A mocidade organizada

CC-BY-SA Praza Pública

O Día Internacional da Mocidade, 12 de agosto, desde as CCOO de Galicia como o resto do ano reivindicamos á mocidade como parte activa nos procesos de transformación dentro da propia clase traballadora, e queremos poñer de manifesto as necesidades materiais e tamén a necesidade de organizarse para avanzar e mellorar as nosas vidas. 

A Mocidade Galega, xunto coas mulleres, somos os colectivos que máis estamos a sufrir as consecuencias do neoliberalismo e as súas políticas, que xeran pobreza e incerteza nunha mocidade cada vez máis desmembrada en termos de clase e con cada vez menos forza para mudar estas políticas que tanto dano nos fan. 

A situación na que viven moitos mozos e mozas é de precariedade extrema, sen emprego estable, cunha rotación de contratos infinita —no mes de xuño en Galicia rexistráronse ao redor de 16.223 contratos a persoas menores de 29 anos e destes, só 567 teñen carácter indefinido (segundo datos do Ministerio de Emprego)—. Se a isto lle engadimos os elevados custos dun aluguer faise moi difícil que a mocidade teña algunha oportunidade de gozar dunha vida digna. 

Ademais do anterior o colectivo enfróntase ao uso fraudulento que se fai das prácticas laborais ou cas bolsas: xente cunha bolsa facendo o traballo dunha persoa asalariada, pero sen cobrar; tamén nos contratos en formación, onde as horas de formación son esquecidas pola patronal. 

Esta é a situación da mocidade, unha situación que fai que o momento que estamos a atravesar sexa desolador, sen esperanza é sen futuro e, malia que os datos macroeconómicos nos digan que a economía medra, este crecemento non chega nin por asomo á clase traballadora. 

A única saída que nos ofrecen as institucións é emigrar, converterse en «falso autónomo/a» e traballar na escravitude para as plataformas dixitais que, a pesar das sentenzas, seguen negando o traballo digno e seguro para a nosa xente, e digo seguro porque estamos expostos a niveis de risco laboral moi elevados, como podemos ver nos desgraciados accidentes ocorridos as últimas semanas en empresas como Glovo en Galicia.

Hai alternativa para a mocidade e querémolo sinalar neste 12 de agosto: temos que tecer unha rede entre a mocidade, para que de maneira organizada defendamos os nosos intereses como clase traballadora, esixindo o cumprimento dos nosos dereitos, así como xerar novos.

Temos exemplos de como a mocidade organizada é quen de avanzar: as socorristas en Vigo que están conflito por un salario digno, ou anteriormente as traballadoras de Médicos sen Fronteiras, ao igual que as demandas ganadas polos chamados «Ryders», ou a loita continua contra a fraude nas bolsas que protagoniza CCOO, sabémolo perfectamente e o capital tamén: ORGANIZADOS E ORGANIZADAS SOMOS MÁIS FORTES e podemos dobrarlle a man a eles e ás súas políticas.

Reivindicamos a derrogación da reforma laboral, e cuestionamos o papel que están a xogar as ETTs e as empresas multiservizos no proceso de precarización crecente da clase traballadora, tamén queremos novos regulamentos que consideren traballo asalariado o das persoas que o fan para plataformas dixitais e que agora se enmarcan no réxime de autónomas. Desde CCOO reivindicamos a creación do estatuto do bolseiro e da bolseira, que garanta condicións de traballo dignas. É preciso regular os prezos do aluguer e garantir o acceso aos estudos de maneira gratuíta e universal. 

E para rematar queremos reivindicar e chamar á mocidade a participar nas mobilizacións do próximo 27-S polo clima, hai que camiñar cara a novos procesos de produción que xeren empregos dignos e sostibles no tempo así como a tan necesaria sostenibilidade medioambiental, que nos permita ter un futuro san e saudable no planeta que nos tocou vivir e nos toca coidar. 

Temos que ser capaces de dirixir este proceso de cambio de modelo enerxético e produtivo que xa se está iniciando, para que os beneficios revertan na clase traballadora e non nas contas bancarias dalgúns multimillonarios e multimillonarias: dirixir o futuro é tamén unha tarefa ineludible para a mocidade obreira. 

Organicémonos, loitemos e gañaremos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.