A necesaria resposta europea fronte ao extremismo

Votación no Parlamento europeo ante a bandeira da UE CC-BY-SA Parlamento europeo

Hai dúas semanas publicamos nestas páxinas a nosa análise a respecto do ataque do trumpismo e dos seus aliados da extrema dereita europea fronte aos valores da democracia e da liberdade que definiron o proxecto da UE. Cómpre agora analizar que pode facer a UE fronte esta enxurrada

Hai dúas semanas publicamos nestas páxinas a nosa análise a respecto do ataque do trumpismo e dos seus aliados da extrema dereita europea fronte aos valores da democracia e da liberdade que definiron (con non poucos episodios de recuamento e atranco) o proxecto da Unión Europea (UE). Cómpre agora, como xa anunciamos no remate daquel artigo, analizar que pode facer a UE fronte esta enxurrada.

Sabermos quen somos

A primeira cuestión esencial é sabermos quen somos e quen son os nosos inimigos E o noso inimigo é o autoritarismo do trumpismo MAGA dende os EUA e os seus aliados da extrema dereita europea, incluíndo nesta fileira ao mesmo Putin que apoia aos gobernos húngaro e eslovaco e apoiou Trump nas eleccións presidenciais de 2016 e 2020 . E os nosos valores, que dende Washington e Moscova combaten, son as liberdades democráticas, a democracia, o Estado de benestar e o imperio da lei, na súa dupla proxección de sociedade de dereito e de convivencia regulada, que a medio da lei garante na produción e distribución de bens e servizos e na vida social e económica os dereitos laborais, a igualdade de xéneros, os valores ambientais e a saúde humana e animal. Unha regulación que, porén, non ha desbotar certa e precisa desburocratización no que atinxe ás pemes.

 

Autonomía industrial

A UE ha ampliar a súa base industrial, creando Fondos de financiamento comúns a medio da emisión de débeda común (eurobonos) para sectores estratéxicos (microchips, baterías, enerxía verde...) que eviten que cada quen compita polo seu lado, o que fragmentaría o mercado único. Cómpre tamén dirixir o aforro europeo ao investimento na Europa, reducindo a dependencia dos xigantes financeiros de Wall Street.

Autonomía estratéxica.

Europa ha rachar coa trampa do 3,5 ou do 5% PIB para a defensa, que só perpetua a súa dependencia dos EUA e das compras de produtos de defensa á EUA e reducirá a protección social do Estado do benestar europeo. Cómpre dar o paso para a política común de defensa, que mutualice exércitos e sistemas de protección civil, priorizando en progresión xeométrica as compras á industria europea e fomentando a colaboración en defensa cos estados do Espazo Económico Europeo, Reino Unido, Canadá, Australia, Nova Celandia, no horizonte dun único polo dentro da OTAN que mesmo poida superar esta estrutura no futuro.

Unha única política de defensa europea superará de vez esta dinámica do 3,5%-5% PIB. Mutualizar a defensa permitirá ponderar axeitadamente os recursos europeos que compre destinar a esta fin, en beneficio do mantemento e potenciación do estado de benestar e no prexuizo dos intereses do trumpismo de zugar os recursos europeos e fanar o proxecto europeo. 

 

Autonomía enerxética

O elevado custo da enerxía en Europa respecto EUA é unha ameaza directa para o Estado de benestar polo efecto inflación e polos eu efecto na inviabilización de industrias). Cómpre reducir a dependencia do gas licuado estadounidense a medio da aposta polas enerxías renovábeis e as compras conxuntas de enerxía, usando o peso do bloque para negociar prezos máis xustos no mercado internacional.

Mais esa aposta polas renovábeis ha impedir o sacrificio dos territorios periféricos, que vexan dende Bruxelas como ven dende Madrid determinados territorios como “minas” de enerxía. A Europa dos valores e do benestar esixe compensar directa e aqueladamente ás colectividades locais pola riqueza xerada na súa contorna .O interese público superior da produción de enerxía renovábel ha ceder fronte ás zonas de alto valor agrario, pesqueiro, paisaxístico ou ecolóxico e o autoconsumo industrial e as cooperativas enerxéticas locais han de se preferir aos macroparques.

Soberanía Tecnolóxica e Dixital

Europa ha deixar de ser un simple consumidor de plataformas de Silicon Valley. Fronte aos atrasos e dúbidas do ómnibus dixital arestora no trámite no Parlamento Europeo, compre fomentar a "nube" europea e protexer a privacidade dos dados dos cidadáns, que son a base da nova economía, desenvolvendo unha IA baseada en valores éticos europeos que non replique os modelos de precariedade laboral ou desinformación que chegan de fóra.

Defensa do modelo social e de benestar

O Estado de benestar é o que diferencia a Europa de EE.UU. Para protexelo cómpre afondarmos estándares mínimos de protección (salarios mínimos, acceso á sanidade, igualdade de xéneros) que eviten unha carreira cara ao fondo en dereitos laborais para gañar competitividade e liderar a loita contra a evasión fiscal das grandes tecnolóxicas (maioritariamente estadounidenses) para asegurar que as empresas que gañan cartos en Europa contribúan ao sostemento dos servizos públicos.

Blindarmos o sector primario.

A soberanía alimentaria é unha pata fundamental da autonomía estratéxica. Se Europa depende de EUA ou do Mercosur para comer, non é autónoma. Calquera produto importado ha cumprir exactamente as mesmas esixencias ambientais e laborais que se lles piden aos nosos agricultores e mariñeiros. para evitarmos competencia desleal. A PAC (Política Agraria Común) non só ha subvencionar a produción, senón que ha compensar de forma xusta ás persoas agricultoras por coidar o ecosistema e fixar poboación, recoñecéndoos como gardas da soberanía territorial. e o despregamento da eólica mariña non se faga sobre os caladoiros tradicionais, priorizando os intereses das comunidades pesqueiras. 

Fican pendente para outra análise das reformas institucionais, entre elas a potenciación da participación na gobernanza europea das nacións sen Estado como Galicia e máis as rexións con autonomía política, canda a redución do poder dos Estados na UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.