Chegou Martiño Noriega por Compostela, e fíxose vertixe o acougo. Todo estaba modulado e estratificado no perfecto movemento continuo, e Compostela Aberta, un artefacto imprevisto e imprevisible, excitou o caos. Das organizacións do réxime, o bipartidismo e as súas próteses, aos aparellos de produción simbólica, todo se estremeceu. Martiño falou diante da casa de Ánxel Casal, e caeu a treboada sobre a cidade adormecida do fillo do trono. Nada volveu ser como fora sempre. E entón decidiron invocar as normas. O candidato de Compostela Aberta, seica, incumpría as normas. Mais a única que Compostela Aberta recoñece é a necesidade de gañar. Gañar para mudar as normas.
Chegou Martiño Noriega por Compostela, e fíxose vertixe o acougo. Todo estaba modulado e estratificado no perfecto movemento continuo, e Compostela Aberta, un artefacto imprevisto e imprevisible, excitou o caos
De nada vale manexar unha marca, un dominio, un logo, un produto que estea exposto, á venda permanentemente, protexido nun nicho máis ou menos estable do mercado electoral. É cómodo colocar o produto e coidar nada máis de que a data de caducidade non sexa demasiado visible. Pero é pouco eficaz en termos políticos, se entendemos a política coma unha actividade colectiva de transformación orientada ao ben común. O réxime de representación chanta os seus alicerces na ilusión de democracia. Necesita reducir á mínima extensión o seu significado, especializalo nunha única e simple acepción. Para o pensamento hexemónico, democracia é depositar nunha urna unha papeleta con marca, unha mercadoría. O fetichismo da mercadoría e da marca aplicado ao campo da política. A norma establece que a función do voto é adquirir unha marca sen dereito á devolución. A organización asume, daquela, a súa dimensión mercantil, enténdese mecanismo de mediación entre a ilusión popular, nas súas diferentes acepcións, e as realidades políticas, sociais, materiais, etc. A norma garante que todo funciona como debe.
É o xogo da simulación.
A simulación mantén vivo o espectáculo, dálle alento. É aí onde os medios de produción simbólica trocan o escenario da acción política. Substitúese a rúa e os espazos asemblearios, incluído o Parlamento, polo plató
A ilusión de democracia require que a simulación non perda o aspecto de realidade. A simulación mantén vivo o espectáculo, dálle alento. É aí onde os medios de produción simbólica trocan o escenario da acción política. Substitúese a rúa e os espazos asemblearios, incluído o Parlamento, polo plató. É a garantía de que a capacidade política da cidadanía queda diferida a instancias profesionalizadas, exentas por tanto de toda caste de control popular. Autónomas. O plató non o iluminan os participantes. Nin son os convidados os que deciden as posicións, movementos e planos de cámara. Tampouco os espectadores. Ademais, todo espectáculo ten o seu guión, e este non o escriben nin sequera os actores. A uns e a outros encoméndaselles reparto estrito de funcións na representación. Se calquera destas normas se creba, o espectáculo esfarélase e emerxe núa a realidade. Inaceptable.
A común acusación contra Martiño Noriega, Alcalde de Teo e aspirante a presidir a capital de Galicia, é o seu incumprimento dunha gran norma incontrovertible. Unha norma de aplicación persoal e exclusiva ao candidato de Compostela Aberta. Non é preciso nin un mínimo decoro sequera formal para reparar nin na orixe nin na fasquía nin na coherencia nin na equidade nin na universalidade desa norma aparente e presuntamente transgredida que non rexe para ninguén máis. De paso, tampouco ninguén parece reparar nas razóns polas que se institúen normas no ámbito político. Normas que figuran como preestablecidas, coma se as inspirase algún demiúrgo desde o principio dos tempos. Normas, por tanto, indiscutibles, mesmo que ninguén nunca antes as formulase nin a ninguén se lle aplicasen.
Quen, como e para que. Por que as normas. Por que certas normas de emerxencia. Por que a gran norma incontrovertible.
