Creo que moitos o temos visto e/ou sufrido: o sorriso de medio lado e o comentario cruel cando un compañeiro/a busca novos horizontes ou é laminado; é o que teñen os egos insatisfeitos.
Só dende a unidade poderemos facer fronte aos desafíos que o século nos pon por diante
A realidade, o marco, está a cambiar a unha velocidade asombrosa e como a Raiña Vermella de Alicia do outro lado do espello hai que correr para continuar no propio reino, moverse a gran velocidade para estar no mesmo lugar. Quen non corra será sobrepasado pola evolución, de aí que os partidos exitosos serán os veloces, os lixeiros, os que teñan capacidade de cambio e adaptación.
Só dende a unidade poderemos facer fronte aos desafíos que o século nos pon por diante ou, dito doutro xeito, ser capaces de defendérmonos contra o ataque final que os poderes económicos globais están a executar contra a cidadanía e contra o planeta do que dependemos.
As mareas chegan para abeirar os egos e se non o entendemos desta teremos perdido varias xeracións decisivas
So apoiándonos na forza do colectivo fomos quen de derribar muros nun tempo brevísimo e asombroso. Será a ilusión do colectivo, das persoas libres unha a unha a unha a que xere o impulso preciso da cidadanía para empuxar a historia nun senso diferente. As mareas chegan para abeirar os egos e se non o entendemos desta teremos perdido varias xeracións decisivas.