A noite é moi escura

“É noite. A noite é muito escura. Numa casa a uma grande distância/ Brilha a luz duma janela.” (Poemas inconjuntos,  Alberto Caeiro –heterónimo de Fernando Pessoa-).

O que pretenden realmente estes paxaros é outra cousa: que sexa alcalde o que encabece a lista máis votada. E para alcanzar tal mester a solución consiste en chamarlle burro ao cabalo e meter a trampa na lei

A elección directa dos alcaldes non é boa nin é mala, e o sistema actual, de elección polos concelleiros, non é máis democrático ca o que pretende instaurar o Partido Popular. Tales afirmacións non deixan incólume a ocorrencia de Rajoy e os perversos obxectivos dos seus compadres. O que ocorre é que ese conto –o da elección directa- non é máis ca unha manobra de distracción para entrar a saco na ocupación das alcaldías nas vindeiras eleccións locais. O que pretenden realmente estes paxaros é outra cousa: que sexa alcalde o que encabece a lista máis votada. E para alcanzar tal mester a solución consiste en chamarlle burro ao cabalo e meter a trampa na lei. Daquela, co novo sistema ideado polos que confunden picardía con virtude acontecerá que, nunha corporación de 25 concelleiros, onde verbi gratia, 4 grupos obteñan 5 postos cada un e outro consiga 5 actas, este partido (casualmente o do señor Rajoy) non só gañará a alcaldía senón que, grazas a tan fabulosa idea, entrará con 13 postos (8 máis dos conseguidos) e aqueles perderán 2 cada un.

Porén, un debate que en principio é inocuo convértese, mercé a mentes tan reviradas, nunha fargallada merdenta e perversa, propia dos que están empostos a confundir adrede o xogo democrático co xogo da brisca, onde o ás é a carta que máis vale. Xente malcriada e sen escrúpulos que ten pouco reparo en blasfemar, enchendo a boca con acepcións coma “rexeneración democrática”, para adaptar as regras aos seus antollos e caprichos, provocando apagóns democráticos acotío, ata instaurar un sistema político no que os que pensan distinto só lles queda deambular nunha noite cada vez máis escura.

Existe un alto grao de responsabilidade da militancia partidaria que goza coas artimañas de determinado tipo de representantes políticos

Mais se pasa o que pasa, non é só pola culpa dos que levan a maldade na sangue. Existe un alto grao de responsabilidade da militancia partidaria que goza coas artimañas de determinado tipo de representantes políticos, empostos a actuar máis coma xenerais dun exército de saqueadores dos dereitos da veciñanza que coma líderes dos seus partidos. Velaí a última que nos faltaba, malia a imposibilidade do estupor.

Mentres tanto, o partido da alternancia que xa defendera noutras dúas ocasións esta pantomima, agora pediu tempo para pensalo. Cousas veredes, amigo Sancho! Comezan polos concellos e non tardarán en armar outra parecida no Parlamento galego ou no do Estado. De postos, con permiso do respectable público, todo será posible.  

Ah! O meu tío Lisardo pensa que os arciprestes da “dexeneración democrática”, que se empeñan en encubrir a luz da lúa para que os que pensan distinto se esnafren na noite escura, deberían ir cavilando en mornear esa pérfida teimosía a fin de evitar que a xente do común se confunda nas tebras e, casualmente, acabe rebentándolle o bandullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.