Os profetas do austericidio xustifican os dogmas que proclaman por toda a eurozona –austeridade fiscal, rebaixa salarial, privatización de activos públicos- na necesidade de rebaixar os déficits públicos. Uns déficits públicos, moi especialmente os dos estados europeos periféricos –Grecia, España, Portugal, Italia- que, segundo estes profetas, son o resultado duns gastos públicos moi elevados –“viven por riba das súas posibilidades”-.
Unha xustificación que choca coa realidade e que non resiste a mínima análise empírica, por non falar do que nos ensina a experiencia histórica. A realidade, e as incontables evidencias empíricas, mostran que os déficits públicos destes estados son tanto froito da recesión económica provocada polo austericidio como do seu sistema fiscal. Uns sistemas fiscais, por certo, que son moi diferentes aos que teñen os estados europeos do norte.
Un sistemas fiscais que non se axustan as necesidades da economía e a sociedade deses estados senón aos intereses das grandes fortunas e os grandes capitais. Un sistemas fiscais caracterizados pola debilidade dos ingresos, e non polo elevado dos gastos, algo que estes profetas –como sucede por caso coa troica- non parecen entender ou non queren saber. De todo hai nesa igrexa.
España (e con ela Galiza) é un caso de libro de cómo os problemas fiscais derivan da estrutura do sistema fiscal no apartado dos ingresos e moi especialmente no sistema tributario (M. BARBEITOS: “Reformas pendentes”. PRAZA PÚBLICA DIXITAL, decembro 2015). Un sistema tributario que, de ningures, cumpre o mandato constitucional -“Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade que, de ningures, terá carácter confiscador” (Constitución Española, art. 31.1)-.
España é un dos estados europeos con maior nivel de fraude fiscal. O peso da economía somerxida en España esta hoxe avaliado nun 24,6% -25,6% en Galiza- que supoñen 11 puntos mais que a media na Unión Europea -13,5%-. Segundo estes datos España deixa de ingresar anualmente, por fraude fiscal, en torno aos 85.000 millóns de euros -6.000 millóns en Galiza-. Isto quere dicir que si España e Galiza tiveran un nivel de fraude fiscal a par da media na Unión Europea o estado español podería ter recadado vía fiscal 46.500 millóns mais anualmente -3.150 millóns mais en Galiza-. Estas cifras, confirmadas polos expertos, subliñan de forma contundente que os problemas fiscais de España e Galiza non están nos gastos públicos senón nos ingresos fiscais. Uns problemas de ingresos derivados dunha elevada fraude fiscal que nun 80% débese as grandes fortunas de España (e Galicia) localizadas maiormente entre as sociedades do IBEX 35 e entre a clase política.
Por outra parte hai que dicir ben claro que, en contra do que afirman os neoliberais (PP, C´s e parte do PSOE), non é verdade que en España (e, xa que logo, en Galiza) se pague moito en impostos. A baixa presión fiscal así o confirma -32,5% do PIB fronte ao 39,4% de media europea e o 41,5% na zona euro-. A realidade é que as grandes fortunas amais de defraudar moito pagan poucos impostos. Con unha presión fiscal equivalente a media da Unión Europea se poderían recadar anualmente en España 74.500 millóns de euros mais -3.800 en Galiza-.
Tal e como se poder ver a fraude e a presión fiscal condicionan totalmente a recadación en España (e en Galiza) e, xa que logo, a balanza fiscal. España é tamén un dos estados europeos con maior nivel de desigualdade fiscal. Unha desigualdade reflectida no tratamento discriminatorio con relación as diferentes rendas –capital, traballo-, algo que igualmente confirman as estatísticas. Si o IRPF é a columna central do sistema tributario español (42% da recadación) as rendas do traballo aportan o 84% dos ingresos fiscais por IRPF mentres que as rendas de capital so aportan o 9%.
Desigualdade que se ve confirmada nun IVE (30% da recadación) que grava maiormente as rendas medias e baixas. Tendo en conta esta dobre realidade resulta evidente que o sistema fiscal español apóiase maiormente sobre as rendas medias e baixas (clases traballadoras) confirmando así o seu carácter tremendamente desigual e inxusto.
Si a esta tripla realidade –elevado fraude, baixa presión e desigualdade fiscal- lle engadimos que en España (e en Galiza) desapareceron practicamente os impostos sobre patrimonio e sucesións, que o imposto de sociedades conta con un sen numero tal de deducións que practicamente desaparece para as grandes fortunas quen asemade contan con unha serie de facilitades para evitar o pago de impostos –como por caso as SICAV-.
Entenderemos o por qué da baixa presión e a desigualdade fiscal en España (en Galicia) e coincidiremos na urxente necesidade de poñer en marcha unha reforma fiscal. Coincidiremos tamén en que falar de un gasto público excesivo é unha enorme mentira e que seguir teimando nos axustes en España, e en Galiza, é unha monumental estafa que se lle está a facer as clases traballadoras galegas e españolas que pese a seren o soporte central dos respectivos sistemas fiscais son as vítimas principais dos axustes.
Para rematar, a urxente reforma do sistema fiscal español debe tamén avanzar na descentralización do mesmo. Unha descentralización que teña como un dos seus principios que a xestión e o control do sistema fiscal ha de rematar repartíndose entre as tres administracións públicas -central, autonómica e local- quen deberan estar perfectamente coordinadas. Un reparto no que as autonomías, como por caso Galiza, han de ter unha grande responsabilidade tanto na recadación tributaria como na xestión de determinados impostos –a determinar- ao tempo que a administración central responsabilizarase de xeito exclusivo da xestión doutros –tamén a determinar-. As autonomías igualmente responsabilizaranse de transferir algúns impostos aos seus concellos. Esta múltiple responsabilidade tributaria das autonomías requirirá que conten cunha Axencia Tributaria propia que se coordine coa Axencia Tributaria Central. Agora ben, tal descentralización fiscal para ser viable require dunha previa reforma do Senado en clave federal.
Agora que temos enriba unhas novas eleccións xerais en España ben farían os/as votantes galegos/as en prestar moita atención as ofertas fiscais dos diferentes partidos en Galiza.
P.D.: Os datos aquí utilizados proceden de fontes absolutamente fiables tales como GESTHA (Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda) e a propia Axencia Tributaria