A esquerda e os movementos populares constrúen os seus compromisos éticos, que, no caso da acción política, pasan necesariamente, tal e como estamos vendo nos procesos de unidade popular, pola impugnación das normas vellas
Esas preguntas son fundamentais para toda acción política que se pretenda transformadora. Entón, liderar unha candidatura de unidade popular esixe comprometerse coa ruptura de normas. Das que fixeron parte dun consenso de elites e configuraron o aparello político institucional vixente, que nestes momentos están xa en cuestión; por suposto, tamén das que xorden en fase electoral como simples argumentos baleiros funcionais a intereses inmediatos. E daquelas que, nunha xogada propia de fazais, se elevan repentinamente a un rango de principios éticos sen base material, abstractos, formulados no baleiro. Mais as normas externas non son principios éticos. Estes xorden de procesos colectivos, e nesas estamos. A esquerda e os movementos populares constrúen os seus compromisos éticos, que, no caso da acción política, pasan necesariamente, tal e como estamos vendo nos procesos de unidade popular, pola impugnación das normas vellas, daquelas que serviron para lexitimar a expropiación da democracia, da nosa común capacidade política, dos nosos dereitos. Daquelas normas que sosteñen un exercicio do poder despótico e enfrontado ao ben común en beneficio do lucro privado.
Porque é o poder quen no terreo político impón as normas, non importa que forma aparente se lle dea a esa imposición. Algunhas mesmo parecen razoables; outras, nin iso. Todas son funcionais á reprodución do propio poder. Ningunha pon en cuestión a súa lexitimidade; nin as normas de obrigado cumprimento, nin as normas tácitas situadas no limbo dunha ética aparentemente pura e sen ancoraxe material, nin, por suposto, as normas temporais motivadas por feitos que caen fóra da casuística prevista. Estas, en todo caso, morren de estupidez xusto no momento en que a razón do común as asalta e evidencia a súa impostura.
Ás normas que morren de estupidez é mellor non lles dar moitas máis voltas.
Toda acción política de ruptura implica unha vontade de mudar as normas. Cando a acción política se xesta no ámbito múltiple e plural do campo cidadán ou popular, sempre en sentido republicano, a vontade da intelixencia colectiva e os seus instrumentos é a de suprimir as normas de reprodución da inxustiza e da agresión por unha nova ética e unha política nova que elevan o común, a maioría social agredida e os seus intereses e expresións á categoría de norma nova. Nese período histórico, a suxeición ás normas ou a insubmisión a elas é unha fronteira.
Non é casual que o combate se estableza de contado no imaxinario colectivo como un enfrontamento entre Hernández e Noriega. Con todo o que un e o outro representan
Así está ocorrendo coa proclamación de Martiño Noriega como candidato de Compostela Aberta á Alcaldía da Capital de Galicia. Non é casual que o combate se estableza de contado no imaxinario colectivo como un enfrontamento entre Hernández e Noriega. Con todo o que un e o outro representan. Un, as vellas normas e a necesidade vital, e particular, de mantelas en beneficio de grupo. O outro, as novas normas e a necesidade de incorporalas en beneficio colectivo da cidadanía do común. Ou sexa, da inmensa maioría. Democracia absoluta fronte a despotismo formalista.
Nesa confrontación de proxectos, modelos e figuras antagonistas, tamén os actores secundarios toman partido. O andel do supermercado electoral. O nicho cómodo e consistente. A autorreprodución. O réxime do bipartidismo alternante lexitímase coas organizacións prótese. E estas acoden a reclamar escandalizadas o cumprimento das normas. A redución do político ao normativo. Neste caso, un ámbito normativo tan inconsistente como que non está formulado, por moito que opinadores e medios teimen en arar reiteradamente nesa leira erma.
A contenda neste tempo visibiliza con extraordinaria claridade a diferenza entre a aspiración a estar e facer parte do espectáculo e a intención de gañar porque cómpre mudar as normas
A contenda neste tempo visibiliza con extraordinaria claridade a diferenza entre a aspiración a estar e facer parte do espectáculo e a intención de gañar porque cómpre mudar as normas.
Por iso é importante non atender a normas vellas, crebalas, pois son inxustas, alleas, lexitimadoras dun presente abafante que se desexa transgredir. E por iso cómpre desprezar as normas funcionais, as de xeración condicionada polo contexto político. Porque a principal norma é a vitoria popular como obxectivo.
E nesa contenda, ninguén se engana de inimigo. Nunca.